0 Gardados para despois

O cadro de persoal da Xunta perdeu 3.000 empregos durante a crise

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O debate de investidura tras o que, o pasado xoves, Alberto Núñez Feijóo foi elixido presidente da Xunta por terceira vez consecutiva tivo un ton notablemente máis calmo que anteriores episodios na historia recente do Parlamento. Como adoito, o líder do PP e quen representaron a oposición contrapuxeron diversas fontes estatísticas e rebatéronse mutuamente a interpretación deses datos. Un destes tirapuxas foi o relativo aos recortes sufridos polo cadro de persoal ao servizo da Administración autonómica durante os anos da crise. O voceiro de En Marea, Luís Villares, reprochoulle a Feijóo unhas tesoiradas que o presidente negou cunha confusión de datos que despois deu, parcialmente, en emendar. Alén da discusión, o certo é que esa redución existiu e que aínda resta camiño por andar para recuperala.

Os datos máis recentes publicados pola Secretaría de Estado de Administracións Públicas, organismo que centraliza a información neste eido, indican que a comezos deste ano había en Galicia un total de 150.172 persoas a traballar para algunha entidade pública. Máis da metade destas persoas, unhas 86.500, desenvolven o seu traballo na Xunta, xa sexa nos servizos centrais das consellerías, nos grandes servizos públicos transferidos -sanidade e educación-, nas universidades ou na Administración de Xustiza.

Durante a crise sanidade e educación viron reducidos os seus planteis en arredor de cadansúas 1.500 persoas

A estas cifras chégase tras uns leves incrementos durante o ano 2015 que, no entanto, aínda deixan os números lonxe dos de comezos de 2009, inicio da serie que ofrece Administracións Públicas e que cadra co retorno do PP a San Caetano. Daquela traballaban na Xunta case 155.000 persoas e nestes anos as áreas máis prexudicadas polos recortes -en boa medida, polo veto á reposición de persoal xubilado, a falta de convocatoria de novas prazas e a diminución de efectivos temporais- foron as que acumulan máis persoal: a sanidade, que no seu punto máis baixo chegou a ver reducido o plantel nunhas 2.000 persoas, e a educación, con ata 1.600 docentes non universitarios menos. Nestas contas non se inclúen os rexistros do primeiro trimestre de 2010 por conter, segundo a Xunta, un erro de cálculo.

Á espera de coñecer os datos de xullo de 2016, aínda non dispoñible, cabe agardar que este ano remate cunhas cifras un chisco máis avultadas por mor dos procesos selectivos celebrados nos últimos meses. Alargarase así un cadro de persoal que en Galicia se viu diminuído no caso da Xunta, principal empregadora pública, pero tamén no resto de Administracións públicas. Non en van, a suma de traballadoras e traballadores que desenvolvían o seu labor nunha Administración que non fose a autonómica achegábase a comezos de 2009 ás 65.700 persoas e os últimos datos reflicten, tras lixeiras subas, un plantel dunhas 2.000 menos.

Así, das 150.172 persoas que en Galicia traballan, segundo os datos oficiais, para algunha administración pública, unhas 86.500 están ao servizo da Xunta. O resto distribúense entre concellos e deputacións (algo máis de 28.000 persoas), a Administración do Estado, que tamén rolda as 28.000, e as 7.600 traballadoras e traballadores das universidades públicas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.