Feijoo declara Galicia "democracia afectiva" nunha mensaxe de fin de ano autocompracente

Alberto Núñez Feijoo nun momento da gravación do vídeo © Xunta

A Ponte Romana de Ourense foi o escenario elixido este ano pola Xunta para que o seu presidente, Alberto Núñez Feijoo gravase a súa xa tradicional mensaxe de fin de ano, que vén de emitirse. Unha declaración na que Feijoo percorreu algúns dos principais problemas dos galegos e galegas -do paro á violencia machista, pasando pola emigración ou a crise demográfica- mais de forma superficial e sen asumir a responsabilidade do goberno que preside. E, unha mensaxe, ademais, que tivo como fío condutor os valores dos "afectos", o comunitarismo ou a unidade.

Núñez Feijoo declarou a Galicia como unha "democracia afectiva" e "democracia efectiva"

De feito, Núñez Feijoo declarou a Galicia como unha "democracia afectiva" e "democracia efectiva" que "vai resolvendo problemas con pasos progresivos". Completando esta idea con mensaxes un tanto ocas e inzadas de lugares comúns coma a de que "gobernar para os galegos, en definitiva, non é outra cousa que gobernar coma os galegos", que "os galegos estamos logrando que a autonomía nos cohesione aínda máis, por riba de diferenzas ideolóxicas, territoriais ou xeracionais", ou que "cada día, nos centros de traballo e de investigación, nas asociacións cívicas e en colectivos diversos, os galegos acordan e deciden xuntos". E concluíndo que "construímos un país de afectos no que as discrepancias sempre teñen un camiño para chegar ao acordo".

Completou o discurso con mensaxes ocas e inzadas de lugares comúns coma que "gobernar para os galegos, en definitiva, non é outra cousa que gobernar coma os galegos"

Si citou temas coma o paro e a precariedade ("Son eses pasos tan rápidos como quixeramos para acabar co drama do paro? Non. Está culminado o camiño para que, por exemplo, o nivel salarial sexa o axeitado? Non"), a exclusión social ("a exclusión social é un inimigo común que non permite matices nin dúbidas"), a violencia machista ("a loita contra a criminal violencia machista reclama unha fronte común contra os verdugos, onde non caben fronteiras partidarias"), a crise demográfica ("esa Galicia minguante que reflicten os datos demográficos esixe unha reacción política e social unánime") ou o exilio económico ("se non aspiramos a recuperar nese futuro aos compatriotas que traballan fora, sería un mañá truncado"). 

Á hora de sinalar estes problemas, non houbo nin un aceno de autocrítica e tampouco a asunción de responsabilidade por parte de quen leva sete anos e medio á fronte do Goberno galego

Mais á hora de sinalar estes problemas, non houbo nin un aceno de autocrítica e tampouco a asunción de responsabilidade por parte de quen leva sete anos e medio á fronte do Goberno galego. Ademais, Núñez Feijoo subliñou que "social e economicamente hoxe estamos mellor do que estabamos hai un ano" e quixo facer valer a lexitimidade outorgada polos resultados electorais do pasado mes de setembro: "en datas recentes o pobo galego manifestou a súa vontade nas urnas. Dixo o que era, e o que quería ser. Valorou o pasado, pero sobre todo expresou os seus desexos de futuro".

Núñez Feijoo subliñou que "social e economicamente hoxe estamos mellor do que estabamos hai un ano" e quixo facer valer a lexitimidade outorgada polos resultados electorais do pasado mes de setembro

Fixo moi escasas referencias á política de ámbito estatal, sinalando unicamente algúns asuntos que afectan directamente a Galicia -financiamento autonómico ou o AVE- e afirmando a este respecto que "Galicia non quere máis que ninguén pero tampouco menos. Non aspira a ningún privilexio, pero tampouco os aproba".

Núñez Feijoo pechou o seu discurso apelando de novo á unidade: "No bo e no menos bo, agardo que Galicia siga o exemplo que se dá na maioría das nosas casas. Unha Galicia que afronte os problemas e loite polos seus soños unida. Todos xuntos".

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.