Un xesto político sen efectos prácticos, pero xesto ao cabo. Apenas oito meses despois de que o Parlamento galego aprobase por unanimidade a proposición de lei promovida polo BNG para reclamar o traspaso da AP-9 a Galicia a representación do PP no Congreso dos Deputados desmarcouse desta posición. Fíxoo optando polo "non" nunha accidentada votación na Comisión de Fomento da Cámara Baixa, na que a ausencia dun deputado provocou un empate a 18 votos que impediu sacar adiante unha proposición non de lei -iniciativa non vinculante- de En Marea a prol do traspaso e contra o veto á lei galega que, a partir dun cálculo erróneo de custes, promove o Goberno central. Segundo fontes parlamentarias, o voto ausente é dun membro do PSOE, se ben os socialistas o negan.
O texto inicial defendido pola voceira de En Marea, Alexandra Fernández, avogaba por "iniciar os trámites" para a transferencia da autoestrada á Xunta para que a AP-9 "poida converterse nunha autopista libre de peaxes e ao servizo dos intereses xerais de Galicia". "Poden votar de forma coherente coa súa posición en Galicia, pensando nos intereses dos galegos e galegas" ou "facer de escudo dos intereses dun fondo norteamericano", sinalou Fernández na súa intervención, atribuíndo ademais as cifras "inchadas" do cálculo do eventual rescate -"saben que o ingreso por peaxes non pode traducirse en beneficios", advertiu- a un intento de "asustar".
A proposta foi rexeitada por Ciudadanos -o seu voceiro, Luis Miguel Salvador, atribuíu ao traspaso un custe de 900 millóns de euros sen citar a fonte da cifra- e apoiada, con matices, polo voceiro do PSOE, o tamén galego Guillermo Meijón, quen advertiu de que a mención expresa ao rescate podía "servir como escusa ao Goberno" e por extensión, ao PP, para rexeitar a iniciativa abeirándose nos gastos que suporía. É por iso que socialistas e En Marea iniciaron nese momento unha negociación á procura dun texto consensuado.
O PP afástase agora do texto acordado en Galicia e insta a "negociar" o traspaso con Fomento
Mentres ambos grupos achegaban posturas chegou a quenda de Celso Delgado, deputado do PP por Ourense, quen alén de desdeñar a proposta de En Marea polo seu "nesgo tendencioso" escenificou o afastamento da proposta do Parlamento galego. A mellor opción, afirma, é "iniciar conversas" dende a Xunta co novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, algo que pode suceder no encontro que, avanza, manterá con Alberto Núñez Feijóo "a vindeira semana". Nesas "conversas", di, "abordarase a prestación do servizo da AP-9" e e tamén se "falará da titularidade e das competencias" pero "nese marco, na negociación", di, ao tempo que defendía a argumentación do veto por parte do gabinete de Rajoy e os seus cálculos, malia non corresponderse coas normas da lei de contratos do sector público.
O texto pactado por En Marea e PSOE instaba a "erguer o veto" á lei galega e "iniciar os trámites necesarios para proceder á transferencia"
Co PP e Ciudadanos e mais o representante de Foro Asturias instalados no rexeitamento, só un acordo de En Marea co PSOE podería permitir sacar adiante a proposta, e o acordo chegou. Ambos grupos pactaron unha emenda transaccional cuxo texto instaba o Goberno a "erguer o veto" á proposición de lei enviada dende Galicia e a tramitala "coa maior brevidade posible". Adicionalmente, reclamaba "iniciar os trámites necesarios para proceder á transferencia" da AP ao Goberno galego, "de xeito que esta importante vía de alta capacidade" fose posta "ao servizo do interese xeral de Galicia" nos termos pactados pola propia Cámara galega co apoio de todos os grupos.
Un empate a 18 votos provocou o decaemento da iniciativa, que aínda que fose aprobada non sería vinculante para o gabinete de Rajoy
Este texto, en esencia un resumo da lei aprobada en Galicia, foi o sometido a votación. No entanto, a ausencia dun membro da comisión na sesión provocou un primeiro empate a 18 votos. O presidente, Delgado, chamou a unha segunda votación que rematou de novo en empate. En aplicación do Regulamento, ao remate da sesión procedeuse a unha terceira votación que tivo idéntico resultado e provocou, segundo fixan as normas da Cámara, que a proposta, que aínda que fose aprobada non sería vinculante para o Executivo, decaese. Neste escenario, dende o grupo de En Marea prevén, segundo puido confirmar este diario, volver tramitar a proposición non de lei.
Así as cousas, alén do empate, as posicións de cada grupo auguran que o veto á lei galega perdurará por parte do PP. Se o texto legal chegase a pleno tería moitas posibilidades de saír aprobado, dada a postura do PSOE, de Podemos e as súas confluencias e de grupos como ERC, PNV e Compromís, que tamén votaron a prol na sesión deste mércores.