Unha moción de confianza decidirá o futuro do Goberno da Coruña e os seus orzamentos

Comparecencia de Xulio Ferreiro, este venres, acompañado polo resto de edís do grupo de goberno © Marea Atlántica

Non houbo acordo. A pesar de que nos últimos días (e horas) continuaron as negociacións entre Marea Atlántica e PSdeG-PSOE para chegar a un consenso sobre o proxecto de Orzamentos municipais para 2017, finalmente o pacto non chegou. Xulio Ferreiro compareceu na mañá deste venres, acompañado polos seus concelleiros e concelleiras, destacando que "fixemos todo o que estaba na nosa man para chegar a un acordo co PSOE", e subliñando que mesmo ofreceran incrementar de tres a catro o número de concelleiros socialistas que colaborarían co goberno municipal na execución de proxectos concretos (unha das demandas do PSOE que levaran hai unha semana a rachar o acordo) e subliñando que non houbera vetos persoais (á presenza neles, por exemplo, de Mar Barcón).

O PSdeG-PSOE non aceptou a esixencia da Marea de que, ligado ao acordo, se pactasen compromisos para o impulso da Área Metropolitana, mobilidade sustentable e a defensa da titularidade pública dos terreos portuarios

Porén, o PSdeG-PSOE non aceptou a esixencia da Marea -presentada nos últimos días- de que, ligado ao acordo orzamentario, se pactasen entre as dúas forzas compromisos para o impulso da Área Metropolitana da Coruña, o cambio do modelo de mobilidade cara a un máis sustentable e a defensa da titularidade, a xestión e a iniciativa públicas na transformación dos terreos portuarios. O obxectivo, segundo Marea Atlántica, era "construír unhas condicións mínimas para a estabilidade, cando menos para este ano". A pesar de que estes tres asuntos concretos viñeron contando nos últimos meses, máis ou menos, co apoio do PSdeG-PSOE, os voceiros socialistas manifestaron este xoves e de novo este mesmo venres a súa negativa a chegar a acordos e pactos máis aló da aprobación das contas.

Ferreiro: "Estamos condenados a entendernos co PSOE, pero non poden garantirnos un mínimo de estabilidade, basicamente porque non poden garantir á cidade o que non poden garantir para si mesmos"

"Estamos condenados a entendernos co PSOE, pero neste momento non poden garantirnos un mínimo de estabilidade, basicamente porque non poden garantirnos a nós nin á cidade o que non poden garantir para si mesmos. A nosa man, en todo caso, está tendida para o futuro", sinalou este venres Xulio Ferreiro, que engadiu que "ao PSOE quédanlle por diante decisións difíciles. A primeira téñena que tomar mañá ás 12.30 horas no Salón de Plenos".

Este sábado ás 12.30 celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá unha moción de confianza ligada á aprobación das contas. Unha hora antes, ás 11:30, a Marea Atlántica convoca os seus simpatizantes a concentrárense na praza de María Pita. Todos os grupos da corporación deberán posicionarse sobre o seu apoio a Ferreiro, de xeito que se o rexedor obtén máis votos favorables que negativos o alcalde será ratificado e os Orzamentos aprobados na súa fase inicial. E se, pola contra, hai máis votos negativos, abrirase un prazo dun mes para que as forzas da oposición negocien e, chegado o caso, presenten unha moción de censura, acordando un candidato ou candidata alternativa. De non facelo, as contas (na súa fase inicial) aprobaríanse automaticamente e Xulio Ferreiro continuaría na alcaldía.

Este sábado ás 12.30 celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá unha moción de confianza ligada á aprobación das contas

Os votos do PSdeG-PSOE serán decisivos este sábado. Se na moción de confianza votan a favor, esta será aprobada. E o mesmo sucedería se se abstivesen e o BNG apoiase a Ferreiro. Pola contra, o voto negativo dos seis edís socialistas levaría ao fracaso da moción de confianza, abrindo ese período dun mes no que PP e PSOE terían que poñerse de acordo para elixir un novo alcalde ou alcaldesa. A este respecto, Xulio Ferreiro engadiu esta mañá que "agardemos que a crise do PSOE non estrague o proceso de cambio que se iniciou en maio de 2015 nin teñan a tentación de empregar A Coruña como un banco de probas".

