Tres candidaturas concorrerán ás eleccións internas de En Marea

Votacións no plenario de En Marea, o pasado decembro CC-BY-SA En Marea

Tres candidaturas para o primeiro órgano ordinario de dirección de En Marea como partido instrumental, o Consello das Mareas. Fronte ao previsto nas últimas semanas, nas que diferentes voces internas auguraron un proceso cunha única lista "de consenso", a xurdida en torno á coordinadora provisional, o prazo de presentación de candidaturas culminou, segundo confirmou o comité electoral, coa presentación de tres opcións. Xunto á que apostaba por integrar de inicio a "todo o espazo da confluencia", que encabeza o voceiro parlamentario, Luís Villares, inscribiuse outra que ten á súa fronte ao deputado David Rodríguez, ex-alcalde de Manzaneda, e unha terceira cuxa composición aínda non transcendeu oficialmente.

O voceiro do comité electoral de En Marea, Xermán Tobío, compareceu este sábado ante a prensa para informar do peche do prazo de inscrición de candidaturas ás 23:59 do venres e do número das presentadas, pero non da súa composición, que será oficial o luns, unha vez concluído o prazo de "corrección de erros" e resoltas as posibles reclamacións que se presenten. No entanto, durante este sábado transcenderon xa algúns dos nomes da lista na que se integra Villares, que ten previsto presentarse ante a prensa este domingo, e a encabezada por David Rodríguez fixo pública xa a totalidade da súa composición.

A composición das candidaturas será proclamada oficialmente este luns, unha vez rematado o prazo de corrección de erros e resoltas as posibles reclamacións

No caso da lista de Rodríguez concorre ao proceso baixo a denominación "Somos Quen" e preséntase como unha "candidatura de persoas de base e de mareas pequenas e medianas" e nela figuran, nos seus primeiros postos, nomes como Iria Morgade, Modesto Renda, Esther Duro, Alfonso Diz, Sonia Vidal, Pablo Alonso ou Mónica González. Ademais desta candidatura, con diversas persoas afíns a Anova, resta por coñecer a terceira, que fontes próximas ao proceso ubican na contorna de Cerna.

Unha vez feito público que o proceso de elección do Consello das Mareas non estará baseado nunha única lista o voceiro da formación na Cámara galega amosou unha satisfacción "moderada" xa que, admite, veu apostando por "xuntar sensibilidades" na "lista de consenso", na que tamén están presentes dirixentes como Xosé Manuel Beiras e membros de mareas urbanas como Marea Atlántica, Lugonovo ou Ourense en Común. "Evidentemente, gustaríanos que todo o mundo se sentise cómodo nesta candidatura", sinalou Villares en declaracións aos medios, xa que na súa opinión a candidatura da que el forma parte conta cun apoio "moi maioritario". É por iso, agrega, que non desbota aínda a posibilidade de que exista marxe para "aunar sensibilidades".

Villares coida que a lista da que forma parte, na que tamén participa Beiras, conta cun apoio "moi maioritario" por "aunar sensibilidades"

Segundo o calendario aprobado polo plenario de En Marea, unha vez proclamadas as candidaturas definitivamente abrirarse, o vindeiro martes, un proceso de campaña interna que se estenderá ata o vindeiro venres, día 20. O 21 de xaneiro comezan as votacións, que finalizan ás nove da mañá do luns, día 23, día no que os resultados serán proclamados provisionalmente e dous días despois, de xeito definitivo.

O sábado, 28 de xaneiro, constituirase o novo Consello das Mareas, de entre cuxos 35 membros xurdirá o órgano de dirección ordinaria, a Coordinadora Nacional, de once membros. Atendendo ao regulamento do proceso, "as persoas que ostenten a condición de portavoces dos grupos parlamentarios no Parlamento de Galicia e no Congreso" serán membros do Consello e da Coordinadora "con voz e sen voto". Se, como Villares, forman parte dunha lista e son electos, "o grupo parlamentario elixirá outra persoa representante".

Plenario de En Marea CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.