Mar Barcón dimite como secretaria xeral do PSOE na Coruña, que segue sen portavocía

Mar Barcón © PSdeG-PSOE A Coruña

Mar Barcón presentou esta tarde a súa dimisión "irrevogable" como secretaria xeral da Agrupación Socialista Coruñesa. Fíxoo despois de que a formación fose incapaz de elixir un novo voceiro ou voceira municipal que substitúa a José Manuel Dapena, que onte anunciou o seu cese.

O grupo municipal socialista na cidade evidencia deste xeito a súa fractura. Por unha banda, estarían Mar Barcón, Fito Ferreiro e José Manuel García, que apostarían por este último como candidato a portavoz. Polo outro Yoya Neira e Silvia Longueira, que -como publicou este venres La Opinión- optaría ao posto para evitar o ascenso de García, que só moi recentemente accedeu a darse de alta como militante no partido. A decisión podería depender do propio Dapena, que este xoves non detallou os motivos da súa renuncia, pero que puido sentirse molesto con Barcón por unha situación de ninguneo no seo do grupo municipal que en teoría comandaba.

Barcón propón que unha xestora se ocupe de dirixir o partido na cidade ata a elección dunha nova dirección local, algo que podería suceder a finais deste ano 2017, momento "en que se completará a renovación orgánica en todos os ámbitos do Partido Socialista", subliña Barcón na carta na que informa á militancia da súa decisión. A Xestora Federal do PSOE sería en todo caso a encargada de designar esta xestora local, que fixe o rumbo da formación nun momento especialmente delicado, tanto para o partido coma para a cidade, pendente aínda a aprobación dos orzamentos. A proposta de contas presentada polo Goberno municipal foi rexeitada no pleno por PP e PSOE e está pendente unha negociación entre Marea Atlántica e PSdeG-PSOE para desbloquear a situación.

A dimisionaria, que seguirá sendo concelleira, comunicoulle a súa decisión á militancia do partido na cidade a través dunha carta na que destaca o "honor" que supuxo dirixir a formación e na que destaca "o apoio dos meus compañeiros e compañeiras". Sinala que "é certo que hoxe o Partido Socialista non vive os seus mellores momentos e que decote preguntémonos se haberá saída deste atolladero no que levamos mergullados algúns anos". E engade que "creo, con sinceridade, que se hai un proxecto capaz de devolverlle a dignidade e os dereitos ás persoas, ese é o proxecto socialdemócrata que representa o PSOE". Despídese agradecendo o traballo de toda a militancia e, en especial, dos alcaldes Francisco Vázquez e do "compañeiro e amigo" Javier Losada.

Barcón foi edil de Servizos Sociais entre 1999 e 2006 e de Urbanismo entre 2006 e 2009. Encabezou a lista do PSdeG-PSOE nas eleccións municipais do ano 2015, obtendo o peor resultado para os socialistas na cidade, o que a levou a abandonar o posto de voceira, en favor de Dapena.

 

Mar Barcón © PSdeG-PSOE A Coruña
Silvia Longueira © PSdeG-PSOE A Coruña
José Manuel García © PSdeG-PSOE A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.