Dapena dimite como portavoz socialista no Concello da Coruña

José Manuel Dapena © PSOE

O voceiro municipal do PSOE na Coruña, José Manuel Dapena, presentou na mañá deste xoves a súa dimisión como portavoz a través dun escrito ao secretario xeral do pleno. Apenas un ano e medio despois de que asumise o cargo, o concelleiro socialista abandona sen explicar -polo momento- as razóns da súa marcha

A súa decisión parece estar motivada pola perda de protagonismo a favor doutros compañeiros de grupo

No fondo, a decisión semella deberse á perda de protagonismo de Dapena a favor doutros compañeiros de grupo, nomeadamente nas últimas semanas. Mar Barcón, candidata nas eleccións municipais de 2015 e que deixara o cargo de portavoz tras o devalo electoral, tomou a iniciativa para desbloquear a negociación dos orzamentos coa Marea a través de conversas informais co alcalde Xulio Ferreiro. Ao tempo, o edil socialista e número dous na lista electoral, José Manuel García, asumía o liderado do grupo no mesmo asunto e a voz pública nas declaracións. O agora dimitido foi perdendo visibilidade e influencia. 

A división no socialismo estatal e galego trasládase tamén ás agrupacións locais e aos grupos en diferentes concellos. Á evidente fractura en Ferrol úneselle tamén a que acontece na Coruña, co debate sobre a relación a manter coa Marea Atlántica -e mesmo co PP- como pano de fondo. Agora, queda por ver como afecta esta dimisión ás xuntanzas que para os vindeiros días teñen previsto membros do goberno local e do grupo socialista para a negociación dun orzamento que foi tombado cos votos de PSOE e populares.

José Manuel Dapena © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.