En Marea chega ao seu plenario co reto de acordar modelo político e de liderado

Acto electoral de En Marea na campaña do 25S CC-BY-SA En Marea

Cinco meses despois do apresurado proceso previo ás eleccións galegas, En Marea aborda o seu futuro. O partido instrumental nado a finais de xullo a partir das mareas municipais e mais dos partidos que as apoian -nun proceso non exento de tensións e coa incorporación ao límite por parte de Podemos- cítase este sábado en Santiago para a celebración do seu plenario, unha asemblea na que a formación, agora xa con 14 escanos no Parlamento galego, se marca o reto de definir as "regras" para escoller a súa primeira dirección non provisional e, ademais, para "fixar o rumbo político" nun documento que "desenvolva posicións e marque prioridades" desa nova dirección.

O proceso asembleario deste sábado, para o que segundo o portal de participación de En Marea están inscritas algo máis de 1.000 persoas, comezará cun informe da coordinadora provisional a respecto das súas xestións destes meses. A continuación chegará o debate do regulamento de primarias que, lonxe de ser unha mera formalidade, será o escenario no que mareas locais, partidos e integrantes individuais teñan que amosar se son quen de cadrar o complexo xogo de equilibrios para rexer un proceso de elección que, segundo a proposta de regulamento a debate, se desenvolverá entre o 10 de xaneiro e o día 22 do mesmo mes.

Este regulamento servirá para elixir o Consello da Marea, un órgano de dirección de 35 persoas que, atendendo ao documento base, será constituído a partir de listas "cremalleira" en canto ao xénero de quen as compoñan, que para concorreren terían que xuntar 100 avais "cun mínimo de 20 por provincia" e presentar anexa á lista "unha proposta de liñas de actuación". Entre os "requisitos individuais" para acceder ás candidaturas figura o que se presenta como un dos puntos que, a priori, suscitará máis posicións encontradas no plenario: as incompatibilidades dos membros do Consello, punto no que a coordinadora provisional non foi quen de chegar ao consenso, motivo polo cal o documento a debate "recolle as dúas liñas de opinión maioritarias".

Un dos debates centrais da xornada dirimirase entre quen defenden a "incompatibilidade" dos cargos electos para integraren o Consello e as voces que apostan por que poidan optar a postos directivos

Segundo unha das propostas formuladas, a único veto á concorrencia sería para membros do Comité Electoral de En Marea, "co obxectivo de garantir a independencia" do órgano que dirixe o propio proceso de primarias. A outra, máis ampla, recolle esa incompatibilidade e outras dúas: que non poidan optar ao órgano directivo os cargos electos no Parlamento, no Congreso ou no Senado e, ademais, que se sae elixido alguén que teña un cargo orgánico nun dos partidos integrados en En Marea, esa persoa "teña que optar entre un e outro cargo". Atendendo a esta proposta, serían "membros natos" do Consello cinco persoas designadas polo grupo parlamentario na Cámara Galega e outra, polo das cortes. Os voceiros de ambos grupos -actualmente, Luís Villares e Alexandra Fernández-, serían segundo esta proposta membros natos do Consello e da súa Coordinadora, "con voz e voto".

Alén do debate de procedemento, a elección dunha ou doutra vía suporá a contraposición de modelos que referentes de En Marea e mais das mareas municipais veñen facendo explícita nas últimas semanas. Así, por exemplo, dende a contorna da Marea Atlántica apóstase pola segunda opción como vía para manter "liderados colectivos", unha vía que nos últimos días tamén recibiu apoios por parte de, entre outros, dirixentes de Esquerda Unida e dalgúns membros de Podemos. Mentres, as voces da formación que defenden a outra vía sinalan a necesidade de non limitar a participación dos cargos institucionais e algunhas delas sinalan a conveniencia de que Luís Villares, candidato á Xunta e voceiro parlamentario, poida agora optar ao liderado do partido instrumental e así reforzar o papel da formación como alternativa de goberno fronte ao PP.

 

"Reforzar En Marea como suxeito político"

O documento político a debate ve necesario combinar a "implantación territorial de En Marea" coa "autonomía" das mareas municipais e o nacemento doutras novas

Tras o debate regulamentario será a quenda do documento político sobre unha proposta na que a coordinadora provisional marca como primeiro obxectivo "reforzar En Marea como suxeito político" no que as organizacións que participaron "no proceso de unidade popular e confluencia", din, "ofrezan a súa experiencia para a construción do suxeito novo" que "non se somete (...) á normalización política nin á homologación coas forzas do réxime", sinalan. Ese suxeito, abonda o texto, debe procurar a "ruptura" e ao mesmo tempo "construír alternativa de goberno" dende a oposición, con liñas programáticas como a defensa "dos dereitos básicos", unha "visión republicana" da política ou o "dereito a decidilo todo (...) tanto as políticas que afectan directa e indirectamente a vida das persoas como o dereito de autodeterminación".

Neste contexto, o documento a debate considera necesario combinar a "implantación territorial de En Marea" coas mareas municipais xa existentes, "garantindo a súa autonomía" e "facilitando a creación naquelas localidades onde non estean conformadas aínda". Non en van, apuntan, un dos obxectivos máis inmediatos da formación será "consolidar" o goberno dos concellos das mareas e "promover unha nova vaga de mareas municipalistas".

Villares e outros membros do grupo de En Marea, nun acto recente CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.