As deputacións saen da recesión económica con máis competencias das que tiñan cando entraron nela por mor da controvertida reforma local do Goberno central. Así, alén das críticas que veñen recibindo, o certo é que a desaparición das entidades provinciais non semella próxima e manexan unha nada desdeñable cantidade de fondos públicos. No caso galego, neste 2016 manexaron 491 millóns de euros, procedentes en tres cuartas partes das transferencias do Estado e da participación nos tributos estatais. Así as cousas, as deputacións seguen sendo unha peza relevante da Administración na que o volume e destino dos gastos varía notablemente dunhas a outras, a comezar polo custo dos seus gobernos. Entre as catro deputacións galegas o goberno que absorbe maior cantidade de fondos é o da Deputación de Ourense.
Dentro do mandato estatutario de coordinación entre o Goberno galego e os entes provinciais os Orzamentos Xerais da Xunta inclúen cada ano unha memoria sobre as contas das deputacións do exercicio en curso. Así, o proxecto orzamentario galego para 2017 trae consigo un resumo dos orzamentos provinciais de 2016 e preséntaos dun xeito homoxeneo, o que permite comparar as prioridades de gasto das catro deputacións provinciais e obter, desta volta, o reflexo nos orzamentos do primeiro ano de mandato tras as eleccións municipais de 2015, cuxo resultado provocou o cambio de signo de dúas deputacións, A Coruña e Pontevedra.
O goberno da Deputación de Pontevedra foi o máis caro ata 2013, aínda con Louzán, e os da Coruña e Lugo manteñen un gasto estable con lixeiras reducións
No que atinxe ao gasto en órganos de goberno unha ollada cara a atrás dende que a memoria orzamentaria das deputacións ten a súa actual estrutura -comezou en 2009- premite observar dous tipos de comportamentos. Un, o das deputacións do norte, A Coruña e Lugo, cuxo gasto neste ámbito tendeu a ser estable ou a baixar lixeiramente. Así, por exemplo, o actual goberno da deputación coruñesa (PSdeG e BNG) ten un impacto orzamentario practicamente idéntico ao anterior, do PP, e rebaixa as cifras do anterior gabinete de socialistas e nacionalistas, no período 2007-2011. No caso de Lugo a estabilidade é maior, cun gasto algo inferior aos 3 millóns anuais nos tres últimos mandatos.
Nas deputacións do sur as variacións foron moito maiores. Unha delas, a de Pontevedra, foi a que liderou o gasto en órganos de goberno entre as catro galegas ata o ano 2013, con partidas de ata 5 millóns de euros anuais. Nos seus dous últimos orzamentos o gabinete que dirixía Rafael Louzán diminuíu este gasto ata os 2,8 millóns de euros e mantívose nesta contorna tanto no derradeiro ano do PP como no primeiro de PSdeG e BNG. Mentres isto sucedía en Ourense a tendencia foi xusto a contraria, unha alza de ata un millón de euros ao ano que a converte, na actualidade, na deputación galega con máis gasto en órganos de goberno.
A primacía do equipo de José Manuel Baltar no que atinxe ao custo do goberno correspóndese con outra das grandes magnitudes do orzamento: os gastos de funcionamento -isto é, a suma de gastos de persoal e mais os bens e servizos correntes-. Despois de subir a partida de persoal un 8,8% a respecto de 2015 o gasto de funcionamento da Deputación de Ourense xa é máis do 60% do total do orzamento e é a única das deputacións galegas que dedica máis da metade dos seus fondos a esta finalidade, case 30 puntos máis da que menos gasta en funcionamento, A Coruña. Mentres, o goberno ourensán é o que menor porcentaxe do seu orzamento dedica a investimentos, o 23,4%, mentres que a que máis inviste é a de Lugo, un 33,7%.
A Deputación da Coruña é a que menor porcentaxe do orzamento dedica a gastos de funcionamento
No que atinxe aos investimentos a memoria orzamentaria das deputacións divulgada dende a Consellería de Facenda pon o acento tamén nunha das principais novidades do exercicio: o "cambio de sistema" na Deputación de Pontevedra. Fronte ao gran peso dos "investimentos directos" nos gobernos de Louzán -actuacións realizadas directamente pola Deputación no territorio-, o actual goberno "intensificiou os investimentos a través de transferencias" aos concellos. Así, entre 2015 e 2016 os fondos para investimentos reais pasaron de 18,5 a 9,6 millóns -un 48% menos- e as transferencias para investiren os concellos medraron un 99,2%: de 15,6 a 31,08 millóns.
Lugo é a deputación con máis proporción de investimentos e Pontevedra incrementou un 99% as transferencias para investiren os concellos
Xunto a estas diferenzas, a estrutura de cadanseus gastos revela tamén diferenzas tanto territoriais como políticas entre as catro deputacións. Así, por exemplo, Ourense é a que máis porcentaxe destina a servizos públicos básicos, en boa medida por ter asumidos máis servizos de pequenos concellos que as outras tres deputacións, especialmente as atlánticas, nas que o peso destas partidas é residual. Mentres a ourensá é a que menor proporción do orzamento destina a protección e promoción social (partida que inclúe servizos sociais e promoción do emprego, entre outros fins), un 7%, mentres que as outras tres deputacións invisten neste ámbito entre o 12% -Pontevedra- e o 16% -Lugo- dos seus fondos.