O inicio dos traballos para a posta en marcha dun novo modelo de financiamento autonómico -o anterior está caducado dende 2014- foi protagonista nas avaliacións dos principais dirixentes a respecto da Conferencia de Presidentes de comunidades autónomas reunida o pasado luns no Senado. Cuestións como que nese reparto vaia ser ponderado o financiamento sanitario ou que o Goberno de España asegure que impulsará unha estratexia fronte ao devalo demográfico son para o presidente da Xunta mostras de que a xuntanza, á que non acudiron Euskadi nin Catalunya, foi un "avance" para o Estado das autonomías. No entanto, xunto a eses acordos a Conferencia selou outro que, na práctica, vén fortalecer as cancelas ao autogoberno autonómico que o Goberno de España comezou a plantar no ano 2013 coa súa Lei de Garantía de la Unidad de Mercado.
Presentada en plena crise como unha vía para "incentivar o investimento" e mais incrementar a "produtividade" e a "competitividade", esta norma -en boa medida aínda por desenvolver- formula a intención de eliminar "regulamentacións innecesarias" e "obstáculos que fragmentan o mercado nacional". Entre os seus preceptos figuran, por exemplo, que se unha empresa ou entidade obtivo autorización nunha comunidade autónoma concreta para desenvolver unha actividade económica, poida como normal xeral realizala en calquera outra sen posibilidade de lle esixir o cumprimento de disposicións adicionais.
A Conferencia acorda desenvolver a lei que limita as capacidades autonómicas para establecer normas e requisitos para actividades económicas e administrativas
É neste contexto no que chega o acordo da Conferencia que, na práctica, vén supeditar aínda máis diversas normas autonómicas aos ditados do Goberno de España, tamén no ámbito da función pública. Así, por exemplo, segundo o texto pactado entre os Executivos representados na xuntanza a intención é que o persoal público poida "prestar os seus servizos no conxunto das distintas Administracións en función das concretas necesidades destas en cada momento". Trátase, indica o documento, de "avanzar" na "mobilidade interadministrativa".
Así, por exemplo, segundo o pactado "no marco da oferta de emprego público anual" terá que realizarse unha análise dos postos a ofertas "en colaboración co resto de Administracións Públicas". Atendendo oa comprometido, os gobernos van "potenciar a mobilidade interadministrativa voluntaria para facilitar o acceso dos empregados públicos a postos de traballo doutras Administracións Públicas" e para iso artellarán "mecanismos e medidas que favorezan o dereito destes a gozar de dita mobilidade". En preceptos coma este encaixa, por exemplo, a decisión tomada pola Xunta en 2009 para eximir a quen optan a un emprego público de realizar cando menos un exame redactado en lingua galega -deben realizar unha proba de idioma, pero non demostraren que o manexan no seu ámbito profesional-.
Valoración da oposición galega
Villares reclama un "solo de ingresos pactado" para "evitar a tendencia neoliberal da competencia á baixa" nos impostos
Mentres o PPdeG aplaude os resultados da Conferencia de Presidentes ao considerar a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, que "a política da Xunta se estende ao conxunto de España", nos grupos da oposición considérase cando menos "decepcionante" o abordado en Madrid. "Non soubemos que modelo levaba e, polo tanto, tampouco sabemos se se cumpriron as súas expectativas", di o voceiro de En Marea, Luís Villares, para quen a "decepción" vén dada por que Feijóo se "conforme" con "manter o statu quo actual" en canto ao financiamento. A aposta do Goberno galego, sinala Villares, debera ser reclamar "soberanía fiscal" para "podermos actuar" sobre o conxunto dos impostos, cun "solo de ingresos pactado entre as comunidades", un "modelo federal" que "evite a tendencia neoliberal" da "competencia á baixa" en impostos, o "dumping" fiscal.
Leiceaga: "Pariron os montes e naceron comisións de estudo sen resultados"
Pola banda do PSdeG Xoaquín Fernández Leiceaga coida que tras as "expectativas inchadas" das últimas semanas os resultados son, cando menos, "limitados". "Pariron os montes e naceron comisións de estudo sen ningún resultado", ironiza o socialista, quen se ve como "punto de vista positivo" o feito de que se "puxese o acento nas necesidades de gasto e o custo, ponderando a sanidade" e "tendo en conta" o envellecemento da poboación, sinala qeu acbe agardar que "o diñeiro adicional achegado" polo Goberno do PP ás autonomías "sexa cero", coa conseguinte imposibilidade de mellorar a prestación de servizos públicos.
Pontón: "Se algo se puxo de manifesto é a necesidade dunha relación bilateral co Estado"
Dende o punto de vista da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Conferencia rematou sen que se "concretase nada relevante" e albiscando o que, ao seu xuízo, é "un gran pacto entre PP e PSOE para seguir afondando no proceso de recentralización de competencias, que tanto prexudica a Galiza", en "ámbitos como a sanidade, a educación ou a fiscalidade". "Se algo se puxo de manifesto -di a nacionalista- é a necesidade de que Galiza teña unha relación bilateral do Estado, para debater de ti a ti", xa que "para mellorar o financiamento hai que mudar o modelo e apostar por un concerto económico", non "parchear" o actual sistema.