A participación nos procesos electorais das persoas residentes no estranxeiro, o coñecido popularmente como voto emigrante, está acompañada pola controversia, tanto en Galicia como no conxunto do Estado, practicamente dende a súa implantación. As facilidades ofrecidas polo Goberno de Adolfo Suárez para o sufraxio exterior na súa primeira chamada ás urnas -a lei para a reforma política- contrastaron coa maior rixidez do sistema do mesmo Executivo para as primeiras eleccións ante o temor de que o electorado exiliado beneficiase a esquerda. As reformas promovidas en tempos do PSOE (1995 e 2007) contribuíron a alargar un censo exterior que votou practicamente sen garantías ata 2011, ano no que a implantación do voto rogado -solicitude previa para participar- converteu a participación do exterior en residual e, adicionalmente, engadiu dificultades para as persoas que residen temporalmente no estranxeiro. Estes atrancos veñen sendo observados dende hai catro anos pola Xunta Electoral Central, que agora lanza unha proposta para procurar salvalos: o voto por internet.
A reforma de 2011 puxo fin a un sistema de voto exterior marcado polo descontrol. As persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) recibían nos seus domicilios a documentación electoral e podíana remitir de volta, coa papeleta elixida, sen teren que acreditar durante o proceso a súa identidade e nin sequera probar se o nome da persoa que emitía o sufraxio correspondía a alguén vivo ou morto. As célebres sacas de papeletas chegadas da outra beira do Atlántico chegaron a protagonizar episodios de gran tensión electoral; o último, a loita polo escano final de Pontevedra que en 2005 lle puido dar a Manuel Fraga a súa quinta maioría absoluta. Daquel descontrol e ausencia case total de garantías pasouse, di a Xunta Electoral nun informe datado o pasado día 16, a numerosos "problemas" que "son de público coñecemento".
Ata 2011 as persoas inscritas no CERA podían votar sen acreditar a súa identidade nin era preciso demostrar se estaban vivas
Longos desprazamentos para solicitar a documentación electoral ou "atraso comprobado na recepción" dos papeis necesarios derivaron, segundo a autoridade electoral, en que o sistema sexa, "en gran medida, inoperante". Sen entrar a valorar, advirte, a conveniencia da participación ou non dos integrantes do CERA e mais de quen residen temporalmente no exterior, e dado que instalar "mesas electorais nas oficinas consulares" presenta "dificultades practicamente insuperables", a Xunta Electoral estima que "a solución menos custosa e máis idónea pode ser a de establecer un procedemento que contemple, ademais da solicitude da documentación electoral, a transmisión do voto por parte do elector e a súa entrega á Xunta Electoral (...) por medios telemáticos).
As restricións afectan tamén a quen viven temporalmente no estranxeiro e o sistema "non asegura" que os seus votos "cheguen a ser escrutados", destaca a XEC
Sempre segundo este informe, este voto por internet dende o exterior suporía imitar "solucións que se aplican, por exemplo, para presentar a declaración" do IRPF, proceso que "amosa que estes camiños poden percorrerse con suficiente seguridade". "É verdade", admite a proposta, que o voto por internet "non ofrece a garantía de visibilidade e transparencia que achega o voto persoal e directo", pero "como remedio excepcional, ese inconveniente vese amplamente superado pola vantaxe de que fai posible o pleno exercicio do dereito", mentres que a actual regulamentación "só o permite, na práctica, para un número reducidísimo de electores do CERA" -a participación nas últimas eleccións galegas roldou o 2%- e, no caso dos residentes temporais no estranxeiro, "non asegura que cheguen a ser escrutados nas mesas moitos sufraxios".
"Basicamente", sintetiza o informe, o procedemento "consistiría en que o elector", a través "dunha canle segura", puidese "votar polas opcións preferidas que se lle ofrecesen nunha aplicación informatica". O "voto encriptado viaxaría á urna electrónica para ser contado no momento adecuado, tras a súa desencriptación, xunto aos demais votos emitidos". Sería "indispensable" neste proceso "que se separase o voto da identidade da persoa, para asegurar o seu carácter secreto", e o sistema "debe permitir detectar calquera manipulación", ademais de ser o suficientemente sinxelo como para "non esixir ao elector coñecementos elevados nas novas tecnoloxías".
Experiencias previas, vantaxes e posibles atrancos
Alén da recomendación xenérica a Xunta Electoral debulla no seu informe experiencias internacionais de voto electrónico, dende as "máquinas electrónicas nos colexios electorais que de antigo se usan nos Estados Unidos e máis tarde se introduciron noutros países como Venezuela, Brasil, Bélxica, Filipinas ou India" ata a fracasada experiencia de sufraxio por internet en Noruega ou as máis exitosas de Estonia ou Suíza. Facelo, veñen sinalar, é posible e mesmo "necesario" pola "minúscula participación" das persoas inscritas no CERA e de quen viven temporalmente fóra, pero "requeriría un apoio político que só garantiría" unha reforma da lei electoral.
O informe advirte de posibles fallos de seguridade, pero conclúe que o voto electrónico sería "idóneo" fronte á "ineficacia do sistema en vigor"
A protección fronte a "ataques externos", a ponderación da "desigualdade material" entre quen teñen acceso a internet e quen non e as garantías de control e segredo do voto son outras variables a ter en conta, di a XEC, que non obvia ademais as posibilidades de "manipulación do sisetma para favorecer unhad as forzas que concorren ás eleccións". "Melloraría, posiblemente, a participación dos residentes ausentes, pero só entre quen manexasen internet", polo que correspondería ao Congreso "decidir se paga a pena esta mellora" e propoñer medidas para paliar esta "fenda dixital".
Así as cousas, a Xunta Electoral conclúe que "a medida sería, en principio, idónea", sobre todo pola "ineficacia do sistema actualmente en vigor". En todo caso, e dado que requeriría un proceso prolongado de reforma e ensaios, o informe propón adicionalmente utilizar internet, xa "a curto prazo", para "outras operacións auxiliares do voto", como a descarga das papeletas que permitiría "remitir a doccumentación electoral en tempos máis curtos.
- Informe íntegro da Xunta Electoral Central sobre o 'voto emigrante'
- PARA SABER MÁIS | O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española, de Anxo Lugilde