O BNG culminará a súa "redefinición" en Asemblea Nacional o 25 e 26 de marzo

Un intre do Consello Nacional do BNG, este sábado CC-BY-NC-SA BNG

Dez meses despois de que a Asemblea Nacional do BNG aprobase iniciar un proceso de "refundación" que debera rematar en menos dun ano, o Consello Nacional da formación frontista vén de dar por culminados os traballos do denominado Proceso Adiante e de fixar as datas nas que este rematará cunha nova Asemblea: os vindeiros días 25 e 26 de marzo. Alí, di a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, "culminará o proceso para reforzar o proxecto nacionalista en Galiza".

Na súa intervención ante o Consello a líder do BNG bosquexou os traballos dos últimos meses, obviamente condicionados polas eleccións xerais de xuño e as galegas de setembro, como "o máis amplo e aberto debate desenvolvido nunca polo Bloqeu para redefinir o futuro do proxecto". Neste sentido, afirma, a asemblea será "clave" para que a organización soberanista aborde "un tempo novo" como "alternativa real de cambio para os galegos e galegas que non nos conformamos, que temos un proxecto ambicioso de país".

Durante estes meses, debulla Pontón, o Proceso Adiante desenvolveu "120 asembleas a nivel local e comarcal" ás que acudiron arredor de 2.000 persoas. Os traballos organizáronse en "seis mesas sectoriais abertas á participación de calquera persoa interesada en facer achegas, con ou sen carné do BNG". As cuestións abordadas foron, entre outras, "A situación económica, social, lingüística e demográfica de Galiza", así como "a análise do papel do nacionalismo ante un modelo administrativo e territorial do Estado cuestionado e caduco".

"Nas eleccións tivemos a primeira proba de que imos polo bo camiño"

Os "métodos de comunicación e intervención social" do BNG e o seu "modelo organizativo", detalla, foron outros dos aspectos duns debates cuxas conclusións serán a "base" das teses políticas a debate na Asemblea, na que aspira a continuar a senda iniciada nas eleccións do 25S. "Sen ter o resultado que nos gustaría, tivemos a primeira proba de que imos polo bo camiño" e de que o Bloque "logrou que miles de persoas nos volvesen mirar con ilusión, con esperanza, como a mellor opción para darlle un futuro a este país".

Nos últimos meses o BNG rexistrou "310 novas altas de militantes", afirma Ana Pontón

Proba disto, asegura Pontón, é que nos últimos meses o BNG rexistrou "310 novas altas" de militantes, "o 60%" delas despois das eleccións galegas e catro de cada dez, detallan, "de xente moza por baixo dos 25 anos". Ademais, afirma, o censo de simpatizantes incrementouse en 492 persoas. "Con todo ese caudal -conclúe Ana Pontón- teño a seguridade de que" da asemblea "sairá un proxecto nacionalista renovado e capaz de ser unha alternativa real e en clave de país ao PP en catro anos, cando de novo pidamos o apoio nas urnas".

Tras este Consello Nacional o Bloqeu pon en marcha o calendario da Asemblea. O vindeiro día 20 comezará a traballar a comisión redactora dos textos políticos e mais do regulamento, documentos que o Consello aprobará inicialmente o 18 de febreiro e, ao mes seguinte, definitivamente tras o debate por comarcas. O prazo para a presentación de candidaturas ao Consello Nacional estenderase ata o 20 de marzo nun contexto no que, previsiblemente, Ana Pontón continuará á fronte da portavocía nacional.

Ana Pontón, intervindo ante o Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.