O punto de desacordo

Cardador recoñeceu que nestas tres propostas o PSdeG-PSOE está "de acordo" na súa "esencia" e atópase "moi próximo" aos plantexamentos feitos pola Marea. Porén, engadiu que "non se poden precipitar estes proxectos"

O concelleiro Jose Manuel García e Florencio Cardador -presidente da xestora local do PSdeG-PSOE- compareceron tamén esta mañá, manifestando a súa "total dispoñibilidade para subscribir o acordo acadado o pasado 25 de xaneiro" mais sinalando o seu rexeitamento ao requirimento de Marea Atlántica para chegar a un consenso neses tres compromisos. Jose Manuel García acusou a Marea de "antepoñer criterios políticos ao que a cidade demanda" e criticou que se "incorporasen elementos novos ás negociacións".

Este venres Ferreiro manifestou a súa estrañeza pola negativa do PSOE a comprometerse "nin sequera a desenvolver con nós a filosofía dun plan de mobilidade, o de Salvador Rueda, que eles mesmos impulsaron no seu día", a "apoiar no Pleno o inicio do procedemento administrativo para a constitución da Área Metropolitana nos mesmos termos en que o fixeron os alcaldes socialistas de Culleredo, Bergondo ou Betanzos" ou a defensa do carácter público da fachada marítima da cidade "na liña da moción presentada polo propio PSOE no Pleno da Corporación".

En rolda de prensa, Florencio Cardador recoñeceu que nestas tres propostas, "moi importantes para o desenvolvemento da cidade", o PSdeG-PSOE está "de acordo" na súa "esencia" e atópase "moi próximo" aos plantexamentos feitos pola Marea. Porén, engadiu que "non se poden precipitar estes proxectos" nin "engadir algo novo a un acordo que xa había". Preguntado pola posición que manterán os seis edís socialistas ante a moción de confianza, Cardador sinalou que o grupo municipal "terá que deliberar" este venres o sentido do seu voto.

Ferreiro acusou ao PSOE de ter realizado "unha negociación inzada de trampas e mostras de deslealdade, como a comparecencia do pasado xoves, na que se daban por feitos extremos do acordo que nunca estiveran pechados"

Pola súa banda, Ferreiro acusou ao PSOE de ter realizado "unha negociación inzada de trampas e mostras de deslealdade, como a comparecencia do pasado xoves, na que se daban por feitos extremos do acordo que nunca estiveran pechados". Naquela rolda de prensa do 26 de xaneiro, os socialistas incorporaron demandas e proxectos que non foran consensuadas coa Marea no pacto acadado unhas horas antes. Unha "deslealdade que se confirma hoxe, cando revelan definitivamente que non queren asumir ningún compromiso co goberno municipal, tratando de estar ao mesmo tempo no goberno, xestionando directamente proxectos, e na oposición", concluíu o rexedor.

 

Convocatoria previa ao pleno

Marea Atlántica lanzou unha convocatoria para este sábado ás 11.30 horas -unha hora antes do inicio do pleno- na praza de María Pita, ás persoas que queiran amosar o seu apoio ao Goberno municipal e ao alcalde Xulio Ferreiro. "Nós dialogamos polo entendemento. Eles minten e rachan o acordo. Nós pensamos na cidade e na súa veciñanza. Eles no seu partido e no seu cargo. Nós buscamos saídas e construímos pontes. Eles pintan liñas vermellas. Nós somos o futuro. Eles o bloqueo. Pola Coruña, polo ben común, confiamos na Marea", sinala o texto. Así mesmo, dende a última hora da mañá mantense entre os trending topics a nivel estatal o hashtag #ConfiamosNaMarea

 

Comparecencia de Xulio Ferreiro, este venres, acompañado polo resto de edís do grupo de goberno © Marea Atlántica
Comparecencia de José Manuel García e Florencio Cardador, este venres © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.