A xestora do PSOE castiga a deputada galega De Frutos e retíralle unha portavocía

Rocío de Frutos, nun acto do PSdeG en Compostela © PSdeG

A xestora do PSOE decidiu os cambios no grupo parlamentario que afectan a unha parte dos deputados que votaron 'non' a Mariano Rajoy e tamén a algúns dirixentes afíns a Pedro Sánchez. O portavoz da xestora, Mario Jiménez, recoñeceu que nas modificacións pesou a "confianza" nos parlamentarios elixidos para substituír os destituídos, ademais da "capacidade" dos designados en base aos "coñecementos e experiencia" en cada unha das materias nas que se articulan as comisións parlamentarias.

A galega Rocío de Frutos queda sen a portavocía adxunta de Emprego tras o seu 'non' a Rajoy e a súa afinidade con Sánchez

As decisións afectan tamén a única deputada galega que se opuxo á abstención e mantivo o 'non' a Rajoy, Rocío de Frutos, que non continuará como portavoz adxunta de Emprego, tal e como ela prevía nesta entrevista co Praza. A parlamentaria por Ourense fora colocada por Pedro Sánchez para substituír a Laura Seara como cabeza de lista, que é agora coordinadora da área de organización da xestora. De Frutos, inspectora de Traballo, será substituída pola canaria Tamara Raya, tras ser penalizada tanto polo seu voto negativo como pola súa afinidade ao anterior secretario xeral. 

Ademais, a xestora sacou da dirección do grupo parlamentario no Congreso a Meritxell Batet e a Sofía Hernanz, que racharon a disciplina de voto, como estaba previsto. O resto de membros da dirección mantéñense -incluído o valenciano José Luís Ábalos, próximo a Pedro Sánchez e enfrontado co presidente, Ximo Puig- e intégrase a Pedro Muñoz, co que a dirección perde a paridade (catro homes e dúas mulleres).

O PSOE deixa en suspenso a incorporación dun membro do PSC ata que arranxen as súas "discrepancias" para o que se deron un prazo de dous meses. No entanto, todos os deputados cataláns votaron en contra de Rajoy. Os que defenderon a saída de Batet e Hernanz argumentaron precisamente que non poden impor disciplina os que a romperon.

A dirección provisional socialista salva os portavoces do PSC pero non a Zaida Cantera nin a galega, colocadas por Sánchez nas listas

Do catro deputados díscolos que ocupaban portavocías só se elimina a Susana Sumelzo, que foi a primeira en anunciar o voto contra Rajoy. A Sumelzo, afín a Sánchez e enfrontada ao presidente aragonés, Javier Lambán, substituíraa en Cooperación Internacional o salmantino David Serrada.

O de Sumelzo é o único cambio nas portavocías dos que votaron 'non' e foron propostos para eses postos por Sánchez, xunto ao que xa se executou este mércores ao apartar o balear Pere Joan Pons. A xestora castiga a aragonesa, que formou parte da súa executiva e aos dous únicos deputados baleares, cuxa federación é a máis afín ao exsecretario xeral.

O tres do PSC, Manuel Cruz (Educación), Merce Perea (Pacto de Toledo) e Joan Ruiz (Políticas Integrais para a Discapacidade), mantéñense. José Zaragoza, a quen a xestora arrebatou a presidencia da Comisión Mixta para a UE porque se constituía este mércores, déronlle a vicepresidencia da de Exteriores, cuxa formación se aprazou polo polémico nomeamento Jorge Fernández Díaz.

 

Margarita Robles conserva unha presidencia

A maxistrada Margarita Robles tamén queda coa presidencia da Comisión de Xustiza. Segundo explicou o portavoz da xestora, Mario Jiménez, esta decisión débese ao mantemento da normalidade institucional ao ser elixida xa. "Non entendemos que por cuestións partidarias ou cuestións que ten que ver co partido teña que alterarse o normal funcionamento das cámaras", explicou.

O mantemento de Robles débese ao temor a que o PP lle quite ao PSOE a súa presidencia no Congreso

Fontes socialistas atribúen o mantemento de Robles ao temor da xestora a que o PP lle quite esa presidencia no Congreso tras a súa decisión de non apoiar a candidatura de Jorge Fernández Díaz para a de Exteriores. Tamén se conservan o resto de postos nas mesas das comisións, como a vicepresidencia da de Cultura que ocupa Odón Elorza.

Os cambios non só afectaron os parlamentarios que mantiveron o 'non' na investidura de Rajoy. Javier Fernández castigou as dúas asturianas que formaron parte da executiva de Sánchez e permaneceron fieis, a pesar de que non incumpriron a disciplina de voto.

O presidente da xestora apartou da dirección no Senado a Luisa Carcedo, que foi no pasado a súa man dereita, pero da que se distanciou nos últimos tempos pola súa lealdade ao exsecretario xeral.

Tamén Adriana Lastra foi degradada: perde a portavocía de Administracións Públicas na que foi designada pola anterior dirección, á que pertencía. Será substituída pola andaluza María Jesús Serrano, que é membro da xestora. Lastra pasa a ser portavoz adxunta na Comisión de Defensa en substitución da comandante Zaida Cantera, que tamén votou non. O criterio do "coñecemento" e a "experiencia" que enumerou Jiménez non se cumpre neste caso.

 

O expediente de expulsión arrefríase

Nos últimos días, houbo unha discusión interna entre os que apostaban por dar un golpe de autoridade e fulminar todos os deputados díscolos dos seus postos de responsabilidade e os que avogaban por facer os cambios mínimos -ou mesmo mantelo todo igual- para evitar unha maior ferida o grupo parlamentario. Os que avogaban por esta segunda opción trataron de convencer a Fernández e Mario Jiménez da necesidade de rebaixar a tensión.

O PSOE levantou a man co PSC pero penalizou os afíns ao anterior secretario xeral

"Botaron un pouco o pé ao freo. Notaron a presión", expresa un dirixente crítico coa decisión, que considera que os xefes da xestora non fixeron "a escabechina" que tiñan prevista. Algúns temían que se apartase os quince díscolos de calquera posto de responsabilidade e finalmente non foi así. Levantouse a man co PSC, pero penalizouse a afíns a Sánchez.

A xestora tampouco tomou a decisión de iniciar un expediente informativo que pode acabar coa expulsión do PSOE dos seis deputados que votaron 'non' e teñen carné do partido. "Non hai ningunha decisión. Nestes momentos non está exposta esa posibilidade", expresou Jiménez. O que se dá por feito é que os 15 díscolos terán a máxima sanción económica por romper a disciplina de voto: 600 euros, segundo prevé o regulamento do grupo socialista. Esa medida corresponde á dirección parlamentaria e tomarase proximamente.

Mario Jiménez, portavoz da xestora do PSOE © PSOE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.