En Marea adía a elección da coordinadora e das portavocías

Os integrantes do Consello das Mareas Dominio Público @En_Marea

As 35 persoas elixidas para formar parte do Consello das Mareas reuníronse este sábado en Compostela para establecer as directrices da formación e apostaron por incluír nelas achegas das tres listas que se presentaron ás primarias. Así o aseguraron antes de dar comezo a un cónclave que, xa advertían, non deixaría todo resolto nesta xornada. Finalmente, todo quedou nunha "toma de contacto" e "con total sintonía, como se as candidaturas se diluísen", segundo aclarou Luís Villares. 

O Consello das Mareas apraza a redaccion do documento político e a elección da portavocía da formación para vindeiros encontros

O cónclave non serviu para escoller unha coordinadora nin para avanzar na redacción do documento politico que rexerá a dirección do partido. Tampouco se definiu como será a portavocía de En Marea e ambas decisións serán aprazadas a vindeiros encontros, segundo acordou o Consello das Mareas. "Viñamos sen orde do día. Non nos parecía prudente o primeiro día facer todo", dixo Villares ao remate dunha xuntanza na que se acordou organizarse en "dúas áreas de traballo", unha de "acción política" e outra "organizativa. Será no futuro, xa que logo, cando se aproben "as liñas políticas fundamentais" e "o resto de órganos" da formación. 

Finalmente, acordouse a creación da comisión de garantías, "órgano estatutario responsable de velar polos dereitos da participación política", a área de Acción Estratéxica, de carácter político, e a de Coordinación do Espazo da confluencia, de "carácter organizativo e que terá unha división colexiada das responsabilidades entre os membros do Consello".

O Consello das Mareas acordou a creación de tres comisións e establecerá un calendario para "concretar a liña política e escoller a súa coordinadora nacional"

"Unha vez se poñan en marcha as tres áreas, o Consello das Mareas establecerá un calendario para concretar a súa liña política e procederá a escoller a súa cooordinadora nacional e o reparto de responsabilidades", aclarou a formación nun comunicado. 

"O discurso do portavoz parlamentario será o preeminente en En Marea", aclara Villares

Xas o domingo, nunha entrevista en Radio Galicia-SER, Villares asegurou que "o discurso do portavoz parlamentario será o preeminente en En Marea" e aclarou, respecto da posibilidade de que sexa o voceiro da formación ou esa responsabilidade sexa compartida, aclarou estar "sempre ao servizo da confluencia". "Cando a confluencia decida que eu teña que ser o voceiro orgánico, sereino. E mentres non o decida, pois non o serei", dixo. 

O sábado, antes de comezar o cónclave, as tres listas avogaron por un texto consensuado como documento político e negociar tamén quen conforma a coordinadora de En Marea, así como as portavocías da formación. Luís Villares, portavoz parlamentario e líder de Máis Alá (que acadou case o 60% do apoio), anima a un proceso "dialogado e consensuado" pero "tendo en conta que a lista máis votada" é a que nel está, a mesma que aposta por que el non sexa o único portavoz da organización. Esta cuestión, e outras, advirte, "leva tempo". De feito, nin tan sequera cre que queden designadas as once persoas que formen a coordinadora. 

Todas as listas apostan por consensuar un documento pero Villares adivrte de que se debe ter en conta "a máis votada"

Villares aposta polo "consenso" e que non se precise "votar nada". Pola súa banda, o deputado David Rodríguez, e líder da lista Somos Quen, insiste en que "pelexar" non van "pelexar" porque o que se debe é "fortalecer a Marea". Por iso, avoga por un consenso "entre os tres documentos presentados". 

Consuelo Martínez, voceira da lista Queremos Participar, tamén pediu que se "unisen os tres programas" para poder así "tirar estes anas cara adiante sen imposición de ninguén". 

Os integrantes do Consello das Mareas Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.