En Marea impulsa cambios na Lei de Fundacións para evitar que a 'Francisco Franco' reciba subvencións

Yolanda Díaz, Fernando Souto e Antón Gómez-Reino, na rolda de prensa © En Marea

O pasado mes de decembro a Fundación Francisco Franco (FFF) remitiulles unha serie de cartas aos 335 concellos de toda España que foran demandados por incumprir a Lei de Memoria Histórica. Nas mensaxes, a entidade ofrecíalles asistencia legal para burlar a lei e xustificaba a importancia de frear esas demandas en que, no caso de ir adiante, significaría "que gañen a guerra os que perderon hai 80 anos". Esta ofensiva legal da Fundación, que nos seus estatutos recolle entre os seus fins "a difusión da memoria e obra de Francisco Franco", únese a recentes declaracións dos seus responsables, como Jaime Alonso, vicepresidente, que en novembro afirmou que a ditadura “só fusilou a 23.000 e non foi por capricho”.

En Marea pídelle ao Goberno que investigue se a Fundación cometeu un delito ao ofrecer asesoramento aos concellos para burlar a Lei de Memoria Histórica

En Marea vén de presentar no Congreso unha serie de iniciativas co obxectivo de coñecer as fontes de financiamento da Fundación Francisco Franco, pedir que se investigue a comisión de delitos por parte da entidade e impulsar a modificación da actual Lei de Fundacións para impedir que esta entidade poida operar como tal, beneficiándose das vantaxes fiscais das que gozan as fundacións. Búscase evitar, igualmente, que a FFF poida ter acceso a calquera axuda pública. As últimas subvencións das que hai constancia datan da segunda lexislatura de José María Aznar, durante a que a entidade recibiu 150 mil euros. A pesar de estar obrigada a facer públicas as súas contas económicas, a última vez que a Fundación Francisco Franco o fixo foi en 2009, declarando uns ingresos anuais de 118 mil euros.

"Queremos garantir que ningunha fundación se poida dedicar a venerar e exaltar, destacar ou premiar figuras que teñen que ver co franquismo e reciban un só céntimo de euro público para estes obxectivos”

Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz rexistraron este martes, en primeiro lugar, unha solicitude de información ao Goberno para coñecer as axudas públicas das que a entidade se beneficiou dende a súa constitución. Ademais, o grupo presentou unha proposición para modificar a Lei de Fundacións nos seus artigos 3 (fins), 26 (financiamento) e 31 e 32 (causas e forma de extinción). "Queremos garantir que ningunha fundación se poida dedicar a venerar e exaltar, destacar ou premiar figuras que teñen que ver co franquismo”, explicou a deputada Yolanda Díaz. Ademais, búscase evitar que este tipo de entidades "reciban un só céntimo de euro público para estes obxectivos”.

En concreto, pídese que no artigo 3 se inclúa que "as fundacións que persigan fins ou utilicen medios tipificados como delito son ilegais" e que "en ningún caso unha fundación poderá ter entre os seus fins fundacionais a exaltación da memoria do ditador Francisco Franco, do réxime franquista ou de quen sexa responsable de ter cometido crimes de guerra ou crimes de lesa humanidade”. E proponse incorporar ao artigo 26 que "os poderes públicos non facilitarán axuda ningunha, económica ou de calquera outro tipo, a aquelas fundacións que coas súas actividades se dediquen á exaltación da memoria do ditador Francisco Franco, do réxime franquista ou de quen sexa responsable de cometer crimes de guerra ou crimes de lesa humanidade".

Antón Gómez-Reino: “Calquera persoa consideraría inverosímil en Alemaña ou Italia que houbese unha Fundación Adolf Hilter ou unha Fundación Benito Mussolini, non só que existisen legalmente, senón que recibisen fondos públicos"

Finalmente, En Marea demándalle ao Ministerio de Educación, de quen depende o Protectorado de Fundacións, que investigue as "actividades presuntamente ilícitas" realizadas pola entidade, en referencia ao citado envío de cartas a concellos. "Ningunha fundación pode dedicarse a promover o incumprimento da legalidade vixente", destaca a proposición non de lei presentada. Pídese que, no caso de atopar "indicios racionais" de delito, se traslade toda a documentación ao Ministerio Fiscal ou ao órgano xurisdicional competente. E que, impugnados todos os actos e acordos do Padroado que sexan contrarios á lei, se "solicite da autoridade xudicial que acorde a intervención temporal da fundación asumindo, no seu caso, todas as atribucións legais e estatutarias" e se "exercite a correspondente acción de responsabilidade dos patróns pola realización de actos contrarios á lei".

 

"Inverosímil" en Alemaña ou Italia

“Calquera persoa consideraría inverosímil en Alemaña ou Italia que houbese unha Fundación Adolf Hilter ou unha Fundación Benito Mussolini, non só que existisen legalmente, senón que recibisen fondos públicos. E que, ademais, tivesen a cara de dicirlle ao concello de Berlín ou de Roma que non poden mudar os nomes de rúas dedicadas a criminais nazis ou fascistas. É unha anomalía que hai que poñer sobre a mesa e solucionar”, salientou Antón Gómez-Reino.

Fernando Souto (CRMH): "Hai un marco legal e o Estado non pode subvencionar prácticas ilegais e actitudes que enaltezan unha ditadura. Non se poden soster actuacións que vaian contra a convivencia"

Pola súa banda, Fernando Souto, voceiro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, destacou que "hai un marco legal e o Estado non pode subvencionar prácticas ilegais e actitudes que enaltezan unha ditadura. Non se poden soster actuacións que vaian contra a convivencia". "Parece que estamos vivindo outras épocas. Non entendemos como pode haber unha entidade posicionada contra os dereitos humanos. Temos que superar o marco guerracivilista que se nos impuxo, eses límites inverosímiles que din que hai xente boa e xente mala", engadiu.

Yolanda Díaz: "Hai unha ofensiva por parte da Fundación, que está actuando nos últimos meses con moitísima belixerancia"

Para Yolanda Díaz, "hai unha ofensiva por parte da Fundación, que está actuando nos últimos meses con moitísima belixerancia". Díaz alertou da crecente "agresividade" e "actividade pública" desta entidade "silente durante moito tempo". En Marea insta o resto dos grupos a apoiar esta iniciativa, pero lembra "con preocupación" o sucedido en decembro na Comisión de Xustiza do Congreso, cando a proposición de En Comú Podem para modificar a Lei de Amnistía de 1977 para poder xulgar os torturadores franquistas foi rexeitada por PP, PSOE e Ciudadanos. "Neste caso confiamos no apoio do PSOE, pero hai que ver que posición adopta Ciudadanos, que na votación de decembro mantivo a posición máis agresiva", alerta Yolanda Díaz, que conclúe que "se Ciudadanos non se move, podemos perder a votación".

 

Yolanda Díaz, Fernando Souto e Antón Gómez-Reino, na rolda de prensa © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.