O socialista di que o debate independentista en Cataluña impide que Galicia poida reformar agora o seu Estatuto coa fondura necesaria, pero pide ter preparada unha proposta
O do portavoz do PSdeG no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, deste xoves foi o seu segundo discurso de réplica a Feijóo como candidato a unha investidura, logo do que o socialista xa pronunciara en 2009. Daquela, tras a derrota do bipartito, xa fora el o encargado de dar a réplica ao popular na primeira das súas tres investiduras, co nacionalista Carlos Aymerich como portavoz do BNG e con Touriño e Quintana presentes na sala. Sete anos e medio despois, pero sen mencionar a súa propia presenza naquela lexislatura, Leiceaga afeoulle a Feijóo que os seus anuncios daquela seguen sen ser unha realidade.
A demografía foi o primeiro e principal dos problemas de Galicia apuntados por Leiceaga, para quen “segue non igual, senón peor” que hai dúas lexislaturas. “As familias teñen un fillo pero desexan dous”, resumiu, problema que ao seu ver só terá solución se melloran as condicións laborais e o apoio dos servizos públicos. En materia económica, Leiceaga admitiu que “grupos de matriz industrial” como “Inditex, Citroën, a enerxía convencional” ou mesmo o turismo melloran de xeito constante cada ano. “Non digo que todo vaia mal”, concedeu, xa que “a internacionalización, con todas as dificultades vai progresando”, pero engadiu que “o balance global da industria a pesar destes sectores é negativo”. Unindo os problemas demográficos cos económicos, Leiceaga ofreceu ao PP acordos para impulsar sectores clave para o rural como as enerxías renovables ou, no lácteo, a súa disposición a “apoiar todas as iniciativas, e singularmente as de base cooperativa” que impulsen un gran grupo lácteo galego.
“Non digo que todo vaia mal”, concedeu o socialista en materia económica, pero engadiu que “o balance global da industria a pesar dalgúns sectores é negativo”
Xa pola tarde, na súa segunda intervención, e logo dos eloxios que Feijóo lle dedicou durante todo o debate -“digno”, “sólido”, “respecto”, “coherente”, foron algunhas das súas verbas cara o socialista-, amosando a súa disposición a negociar esas cuestións, Leiceaga tentou distanciarse algo do popular. O socialista deulle as grazas a Feijóo “por esas palabras tan amables que dedicou ao noso partido e a min mesmo”, pero considerou que “hai amores que matan”.
Sobre a aposta de Feijóo polo remate do AVE á Meseta en 2018, algo xa imposible, e a súa extensión de Ourense a Lugo, Leiceaga pediulle ao popular que volva ser “o azote sistemático dos gobernos que atrasan o AVE”, como fixera cando o PSOE gobernaba en Madrid, e lembroulle que en 2009 xa prometera facer a liña a Lugo con cartos da Xunta, algo que nunca avanzou, polo que lle esixiu que “non faga o ridículo”.
En materia de autogoberno, aspecto que deixou para o remate do seu discurso, Leiceaga pediulle a Feijóo que incremente as competencias da Xunta, pero non lle reclamou a reforma do Estatuto de Autonomía. “Non porque o considere innecesario, é que estamos nunha conxuntura demasiado dominada pola defensa fronte aos avances do independentismo catalán como para que poida prosperar a reforma que precisamos”, argumentou. O que pediu o socialista foi que Galicia estea “preparada”: “Teñamos lista a nosa proposta”, dixo, que debería basearse nun “modelo federal”. Leiceaga rematou asegurando que encabezará unha oposición “rigorosa e construtiva” que “nos vindeiros catro anos” tentará achegarse máis ás demandas sociais “para construírnos como alternativa”.
Entre o público, á intervención de Leiceaga asistiu a responsable da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, pero notouse a ausencia dos máximos responsables socialistas das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e do alcalde de Vigo.