0 Gardados para despois

O Morrazo volve quedar sen Corredor, desta vez sen data de apertura

Redacción | @prazapublica

O Corredor do Morrazo permanecerá cortado ao tráfico a partir deste luns 9 de xaneiro e sen data prevista de apertura. O tramo afectado é o comprendido entre os quilómetros 0 e 6 e, xa que logo, entre os enlaces da ponte de Rande e o de Meira.

O Corredor do Morrazo volve pechar ao tráfico sen data prevista de apertura malia o anuncio da Xunta

Segundo informou a Xunta, o corte débese á "necesidade de garantir a seguridade de usuarios e traballadores no transcurso das obras de conversión en Autovía desta infraestrutura". Deste xeito, a circulación nesta vía permanecerá interrompida "ata o final das voaduras máis importantes". Durante o tempo que dure o corte ao tráfico, o Goberno galego reforzará "a información aos cidadáns", así como "a sinalización para ofrecerlles indicacións concretas e precisas os usuarios sobre as alternativas de comunicación e os desvíos que poden tomar".

O Goberno galego xa advertira o pasado mes de outubro do peche ao tráfico desta vía en dous períodos: do 2 de novembro ao 21 de decembro e do 8 ao 21 de xaneiro, evitando o Nadal. No entanto, esta data prevista de apertura xa non é tal e a Xunta xa non pon prazo para a súa reapertura. 

Así as cousas, a Xunta engadiu que esta decisión "minimiza os riscos" e permitirá "concentrar os traballos de maior entidade no menor tempo posible", polo que está previsto que o prazo de execución dos desmontes previstos se reduza "case á metade".

 

Unha situación que se repite dez anos despois

No outono de 2006, hai agora unha década, o afundimento da antiga Vía Rápida do Salnés xusto cando comezaban as obras do seu desdobramento na actual autovía fixo que a Xunta bipartita decidise pechala ao tráfico por treitos preto de catro meses e culpase ao ex-conselleiro popular Xosé Cuiña dunha deficiente construción. Ao tempo, o PP defendíase acusando a daquela conselleira socialista María José Caride de planificar mal a ampliación da vía e colapsar a mobilidade de toda unha comarca. Dez anos despois, o pasado outubro a conselleira, Ethel Vázquez, anunciou que pecharía ao tráfico o treito inicial do Corredor do Morrazo durante algo máis de dous meses pola inestabilidade detectada en varios noiros durante as obras de desdobramento en autovía que están en marcha. Aínda que as orixes de ambos problemas semellan diferentes, existen similitudes entre os dous casos. Como hai dez anos no Salnés, cando mesmo se creou unha comisión de investigación parlamentaria, o Morrazo quedará agora sen corredor á espera de ter autovía.

O peche do tramo inicial débese á inestabilidade detectada en varios noiros durante as obras de desdobramento en autovía

Tanto no Salnés en 2006 como no Morrazo agora, a Xunta tiña previsto inicialmente realizar as obras de desdobramento en autovía por fases, de xeito que non houbese que cortar o tráfico na vía preexistente máis que de xeito puntual. Porén, cando eses traballos xa estaban en marcha sobreviu o imprevisto, daquela co risco de afundimento dos tubos de drenaxe e agora co risco de afundimento de varios noiros

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.