O PP modificará a lei para escoller a dedo os letrados do Consello Consultivo

José Luis Costa Pillado, con Alberto Nuñez Feijoo © Xunta

O Consello Consultivo é un órgano autonómico, creado en 1995 co obxectivo de emitir ditames sobre a legalidade das actuacións das institucións públicas galegas dende a Xunta aos concellos ou as universidades, unha función de consulta que é nalgúns casos obrigatoria para as administracións. Os seus ditames non son vinculantes, pero adoitan ter un peso decisivo na toma de decisións. Nos últimos anos, por exemplo, advertiu ilegalidades no Decreto do Plurilingüismo, alertou da "inseguridade xurídica" do decreto que permitía que os colexios peneirasen o alumnado antes de admitilo, sinalou irregularidades no concurso de licenzas de FM ou sentenciou que o decreto que regula as áreas de xestión clínica era "contrario ao ordenamento xurídico". Máis recentemente, o seu posicionamento (favorable pero con matices) á constitución da Área Metropolitana de Vigo está sendo empregado tanto polos actores favorables á súa posta en marcha coma pola Xunta.

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denuncia que deste xeito os letrados e letradas pasarán a ser elixidos "por libre designación” e que o obxectivo é “quitar do medio os letrados molestos”

O órgano está composto por conselleiras e conselleiros natos (ex-presidentes da Xunta de Galicia; neste momento Gerardo Fernández Albor e Fernando González Laxe) e por conselleiras e conselleiros electos (un total de 5, por períodos de seis anos), que deberán ser "xuristas de recoñecida competencia que conten cunha experiencia e desempeño efectivo durante polo menos dez anos". Segundo a norma vixente (Lei 3/2014, aprobada cos votos de PP e PSdeG-PSOE), dous son nomeados polo presidente da Xunta e os outros tres por proposta do Parlamento de forma proporcional ao reparto de forzas na cámara. Así mesmo, o Consello Consultivo conta cun corpo de letrados (5, neste momento), encargado de realizar os informes xurídicos nos que se basean os ditames. Ata agora estes letrados ingresaban na institución a través dun proceso selectivo público.

Porén, o PP incluíu dentro da súa Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2017 unha proposta para modificar a norma de 2014, suprimindo este corpo de letrados, de xeito que o persoal funcionario de carreira pertencente a este corpo de letrados e letradas pasará a integrase na escala de letrados da Xunta. Ademais, segundo se indica na modificación lexislativa que se votará o vindeiro luns, "a provisión das prazas de letrados ao servizo do Consello Consultivo de Galicia, de acordo coa especial responsabilidade, confianza e cualificación profesional requirida, efectuarase por libre designación con convocatoria pública". A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denuncia que deste xeito os letrados e letradas pasarán a ser elixidos "por libre designación, a dedo” e que o obxectivo é “quitar do medio os letrados molestos”.

Vilán acusa o actual presidente do Consello Consultivo, José Luís Costa Pillado, de limitar a capacidade de actuación dos xuristas que non considera afíns. A socialista explica que dende que Costa Pillado tomou posesión en xullo de 2014 "os asuntos tratados polo órgano son repartidos arbitrariamente polo seu presidente e non asignados en orde de entrada, como viña sendo habitual, dividindo o corpo entre os encargados dos asuntos de trámite e aqueles sobre os que recaen as cuestións de maior entidade". A consecuencia deste cambio de política "ademais de xerar un notable malestar entre os traballadores do ente, foi multiplicar o número de votos particulares, que pasaron de ser casos puntuais a sumar ata 22 dende xullo de 2014", sinalou a deputada.

Luís Villares solicitará a comparecencia de Alfonso Rueda "para explicar os motivos deste cambio legal dun órgano estatutario que debe manter independencia"

De igual xeito, o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, pediu a dimisión de Costa Pillado “por ser cómplice co baleirado desta institución” e anunciou que solicitará a comparecencia do vicepresidente Alfonso Rueda "para explicar os motivos deste cambio legal dun órgano estatutario que debe manter independencia para poder dicirlle por aquí si e por aquí non ás administracións en termos de legalidade e non de oportunidade”.

 

Costa Pillado, cuestionado

Costa Pillado foi investigado por presunto tráfico de influencias no marco da Operación Cóndor e recibiu recentemente unha sentenza en contra por alterar as condicións laborais do persoal da institución de forma “torpe e inxustificada"

O actual presidente do Consello Consultivo non só é cuestionado por este criticado cambio de política interna na institución, senón tamén por ter sido investigado por presunto tráfico de influencias no marco da Operación Cóndor e por ter recibido recentemente unha sentenza en contra por alterar as condicións laborais do persoal da institución de forma “torpe e inxustificada”. Esta sentenza puxo de manifesto que Costa Pillado decidiu deixar de pagar os complementos retributivos aos traballadores e traballadoras do órgano sen ningún tipo de motivación e agora obriga a institución a devolver os importes, "o que podería supor un desembolso total de 100.000 euros para o ente", denuncia o PSdeG-PSOE.

Os socialistas presentaron unha batería de iniciativas parlamentarias pedindo o cese de Costa Pillado e denunciando que a institución está a perder "prestixio, obxectividade e independencia". Lembran que no momento do seu nomeamento Costa Pillado prometeu "prudencia, ilusión, imparcialidade e austeridade" e salientan que "non pode haber ilusión cando as funcionarias e os funcionarios do Consello Consultivo están sendo laminados dende que comezara o mandato do actual presidente" e que "non pode haber imparcialidade cando hai un reparto arbitrario do traballo por parte do seu presidente".

 

Sede do Consello Consultivo de Galicia © Consello Consultivo de Galicia
José Luis Costa Pillado, con Alberto Nuñez Feijoo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.