O 22 de xullo de 2005, apenas unha semana antes de ter que deixar o poder, o Goberno de Manuel Fraga adxudicou as dúas licenzas autonómicas de televisión dixital terrestre (TDT), unha tecnoloxía daquela incipiente no país. As compañías beneficiarias foran o Grupo Voz e Popular TV, ligada ao conglomerado da Cadena COPE. Un ano despois, en 2006, o Goberno bipartito -que decidiu non revisar a decisión de Fraga en funcións-, adxudicou as licenzas da TDT local. En total, case medio cento de licenzas que, segundo os proxectos presentados para obteren as concesións, traían consigo máis de 140 millóns de investimentos e arredor de 1.700 postos de traballo. Unha década despois estes proxectos incúmprense nunha amplísima maioría de casos e a Xunta vén de evitar por segunda vez en dous anos ter que rescatar estas concesións, cunha marxe que agora chegará ata 2021.
Na lei de medidas fiscais e administrativas anexa aos Orzamentos Xerais de 2014 -a coñecida como lei de acompañamento- o Goberno de Alberto Núñez Feijóo abriu a man por primeira vez cara a estas compañías. Nun panorama de abertos incumprimentos -co peche de Popular TV Galicia como un dos máis evidentes- a Xunta decidía darlles ás concesionarias un prazo de dous anos máis a contar dende o 1 de xaneiro de 2015 para "materializar os compromisos asumidos" e "acreditar o cumprimento das obrigas" en áreas como o investimento ou o emprego. Aquela prórroga, a partir da cal o Executivo tería que comprobar se as adxudicatarias cumpriran para, se non o facían, deixalas sen licenza, expiraba o vindeiro 1 de xaneiro de 2017.
A Xunta inclúe nos Orzamentos de 2017 unha ampliación da prórroga que incluíra nos de 2015 e dá ás empresas marxe ata 2021 para cumpriren o acordado
Ás portas da fin do prazo o panorama destas canles non mudou en exceso e mesmo algunhas delas incumpren máis que a finais de 2014. Neste escenario, a lei de acompañamento dos Orzamentos de 2017, que se tramitan no Parlamento dende o pasado sábado, trae consigo unha nova prórroga, o dobre de ampla que a anterior. Se hai dous anos a xustificación da flexibilidade era o "cambio de circunstancias" no panorama audiovisual, desta volta o argumento da Xunta é "a aparición nestes últimos anos de novas plataformas tecnolóxicas cunha cota de penetración no mercado do audiovisual cada vez máis significativa, capaces de competir directamente coas televisións tradicionais".
Estas "novas plataformas", acrecenta o Goberno, "van ter unha incidencia determinante na reparticipión publicitaria, na medida en que se incrementan os soportes a través dos que se visibilizan os contidos publicitarios, fonte principal de financiamento das televisións autonómicas e locais". Estes elementos, sinala a Xunta, son os que "aconsellan ampliar en catro anos" o prazo para que as concesionarias da TDT tenten cumprir coas condicións das súas licenzas. "Esta ampliación -agrega a lei- permitirá contar cun tempo suficientemente amplo ata que se clarifique o futuro destes servizos de comunicación audiovisual, a fin de non frustrar a súa viabilidade".
Os plans iniciais
Os datos máis recentes do Consello da Cultura Galega e mais da SGAE apuntan a que na actualidade están operativas en Galicia case unha corentena de licenzas de televisión privada, algunhas delas sen emisión regular. Xunto as máis de trinta canles locais -algunhas correspondentes ás concesións do bipartito e outras, ás outorgadas polo Goberno de Feijóo en 2014- seguen en vigor as dúas autorizacións da TDT autonómica: V Televisión, que emite dende 2010, e Popular TV, cuxas emisións comezaron no outono de 2009 e finalizaron en xullo de 2013.
As dúas canles autonómicas privadas comprometeran uns 200 empregos e máis de 100 millóns de investimentos; actualmente unha delas nin sequera emite
Cando a televisión da Conferencia Episcopal cesou as súas emisións estaba a manter unha vintena de postos de traballo. Estaba lonxe, polo tanto, de crear os 40 empregos que incluíu no proxecto co que logrou a licenza, no cal comprometía un investimento de 2,3 millóns de euros. O proxecto de V Televisión, pola súa banda, detallaba unha previsión de investimentos de 97 millóns de euros e 148 empregos, e o grupo propietario sinalou, nos seus primeiros anos de actividade, que empregaba en torno a medio centenar de persoas.
A cancelación do programa máis emblemático da canle con sede en Arteixo, o faladoiro Vía V, deu lugar a que a pasada semana a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia advertise á Xunta da necesidade de velar polas concesións destas televisións, que agora non terán que ser cumpridas ata 2021. "A Administración autonómica -sinalou o CPXG- debe ser a garante de que se cumpran as condicións nas que se desenvolven as concesións de frecuencias de radio e televisión", máis aínda cando "a outra canle televisiva de ámbito galego concedida no seu momento, Popular TV, está inactiva dende hai anos, motivo máis que suficiente para o seu rescate".