O PP forza o bloqueo do Concello de Sarria, ao opoñerse á contratación dun tesoureiro

Casa do Concello de Sarria CC-BY-SA Miguel Pereiro

No outono de 2013 o bloqueo orzamentario propiciado polo Partido Republicano nos Estados Unidos levou á paralización temporal do Goberno federal, deixando sen soldo a case un millón de funcionarios. Salvando todas as distancias, un bloqueo semellante está a acontecer en Sarria. O problema, aquí, non está no orzamento, senón na ausencia dunha persoa que poida exercer legalmente o labor de tesoureiro/a.

Dende o pasado 1 de xaneiro todos os tesoureiros e tesoureiras dos concellos deben ser habilitados/as nacionais (Lei 18/2015 de 9 de xullo). Ata ese momento as localidades de menos de 20 mil habitantes non tiñan esa obriga. De feito, en Sarria unha funcionaria municipal viña realizando ese labor de forma transitoria, algo que legalmente xa non é posible, o que impide pagar as nóminas de 90 traballadores e traballadoras e tamén aboar as facturas de empresas provedoras, o mesmo que cobrar taxas municipais.

O Goberno local levou dúas veces ao pleno a proposta para contratar un tesoureiro ou tesoureira. Porén, o PP opúxose ambas as dúas veces á medida. A alcaldesa Pilar López (PSdeG-PSOE) goberna en minoría, con 4 concelleiros de 17 mais o apoio dos 2 edís do BNG. O PP conta con 7 representantes e durante todo o pasado ano pairou a posibilidade de que presentase unha moción de censura co apoio de dous concelleiros de Compromiso por Galicia. CxG expulsounos, unha medida pola que pasaron a ser non-adscritos e imposibilitou legalmente a presentación da moción de censura.

Ante a situación de bloqueo que vive o Concello, a rexedora envioulle unha carta ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, reclamándolle unha solución que permita a realización dos obrigados pagamentos. Pilar López ameaza mesmo con "plantarse" na sede do Ministerio se a situación non se resolve. Este xoves o tema será debatido de novo no pleno, pero mesmo se a proposta de contratación fose aprobada, a praza non se crea instantaneamente, e habería que agardar "dous ou tres meses", advirte López, que denuncia que "a oposición non considerou necesario nin prioritaria a creación desta praza". Segundo a alcaldesa, representantes do Ministerio comprometéronse a buscar unha medida que permita realizar os pagamentos sen atrasos, unha solución que podería chegar esta semana.

 

Casa do Concello de Sarria CC-BY-SA Miguel Pereiro
María de Pilar López Yañez, alcaldesa de Sarria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.