- Feijóo é investido por terceira vez apelando á unidade tras resucitar os ataques ao bipartito
- Feijóo recupera a festa de toma de posesión no Obradoiro que suprimiu en 2012 pola crise
Ao ritmo da Marcha do Antigo Reino de Galicia, interpretada pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, entrou este sábado na Praza do Obradoiro Alberto Núñez Feijóo para tomar posesión por terceira vez consecutiva como presidente da Xunta nun acto público similar aos que fixera famosos Manuel Fraga pero do que prescindira en 2012 pola crise. Alí, ante o Pazo de Raxoi, sede institucional do Goberno galego, igual que xusto antes, na súa promesa formal do cargo no Parlamento autonómico, Feijóo presentouse a si mesmo e a Galicia ante o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, como “modelo de estabilidade para España” e encomendou o país á “protección” do Apóstolo Santiago. Rajoy, na súa intervención, eloxiou de Feijóo a súa “moderación, empeño reformista, determinación, sensibilidade social e estabilidade” e desexoulle, a quen hai tempo que é o principal barón rexional do PP, “un pouco de sorte”.
Rajoy eloxia a “sensibilidade social” do presidente da Xunta e salienta a súa propia galeguidade nun discurso íntegro en castelán
A mañá comezou na Cámara autonómica coa lectura do decreto asinado polo Rei que nomea a Feijóo presidente da Xunta (“de la Junta de Galicia”, di a versión publicada no BOE) logo da súa elección o pasado xoves cos 41 votos a favor do PP e os 34 en contra do resto de deputados. Ante unha mesa sen crucifixo, ao contrario que en 2012, Feijóo prometeu o cargo e leu un discurso no que presentou Galicia, única comunidade autónoma gobernada con maioría absoluta, como “modelo de estabilidade para España”. O presidente galego esforzouse en agradecer a presenza no acto dos portavoces dos tres grupos parlamentarios da oposición, En Marea, PSdeG e BNG -en 2012 non asistira ningún- así como en citar aos presidentes das deputacións e alcaldes e ex-alcaldes asistentes, entre os que non se encontraban a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, nin os alcaldes de Vigo e A Coruña, Abel Caballero (PSOE) e Xulio Ferreiro (Marea Atlántica). Feijóo rematou a súa intervención lembrando “o exemplo dun galego que non está”, en referencia ao seu pai falecido no último ano, e salientando a “ilusión dun galego que está por vir”, en alusión á súa próxima paternidade e coa presenza diante por primeira vez nun acto institucional da súa actual parella, Eva Cárdenas.
Na súa intervención no Parlamento de Galicia, o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, lembrou que el mesmo foi deputado autonómico nos anos 80 e salientou os cambios rexistrados en Galicia desde aquela. Uns cambios a mellor que eloxiou fronte a “quen só ven o que non está ben”. “Eu son galego, nacín aquí, en Santiago”, dixo Rajoy, para salientar a “honra impagable de estar e falar aquí” e asegurar que “ser presidente da Xunta para un galego é algo moi grande”. Díxoo nun discurso que pronunciou de xeito íntegro en castelán (mesmo falou da “rúa del Villar” e de “Piedrafita”).
A intensa choiva que acompañou o acto do Obradoiro reproduciu con distintos protagonistas a imaxe da manifestación de 2002 pola catástrofe do Prestige que para moitos supuxo o inicio da fin do fraguismo e que levaría a Feijóo á fronte do PP galego
Rematados os discursos no Parlamento, as autoridades e convidados desprazáronse á Praza do Obradoiro, onde entraron ao ritmo do medio cento de músicos da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense que preside o imputado Manuel Baltar, barón fundamental para a súa vitoria electoral. A intensa choiva que caía nese momento reproduciu a imaxe da multitudinaria manifestación baixo paraugas que se concentrou nese mesmo lugar en 2002 logo da catástrofe do Prestige e que para moitos supuxo o inicio da fin do fraguismo e que acabaría co propio Feijóo á fronte do PP galego.
Se no seu discurso no Parlamento Feijóo falara da “nación española da que Galicia forma parte”, no Obradoiro, diante dunha escenografía dominada por ducias de bandeiras galegas e sen sinais da bandeira de España, o popular salientou que “Galicia é unha nacionalidade”. Foi alí, entre chamadas á unidade, cando, malia prescindir previamente de crucifixo na súa promesa do cargo, asegurou que todos os galegos “forman este país con experiencia e esperanza que hoxe inaugura unha nova xeira, baixo a protección dun Apóstolo fiel a unha terra que fixo súa”.