Entre éxitos electorais, un novo revés xudicial. Seis meses despois de non lograr sacar adiante a causa de nulidade do caso no que está investigado -antiga imputación- e apenas dous meses despois da campaña electoral na que o PP de Ourense foi un dos sustentos fundamentais da nova maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo -catro puntos, case 3.500 votos e un escano máis que en 2012 na provincia- o líder do partido e titular da Deputación, José Manuel Baltar, vén de coñecer que segue sen poder frear o caso e que, ademais, terá que seguir respondendo ante o xulgado por un presunto delito de acoso sexual engadido aos de supostos suborno e tráfico de influencias.
O Xulgado de Instrución número tres de Ourense, que investiga a denuncia do presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo realizado por Baltar, ditou o pasado día 9 un auto que, segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, rexeita dar por prescrito o delito de acoso, tal e como solicitaba a defensa do político do PP. Nomeadamente, o avogado do popular apelaba aos artigos 130 e 131 do Código Penal para reclamar a "extinción da responsabilidade criminal por prescrición", se ben a xuíza Eva Armesto considera que "non ha lugar" a esa declaración porque os feitos que investiga, segundo a denunciante, comezaron en 2010 e estendéronse ata o propio ano 2015, polo que non se axustan ao prazo de prescrición de cinco naos.
Deste xeito o caso segue adiante e, ademais, con novos testemuños. Serán, nomeadamente, os de cinco persoas "relacionadas coa mesa electoral" ubicada "no edificio coñecido como Casa de Chocolate" -unha sede administrativa da Xunta- de Ourense na xornada das eleccións autonómicas de 2012, na que segundo a investigación a muller que denunciou a Baltar, tamén investigada no caso, participou como apoderada do PP. O obxectivo destas citacións, especificadas nunha providencia ditada o propio 9 de novembro, é "establecer a relación de dependencia ou prestación de servizos" entre a muller e Baltar.
A xuíza cita como testemuñas a cinco persoas "relacionadas coa mesa electoral" na que, segundo a investigación, a denunciante participou como apoderada do PP en 2012
Estas declaracións, indica o TSXG, produciranse o vindeiro día 22. Será, polo tanto, practicamente dous meses despois de que, tamén imputado, comparecese ante a xuíza José Luis Baltar, pai e antecesor do líder do PP de Ourense tanto no partido como na Deputación. Naquela declaración Baltar Pumar reduciu o caso a unha "chantaxe" da muller ao seu fillo. Segundo revelou tras aquela declaración o avogado Miguel Caride, que representa no proceso ao partido Democracia Ourensana como acusación particular, o ex-barón "negou todo" o que llle é imputado e explicou que, mentres foi presidente, era habitual que se "lle achegase moita xente" para "pedirlle favores".
Malia á controversia política xerada por mor do presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo o PP decidiu non actuar contra José Manuel Baltar dende que estourou o caso, hai un ano. Así, durante a campaña das eleccións autonómicas o líder ourensán compartiu numerosos actos con Feijóo e con Mariano Rajoy, ante quen alardeou do seu poder, e previamente a dirección do PP galego suxeriu que só lle esixiría responsabilidades a Baltar no caso de que sexa condenado xudicialmente. O novo paso no proceso xudicial transcendeu este mesmo mércores, pouco despois de que finalizase na sede da Deputación ourensá o debate sobre o estado da provincia.