Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego chegan este martes a Bruxelas para visibilizar a situación da cultura galega e denunciar que, “por ignorancia ou desinterese” das diferentes institucións, a nosa cultura está sendo “agredida” ao igual que “está sendo agredida a idea dunha Europa dos pobos, xusta e solidaria”. Así llelo explicou ás representantes da Comisión Europea, que recibirán o mércores á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe).
Unha delegación de 65 persoas do mundo cultural galego chegan a Bruxelas para denunciar a "agresión" ao seu sector
Antes da programación no Parlamento Europeo, as actividades dentro desta misión a Bruxelas comezaron xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation, con diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas. No acto proxéctase o documental Porta para o exterior, coa presenza dos seus directores, José Ramom Pichel e Sabela Fernández. Tamén haberá un recital literario con Chus Pato, Oriana Méndez, Teresa Moure, Xabier Xil, Xavier Queipo e Xabier Cordal, acompañados por Abe Rábade ao piano. Tamén actuará Uxía, xunto a Sergio Tannus, Sani Cribeiro ou Isaac Palacín, e pechará o espectáculo Ruth Balbís.
Para o mércores serán as xornadas de debate e reivindicación sobre a cultura galega no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía. En diferentes mesas nas que se abordará a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base, o patrimonio cultural, e tamén haberá tempo para intercambiar impresións con persoas de experiencias culturais doutras nacións sen Estado como son o País Vasco ou Irlanda.
“A cultura galega está sendo sometida a un baleirado económico e está sendo desprezada por parte de poderes neoliberais", di Lídia Senra
En palabras da eurodeputada Lídia Senra, “a cultura galega está sendo actualmente sometida a un baleirado económico e está sendo desprezada por parte de poderes neoliberais que en lugar de apostar por ela e de apoiar a riqueza cultural dunha nación como Galiza parecen estar máis polo seu afogamento e pola uniformidade”. Neste sentido, a europarlamentaria critica que a Xunta teña reducido nos últimos catro anos un 44% os seus orzamentos destinados a cultura e reclama que "se protexa o patrimonio cultural galego, así como que se garanta que as traballadoras e traballadores do sector cultural galego poidan ter unha vida digna, para acabar con situacións como que o 60% dos actores e actrices da Galiza e o 89% de bailaríns viven por debaixo do umbral da pobreza"
A delegación que partiu cara a Bruxelas estará formada por persoas dos diferentes eidos da cultura galega. Ademais das persoas xa mencionadas, haberá representantes da Asociación Músicos ao Vivo; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; Luís Avilés e César Souto, os directores do documental galego nominado aos Premios Goya 2017 Os días afogados; membros da Asociación Galega de Editoras; persoas do ámbito teatral como o membro da directiva de Escena Galega, Borja Salcedo, ou o dramaturgo e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; representantes do circo, como Belem Brandido; creadores de videoarte e pintura como Alberto Ardid ou o colectivo Fiinda; membros de asociacións culturais como Senunpeso e Papaventos de Vedra, Xermolos de Guitiriz, de diferentes colectivos de Muimenta, da Chave das Noces de Castroverde; da Fundación Uxío Novoneyra, directivos da Sociedade Antropolóxica Galega e de Mariña Patrimonio e SOS Arte Rupestre Galega; así como xestores e críticos culturais e as deputadas de En Marea no Congreso do Estado español, Alexandra Fernández, e no Parlamento Galego, Ánxeles Cuña e Luca Chao.