A abstención da Marea permite ao BNG aprobar os orzamentos en Pontevedra

Fernández Lores, durante o pleno deste venres CC-BY-SA Praza Pública

Todo quedou finalmente en nada. Nin houbo cuestión de confianza nin os orzamentos municipais foron rexeitados en Pontevedra. A abstención dos dous concelleiros da Marea, unidos aos votos a favor do BNG, permitiron ao goberno local sacar adiante as contas logo de que aceptase as seis emendas que a formación que lidera Luís Rei formulou in voce no pleno celebrado este venres. 

O goberno local aceptou incluír as propostas formulas 'in voce' pola Marea, que optou pola abstención

Nun longo e agardado debate, o Bloque aceptou que ao orzamento se engadan xa catro das seis iniciativas solicitadas por Rei durante o pleno. "Do que aquí se nos responda dependerá o sentido do voto", advertiu o voceiro da Marea, que pediu a elaboración dun estudo sobre as potencialidades da economía social e o sue fomento, completar a reforma urbana da rúa Cruz Vermella ou a construción dun centro cívico en Lourizán. O BNG aceptou incluír esas e incorporar as dúas restantes á primeira modificación de crédito que se realice, tras o compromiso do concelleiro de Facenda. Son a creación dunha renda social cun montante de 400.000 euros e o incremento dos recursos ao plan de transporte metropolitano. Os once votos de PP, PSOE e Ciudadanos non foron dabondo contra os 12 dos nacionalistas. 

O primeiro modificativo de crédito incluirá a creación dunha renda social e máis recursos para o plan de transporte metropolitano

Desbloqueáronse así os orzamentos e o alcalde, Miguel Anxo Fernández-Lores, non se someteu finalmente á cuestión de confianza que anunciara no caso de que non sacase adiante as contas sen as emendas da oposición, que acordou outras postas en dúbida pola intervención tras o pacto entre PP, PSOE, Ciudadanos e a Marea. O rexedor aceptou incluír emendas sensatas logo de acusar a oposicion de exercer de levar a cabo unha "moción de censura encuberta" e de exercer de "perro del hortelano" por "non facer nin deixar facer", ademais de acusalos de querer "esnaquizar as contas" pero "non atreverse a presentar unha moción de censura real". 

Desde a Marea, Rei tendeu a man ao BNG para "atopárense en políticas progresistas" e celebrou a "virada" do goberno en clave social. "Esperamos que esta nova actitude do Bloque, descoñecida ata agora, sirva para acordarmos cousas en beneficio das maiorías", engadiu o seu voceiro, que ao anunciar a abstención da súa formación desbloqueou unha situación que parecía enquistada. 

A Marea tende a man ao BNG para "atopárense en políticas progresistas"

Malia a súa chamada á "sensatez", Lores recibiu duras críticas da oposición. O portavoz do PP, Jacobo Moreira, negou que houbese "pacto" entre os partidos opositores e acusou o BNG de pretender a "privatización" dos servizos municipais, ademais de acusar o goberno local de querer aumentar a nómina de asesores e pretender os contratos "a dedo". 

No PSOE, Agustín Fernández renegou duns orzamentos que "non son os mellores" e que nin tan sequera considera "de esquerdas" por "non dar resposta" aos problemas da cidadanía. Desde Ciudadanos, María Rey acusou ao executivo local de propoñer "pan e circo" aos pontevedreses e de non permitir "xerar riqueza" coas contas. 

"Agora sabemos que quen manda en Pontevedra é o alcalde de Santiago", quéixase o PP

Xa no final do pleno, e confirmado que as contas sairían adiante, o portavoz do PP referiuse á abstención da Marea e aludiu ao rexedor de Compostela, Martiño Noriega. "Agora sabemos que quen manda en Pontevedra é o alcalde de Santiago", asegurou en referencia a unhas declaracións nas que chamando a un entendemento entre o BNG e as mareas. 

Luís Rei defendeu a súa independencia respecto de En Marea e lembrou que os votos da súa formación "nunca farían alcalde a ninguén do PP" nin apoiarían como rexedor  unha persoa que contase co apoio dos conservadores. "Nin eu mesmo aceptaría ser alcalde cos votos do Partido Popular", rematou. 

Luís Rei Núñez © Patricia Santos
Fernández Lores, durante o pleno deste venres CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.