O ex-presidente do PP e da Deputación de Pontevedra sentará no banco dos acusados como presunto autor dun delito continuado de suborno impropio. Farao xunto coa súa esposa e mais con Severino Reguera, edil popular en Pazos de Borbén, antigo deputado provincial e propietario da empresa que en setembro 2008 alugou no barrio vigués de Navia tres locais comerciais mercados apenas un mes antes por Rafael Louzán, na altura titular do goberno provincial, a través dunha hipoteca. Segundo o xulgado de instrución número 2 de Cambados e mais a Fiscalía o actual presidente da Federación Galega de Fútbol percibiu durante algo máis de media década por eses alugueiros case 90.000 euros por riba do prezo de mercado, o que para a investigación foi un caso de trato de favor que agora terá que ser dilucidado ante un xulgado popular na Audiencia de Pontevedra.
Segundo detalla o fiscal Augusto Santaló no escrito de cualificación no que fixa a súa posición ao respecto, Reguera alugou estes locais para unilos a outros dous da súa propiedade, situados xusto ao carón e que el viña de mercar aínda que inicialmente foran reservados por Louzán, e abrir alí un negocio de panadería e cafetaría. Esta operación é para o Ministerio Público a primeira mostra de que "o propósito inicial dos compradores era formar un único local, creando unha especie de sociedade encuberta entre eles".
O Fiscal asegura que Louzán recibiu polos locais que lle alugou ao concelleiro Severino Reguera case 90.000 euros por riba dos prezos de mercado
Mentres os prezos xerais dos alugueiros descendía como "froito da crise" económica a empresa de Reguera pagou a Louzán un prezo de ata un 60% máis por metro cadrado que a media dos arrendamentos da zona, segundo indica o fiscal a partir de cálculos da Garda Civil e dunha peritaxe da Axencia Tributaria. O resultado, di o mesmo documento, foi que "ata finais de 2013" a Louzán e a súa dona cobraron "un prezo superior ao pagado nesa zona de 89.026,74 euros, o que supón un premio inxustificado a estes", outorgado mesmo tendo en conta que en 2011 e 2012 o negocio de Reguera "tivo perdas significativas", de máis de 300.000 euros entre os dous anos.
O Ministerio Público coida que o actual presidente da FGF recibiu "un agasallo en consideración ao seu cargo" que constitúe un delito de suborno continuado
Así as cousas, o fiscal conclúe que Louzán e a súa dona "mercaron uns locais de importante valor sabendo dende o principio" que a hipoteca iba ser sufragada, a efectos prácticos, "pola empresa dunha persoa que tamén exerce cargo político no mesmo organismo", a Deputación, "e do mesmo partido, e cuxa proxección política, non é dificil adiviñar", depende de quen na altura era ademais líder provincial do PP. "Trátase dun trato de favor ao ex-presidente e esposa que, en definitiva, supón o agasallo en consideración do cargo (...) dunhas importantes cantidades de cartos" e, en última instancia, dos locais en si mesmos. Esta conduta, resalta, encaixa no suborno tipificado no artigo 422 do Código Penal vixente.
Louzán reitera a súa inocencia e di ser vítima dun "xuízo político"
Ademais, indica o Ministerio Público, cómpre ter en conta que "as relacións" entre Louzán e Reguera implican "máis actividades e conexións e que son obxecto doutras investigacións xudiciais", toda vez que unha curmá do concelleiro e ex-deputado foi propietaria dunha empresa construtora que recibiu, di o escrito, tres adxudicacións de obras da Deputación en Pazos de Borbén: a urbanización dunha área recreativa e consturción dunha piscina, a urbanización dunha praza e mais a construción duns vestiarios, esta última mediante un proceso ao que foron convidadas outras dúas empresas que non cumprían os requisitos marcados. No entanto, a Deputación "realizou a adxudicación como se a tramitación administrativa fose correcta".
Por todo isto, a investigación aberta pola Fiscalía en 2013 a partir dunha comunicación anónima remata con Louzán, a súa dona e mais Reguera no banco dos acusados. No caso do ex-presidente pontevedrés enfrontarase a unha petición de pena dun ano de prisión e inhabilitación e o Ministerio Público solicitará, ademais, o "comiso" dos locais. Durante todo o proceso o político do PP mantivo a súa inocencia nun caso que, ademais, circunscribe a un "asunto privado", se ben o delito polo que será xulgado só é imputable a quen exercen labores públicos. Dende o seu punto de vista está a ser vítima dun "xuízo político": "Este caso existe porque me chamo Rafael Louzán e fun presidente da Deputación", afirmou o pasado outubro ante os xulgados cambadeses.