Feijóo implora polos "valores" de Europa ao Apóstolo, un "refuxiado vítima da intolerancia"

Feijóo, pronunciando a súa ofrenda durante a misa na Catedral © Conchi Paz

A Catedral de Santiago acolleu este venres, como cada 30 de decembro e sen a controversia alimentada na edición anterior, a cerimonia relixiosa da translatio, que dende o século XII conmemora o relato mítico da suposta chegada a Compostela dos restos do Apóstolo despois de viaxar, segundo a lenda, nunha barca de pedra dende Xerusalén. A partir do século XVII a Casa Real española realiza anualmente esta ofrenda no templo da capital galega a través dun dos seus membros ou por delegación. Na etapa democrática a encomenda adoita recaer en autoridades galegas como a persoa titular da Presidencia do Parlamento ou da Xunta. Este ano o elixido volveu ser Alberto Núñez Feijóo, que como xa fixera noutras ocasións deu en poñer en mans divinas do Apóstolo, "un refuxiado", diversos asuntos da actualidade política.

Tras ser recibido protocolariamente na Praza do Obradoiro polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o xefe do Goberno galego "pasou revista" no nome do rei a unha parada militar e a continuación incorporouse á comitiva relixiosa encabezada polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio, neste caso acompañado polo que fora cardeal arcebispo de Madrid e presidente da Conferencia Episcopal, Antonio María Rouco Varela. Xa no contexto da misa Feijóo presentouse como representante de Filipe VI. "Comparezo ante ti, señor Santiago, para continuar unha tradición que é obra do pobo", afirma, se ben o ritual foi instaurado pola realeza.

O presidente asegura que a cerimonia da translación, fixada pola Casa Real no século XVII, foi "obra do pobo"

"Sería aventurado interpretar os sentimentos" que, di o presidente da Xunta, "levaron" o "pobo" a "manter, por riba de todos os avatares históricos", esta "fermosa devoción" que encadra na tradición da peregrinación a Santiago, cuxo relato lendario tamén interpretou. "O noso Hispaniarum Patronus foi un refuxiado, un emigrante, un perseguido". O tamén alcumado como "matamouros" é para o titular do Goberno galego alguén que "cruzou o mar buscando o máis alá, igual que moitos compatriotas nosos sucaron outros mares agardando un mundo mellor". O Apóstolo, asegura, "foi vítima dunha intolerancia que segue estando presente entre nós" e "fixo da predicación, da palabra, a súa gran ferramenta". No entanto, agrega "perdéronse na noite dos tempos os nomes dos verdugos do noso santo patrón".

Feijóo pediu "protección apostólica" para a "cohesión" de Europa "en torno a valores derivados do cristianismo, do humanismo e da Ilustración"

Neste contexto, o presidente implora que "a protección apostólica" faga posibles cuestións políticas como "a cohesión de Europa" que, proclama, debe realizarse "en torno a valores derivados do cristianismo", pero tamén "do humanismo" e ao mesmo tempo "da Ilustración", se ben este movemento intelectual promoveu, precisamente, o racionalismo fronte á preponderancia dos dogmas relixiosos nos asuntos públicos. A axuda apostólica, di Feijóo, debe facer "compatibles" todos estes preceptos "coa acollida dos que foxen dos variados tipos de barbarie".

Feijóo agarda, ao cabo, que a intercesión divina permita logros que, proclama, xa conseguiu. Non en van, asegura, "grazas á axuda do noso Señor Santiago", o pobo galego foi quen de "conservar" a súa "irmandade", que "hoxe nos converte nun modelo". "Pedimos que o noso Patrón avogue para que os galegos manteñamos ese espírito que fai de nós unha comunidade de síntese, de fusión, de irmandade". E pide, adicionalmente, que o pobo galego poida seguir "sendo como é" nunha "España igualitaria e xusta, unido baixo unha Coroa que encarna unha tradición modernizada e sancionada polo pobo", e nunha Europa que non debe esquecer "os erros do pasado".

O discurso do delegado rexio foi respondido polo arcebispo, que pediu "non marxinar a Deus do horizonte da realidade social, cultural, política e económica" e loitar contra o "individualismo". Despois da celebración eucarística Feijóo foi recibido de novo polo alcalde, que non participou no rito relixioso, desta volta na Casa do Concello, onde asinou no libro de honra.

Feijóo, presentando a ofrenda © Conchi Paz
Recepción de Feijóo como "delegado rexio" no Concello de Santiago © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.