"A situación máis lóxica, máis normal e máis sensata é a que se fai en todos os países europeos, que é que gobernan os partidos moderados, os que coinciden nos temas fundamentais". Esta formulación, con pequenas variacións e énfase nun suposto carácter pouco democrático dos gobernos non encabezados pola forza máis votada, foi a repetida durante meses por Mariano Rajoy e outros líderes do PP para teimar na formación en España dun Goberno de "gran coalición" entre o partido conservador e o PSOE. As chamadas á unidade cos socialistas adoitaban obviar, ás veces, e enviar á gabeta dos pactos "radicais", noutras ocasións, a alianza grazas á cal o Partido Socialista goberna Portugal dende hai un ano, a mesma á que están acompañando os resultados económicos e sociais, pero tamén as expectativas electorais. Tras doce meses de desdén, no entanto, o gabinete de Rajoy vén de condecorar as principais autoridades dese goberno, liderado pola segunda forza en votos e apoiado pola esquerda parlamentaria.
O Consello de Ministros do pasado venres, a tres días do inicio da visita de Estado que os reis de España realizan ao Porto e Lisboa dende este luns, aprobou ata quince condecoracións a representantes do Goberno, da Presidencia e das principais insitucións parlamentarias portuguesas. Así, por exemplo, concedeulle a Gran Cruz de la Real y Distinguida Orden Española de Carlos III ao primeiro ministro, António Costa, ao presidente da Assembleia da República, Eduardo Ferro, ao ministro dos Negócios Estrangeiros, Augusto Santos, e mais ao embaixador portugués en España, Francisco Ribeiro. Ademais dos altos cargos socialistas tamén foi condecorado o presidente da república, Marcelo Rebelo de Sousa (PSD), no seu caso co Collar de la Orden de Isabel la Católica, e unha decena de autoridades máis recibiron outras distincións, entre elas os alcaldes lisboeta e portuense.
O primeiro ministro, o presidente e outros altos cargos foron distinguidos en vésperas da visita do rei ao Porto e Lisboa
Estas distincións simbólicas e a propia visita do xefe do Estado chegan ano e medio despois da XXVIII Cimeira Ibérica, celebrada en Baiona cando Portugal aínda estaba gobernada pola dereita, con Pedro Passos Coelho á fronte. Naquel cumio as grandes materias pendentes entre Portugal e os territorios fronteirizos e, nomeadamente, con Galicia, non estiveron sobre a mesa. Non en van, alén de declaracións xenéricas a respecto de "seguir na senda das reformas", o maior acordo asinado naquela xornada fora un protocolo menor de colaboración das forzas armadas españolas e portuguesas.
Entidades como o Eixo Atlántico advirten das materias pendentes nas relacións con Portugal, como os servizos sanitarios, o 'roaming' ou os transportes transfronteirizos
Fronte ás declaracións grandilocuentes ou xenéricas as entidades que traballan habitualmente nas relacións con Portugal, Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal e a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, veñen sinalando cales deben ser as prioridades deste tipo de encontros e advertindo das tarefas pendentes tanto á Xunta como ao Goberno central. Trátase de asuntos cotiáns como a solución de problemas no roaming da telefonía móbil, a estabilización das fórmulas para o pagamento das portaxes nas autoestradas, os servizos sanitarios e a homologación dos estudos nas escolas municipais de música nas eurocidades como Verín-Chaves ou Valença-Tui ou os transportes transfronteirizos. Neste ámbito figura tamén a conexión ferroviaria Vigo-Porto, que volveu estar de actualidade tras o accidente do Porriño do pasado setembro.
Estes asuntos seguen pendentes mentres, pola banda da Xunta, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que collera especial pulo nos anos de Manuel Fraga na Presidencia, vai perdendo paulatinamente protagonismo fronte á denominada Macrorrexión, ampliada ao goberno autonómico de Castilla y León. Así e todo, o anterior presidente da República portuguesa outorgoulle a Feijóo a segunda máis alta condecoración do país, a Grã-Cruz da Ordem do Infante D. Henrique. Alberto Núñez Feijóo non acudiu daquela a recoller a condecoración, que lle foi entregada o pasado día 18 polo embaixador portugués, condecorado agora por Rajoy. Entre os motivos que, segundo a Xunta, motivaron esta distinción está o "aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía" a partir da Lei Paz Andrade, a iniciativa lexislativa popular aprobada no Parlamento en 2013.