0 Gardados para despois

A normalización lingüística é a área de xestión da Xunta que máis orzamento perdeu con Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Xunta disporá, de media, dun 5% máis de fondos para gastar durante o ano 2017. No entanto, esta suba non se distribúe de xeito homoxéneo entre as partidas dos Orzamentos Xerais entregados este sábado polo Goberno no Parlamento de Galicia. Da trintena de funcións -grandes áreas en que se dividen as contas públicas- do orzamento só cinco diminúen a respecto de 2016 e as demais incrementan a súa dotación, coa área de desenvolvemento empresarial á fronte, dotada con case un 30% máis. Entre as que soben, a maioría, e as cinco que baixan, fica unha practicamente en plano, a normalización da lingua galega. Non en van, esta función dos Orzamentos Xerais foi, entre as áreas xestionadas pola Xunta, a máis recortada porcentualmente dende o ano 2009.

Mentres que unha ampla maioría das áreas do Orzamento presentan signo positivo con relación a 2016, o panorama é ben diferente en comparación coa situación que atopou Alberto Núñez Feijóo ao chegar á Presidencia. Así, en comparación coas derradeiras contas públicas do Executivo de coalición de PSdeG e BNG, só cinco áreas teñen máis dotación orzamentaria. Entre elas destaca a función de débeda pública, cun crecemento superior ao 300%.

A función do orzamento que máis medrou dende 2009 foi a da débeda pública, cun crecemento superior ao 300%

Na banda contraria están as transferencias ás entidades locais, isto é, a participación de concellos e deputación nos fondos autonómicos, cuxa dotación caeu case un 90%. Xunto a este orzamento, xestionado en última instancia polas Administracións municipais e provinciais, a área máis prexudicada polos axustes orzamentarios dos últimos anos é a normalización lingüística, cunha caída acumulada próxima ao 70%.

Os fondos desta partida do Goberno non só son moitos menos que na etapa do bipartito, senón que tamén continúan notablemente por baixo dos últimos orzamentos dos gobernos de Manuel Fraga. Así, nas derradeiras contas públicas do Executivo que dirixía o fundador do PP, con Feijóo como vicepresidente, a promoción do idioma propio levaba un investimento público un chisco superior aos 20 millóns de euros.

A promoción da lingua pasou de 21 millóns a menos de 7 en apenas cinco anos

A liña ascendente iniciada con Fraga continuou con socialistas e nacionalistas ata 2008, cando superou os 23 millóns de euros. No ano 2009 perdera xa uns 2 millóns de euros e a partir de 2010, nos primeiros orzamentos tras o regreso do PP á Xunta, iniciou un rápido devalo ata 2015, ano no que estaba dotada cuns 6,7 millóns de euros. Dende ese ano o orzamento de normalización lingüística permaneceu practicamente invariable na contorna dos 6,8 millóns.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.