As sete cidades galegas gastan un millón de euros en luces de nadal

Iluminación de nadal en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

O alumeado de nadal é un tema que, case de forma inevitable, dá pé a polémicas todos os anos: nalgúns casos porque parece excesivo (sobre todo os gastos que xera), noutros porque hai quen pensa que a decoración é escasa ou non chega a todas as zonas dunha cidade, e noutros as apreciacións son meramente estéticas, en función dos motivos e elementos escollidos. Este 2016 non foi unha excepción e sobre todo o PP (e algún medio de comunicación) está a cargar con dureza sobre as iluminacións instaladas nalgunhas cidades, coma A Coruña ou Compostela.

Analizando unicamente o gasto realizado, o único que pode ser comparado obxectivamente, atopamos grandes diferenzas entre os investimentos realizados nuns e noutros lugares, e tamén -nalgún caso- importantes variacións entre o desembolsado neste exercicio e o realizado anos atrás. Vigo, con case 400.000, é a cidade galega que máis gastou neste 2016 en decoracións de nadal, superando á A Coruña, que quedou en 335.000. A cidade herculina incrementou, iso si, a partida que dedicara o pasado ano (242.000). As cifras, en todo caso, quedan moi lonxe dos niveis nos que A Coruña se movía durante os gobernos de Carlos Negreira, que nos últimos anos gastaba 560.000 euros cada nadal nos distintos elementos decorativos destas datas.

As outras cinco cidades galegas presentan cifras máis baixas, pero en conxunto a suma das sete cidades roza o millón de euros. Ourense sería a terceira, con 84.700 euros, unha cifra en aumento con respecto á que manexaba en anos anteriores (entre 50 e 80 mil). Ferrol sería a cuarta, con 61.891 euros, superando a Compostela (45.375 euros), Pontevedra (ao redor de 40 mil euros) e Lugo (41.575 euros). Algúns destes gastos compártense entre os concellos e as asociacións de comerciantes e, en ocasións, contrátase de forma conxunta coas iluminacións doutras festas que se celebran ao longo do ano. Nestes casos, apenas hai variación con respecto aos anos anteriores: por exemplo, Compostela gastou 48.339 euros en 2013.

Chama a atención que fóra das sete urbes algunhas vilas importantes mesmo superan o gasto dedicado a iluminación de nadal. É o caso, por exemplo, de Narón, que destina 45.000 euros a esta partida, aos que se poden sumar outros 15.000 dedicados á instalación dun poboado de nadal. Tamén Vilagarcía de Arousa, con 44.469 euros gastados en luces, supera as cifras dalgunha das cidades principais. Como referencia, outras vilas como Ribadeo ou Viveiro presentan orzamentos máis reducidos (11.500 e 12.000 euros).

Iluminación de nadal en Compostela CC-BY-SA Norte
O nadal na Praza de María Pita, na Coruña CC-BY-NC-ND Pablo Tuñas
O nadal na Porta do Sol de Vigo CC-BY Jorge CG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.