"Galicia, Galicia, Galicia". Alberto Núñez Feijoo pechou deste xeito (o mesmo recurso co que finalizara a súa intervención no debate televisado da campaña electoral) o seu discurso de investidura, reiterando unha das ideas forza repetidas ao longo da mañá deste martes no Parlamento, no que se presentou como "militante de Galicia" e no que lles demandou acordos e colaboración ás forzas da oposición. O líder do PPdeG subliñou que “este momento esixe acordos” e que “a xente non quere leas, quere estabilidade”, polo que lles pediu aos restante partidos "traballar xuntos" e chegar a "pactos", destacando que "a maioría absoluta dálle a Galicia unha forza indiscutible en todos os debates que están a piques de abrirse en España", comezando polo financiamento autonómico. Para isto, acuñou o concepto de "maioría absoluta aberta", sinalando ademais que espera que esta excepción (a galega é a única cámara autonómica con maioría absoluta) se converta "en norma" nos vindeiros anos.
Subliñou que “este momento esixe acordos” e que “a xente non quere leas, quere estabilidade”, polo que lles pediu aos restante partidos "traballar xuntos" e chegar a "pactos"
No resto do seu discurso, de ao redor de 90 minutos de duración, Núñez Feijoo trazou unhas liñas básicas de xestión para os vindeiros catro anos, sen demasiada concreción, prometendo iso si a creación de "entre 80.000 e 100.000 novos empregos", reducindo a taxa de paro ata situala "por debaixo dos dous díxitos". Tamén anunciou "impostos cero" para os mozos e mozas, familias numerosas e persoas con discapacidade que adquiran unha vivenda habitual nun concello de menos de 20.000 habitantes. Prometeu igualmente que os traballadores e traballadoras públicas recuperarán ao longo desta lexislatura "o nivel salarial perdido durante a crise". Anunciou tamén a reforma da Lei de Ordenación do Territorio e impulsos lexislativos para avanzar na rehabilitación dos conxuntos históricos de cidades e vilas. E, igualmente, a súa intención de estender os centros plurilingües á educación infantil de 3 a 6 anos ou o fomento do I+D+i e do retorno das persoas que emigraron ao estranxeiro, aínda que sen ofrecer propostas nin medidas concretas. O proceso de investidura continuará este xoves ás 11.30 coas intervencións dos voceiros e voceiras dos grupos da oposición.
Prometeu a creación de "entre 80.000 e 100.000 novos empregos", reducindo a taxa de paro ata situala "por debaixo dos dous díxitos"
Non foi un discurso con excesivas propostas definidas con exactitude, pero si fixou algunhas promesas e medidas cuantificables. Por exemplo, a xa referida actuación en materia de creación de postos de traballo, a través dunha Lei de Emprego de Galicia. E, igualmente, unha serie de medidas destinadas a favorecer os autónomos e autónomas, aos que se lles ampliará un ano máis a tarifa básica, recibindo ademais 16 semanas adicionais de permiso de paternidade. Núñez Feijoo tamén prometeu -aínda que sen data- rematar nesta lexislatura a Autovía do Morrazo, a conexión da Vía Ártabra coa AP9 e a autovía Santiago-A Estrada. De igual xeito, anunciou que a súa primeira acción como presidente da Xunta será aprobar o novo teito de gasto e presentar o proxecto de Orzamentos, que contarán con 250 millóns de euros adicionais.
No discurso predominaron apostas xerais, grandes liñas de traballo sen demasiada concreción
Predominaron, pola contra, algunhas apostas máis xerais, coma a que fixo polo fomento da I+D+i, co obxectivo de "potenciar Galicia como sede da innovación", poñendo en marcha "consorcios de investigación que sumen esforzos de investigadores, centros tecnolóxicos, grandes empresas e pemes". Ou o declarado "papel prioritario" do sector primario, sobre o que trazou unha visión moi optimista, destacando as potencialdades do sector forestal, vitivinícola, marisqueiro e mesmo do leiteiro. Igualmente xeralistas foron as súas mencións ao medio ambiente, apostando por reducir as emisións de CO2 e avanzar no obxectivo de que "as necesidades enerxéticas do futuro sexan cubertas integramente con enerxías renovables", aínda que sen concretar medidas nin instrumentos para conseguilo. No terreo educativo, Núñez Feijoo anunciou a súa intención de estender os centros plurilingües á educación infantil de 3 a 6 anos e un maior fomento do ensino do inglés e do portugués. E no sanitario prometeu que nesta lexislatura todos os galegos e galegas terán "un hospital ou un centro de saúde novo ou renovado", levándose a cabo ampliacións nos centros hospitalarios de Montecelo (Pontevedra), Ferrol, A Mariña lucense e Compostela. O "reto demográfico" foi outro dos asuntos sobre os que Nuñez Feijoo puxo o foco, mais sen ofrecer propostas concretas, e no que ao mesmo tempo pediu o acordo dos demais grupos ("trátase dun desafío que non entende de cores políticas").
Contrapuxo a "estabilidade" de Galicia fronte á inestabilidade, criticando o "illacionismo" e os "populismos"
Á hora de solicitar esta colaboración e este consenso, Núñez Feijoo empregou o pau e a cenoria, amosándose ás veces conciliador e ofrecendo diálogo ("a miña vontade é que esta maioria absoluta sexa unha maioria aberta" -repetiu o candidato popular- "gustaríame que as minorías non se sentisen hipotecadas por ningún xuramento de oposición sistemática que faga do debate parlamentario un exercicio estéril"), e noutras denunciando a oposición recibida na pasada lexislatura. Tamén criticou o "illacionismo" e os "populismos", sinalando en concreto ao soberanismo catalán e á convocatoria de propostas ante o Congreso durante a investidura de Rajoy, contrapoñendo a isto "o sentimento propio de Galicia e o sentidiño fronte ao barullo nacional" e sinalando que "os galegos non lle reclaman á política paraísos artificiais, senón que solucionen os seus problemas".