Dende finais de decembro o colectivo de ultradereita Hazte Oír remite a centros educativos de todo o Estado un panfleto contra a introdución de contidos no ensino sobre igualdade de xénero, diversidade sexual ou respecto ás leis como a vixente en Galicia dende 2014 a prol dos dereitos das persoas LGTBI. No momento en que esta organización advertiu destes envíos diversos colectivos galegos dirixíronse á Consellería de Educación e máis á Valedora do Pobo para instalos a retiraren dos colexios unha publicación que "incita o odio", ademais de presentar como feitos falsidades como que as autoridades "premian a conversión dos individuos á homosexualidade".
Esa petición chegou este xoves á comisión de Educación do Parlamento mediante senllas iniciativas de En Marea e PSdeG que o PP tombou malia considerar "lixo" esta publicación. Os conservadores estaban dispostos a dar o seu voto favorable a que a Cámara instase a Xunta a retirar os panfletos, pero sempre e cando a petición fose modificada para reclamar "limitar" todo tipo de mensaxes nas aulas que teñan, din, un contido "ideolóxico".
Pola banda de En Marea a deputada Luca Chao considerou "inadmisible" a difusión nos centros educativos dunha publicación que "pon en cuestión dereitos fundamentais" mediante o espallamento dunha campaña "homófoba e violenta". "As escolas do país deben ser espazos libres de imposicións ideolóxicas e relixiosas" para formaren "persoas libres" e alí, subliña, debe cumprirse tamén a lei de igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBI vixente en Galicia.
Os populares estaban dispostos a apoiar a retirada, pero incorporando "límites á difusión" de "todo o material de contido ideolóxico"
Nun sentido semellante o socialista Luis Álvarez reclamou que a Xunta free o reparto deste "libelo homófobo sen precedentes" por "atacar duramente á educación no respecto á diversidade sexual e de xénero". Esta propaganda, sinala o deputado do PSdeG, é "contraria aos valores do noso ordenamento xurídico de tolerancia e respecto á diversidade" e enfróntase ao "traballo do profesorado para desenvolver unha educación en valores en defensa destes principios", tamén na loita contra o acoso escolar do alumnado LGTBI.
En Marea e PSdeG reclamaban que a Xunta impida a difusión nos colexios do "libelo homófobo" do grupo ultra 'Hazte Oir'
As peticións de ambos grupos da banda esquerda foron respondidas no nome do PP polo deputado César Fernández, disposto a apoiar a retirada pero previa emenda. Segundo o PP o que cómpre "limitar" é a "difusión" nos centros educativos "de calquera publicación sen contido pedagóxico incluído nos currículos e, nomeadamente, daqueles que supoñan un cuestionamento das políticas de igualdade, liberdade, respecto e non discriminación". No mesmo paquete a proposta do grupo que sustenta o Executivo defendía "limitar a difusión" de "todo aquel material de contido ideolóxico, publicitario ou comercial que non teña relación coas programacións educativas", coa única excepción "dos contidos relativos ás condicións de traballo no marco da lei orgánica de liberdade sindical".
Ante o que, na práctica, supuña resucitar unha controversia alimentada polo PP dende tempos de Fraga -cando apostara, por exemplo, por prohibir nos centros educativos materiais e simboloxía ligados á plataforma Nunca Máis-, os grupos rexeitaron a emenda popular. "As miñas condolencias polo papelón que tivo que xogar", ironizou o voceiro socialista ante a postura conservadora. Finalmente o PP fixo valer a súa maioría absoluta e tanto a iniciativa de En Marea como a do PSdeG foron rexeitadas.