A Xunta abre expediente informativo a Fenosa e a oposición pide "sancións" polos cortes de luz

Danos no tendido eléctrico producidos polo temporal en Oroso © Concello de Oroso

A primeiras horas deste luns case 2.000 fogares seguían sen luz en Galicia polo impacto dos temporais de vento e chuvia na rede eléctrica. A maioría das incidencias correspóndense coa rede de Gas Natural Fenosa, a principal subministradora de enerxía eléctrica no país, mentres que nunha menor medida atinxiron á clientela de Begasa, a que segue sendo compañía eléctrica de referencia en boa parte da provincia de Lugo, dependente da cántabra Viesgo, que na mañá deste luns aseguraba que xa "restablecera" os subministros interrompidos. Neste contexto é no que a Consellería de Industria vén de anunciar a apertura dun expediente informativo ás eléctricas, para as que a oposición parlamentaria reclama sancións.

O propio conselleiro Francisco Conde admite que o iniciado polo seu departamento é o "procedemento habitual" en circunstancias coma esta. "É necesario -di- garantir que as actuacións que se realizaron por parte das compañías eléctricas foron as correctas". En calquera caso, avanza, cómpre "agradecer especialmente o esforzo dos equipos que traballaron estes días" e que o fixeron "sen incidencias, a pesasr das duras condicións meteorolóxicas", para "restituír o servizo en fogares e empresas galegas".

Mentres a Consellería inicia este expediente e anima as persoas afectadas a dirixírense ao Instituto Galego de Consumo no caso de quereren formular reclamacións dende a oposición parlamentaria ínstase o Goberno a actuar con contundencia fronte a Fenosa. E, adicionalmente, os grupos da esquerda no Pazo do Hórreo instan o Executivo a artellar liñas de axudas a colectivos afectados, ademais de contrapoñer a actitude do actual Goberno coas esixencias que o PP formulaba á Xunta dende a oposición ante os danos provocados polos temporais.

"Respondan como demandaron ao bipartito que respondese"

"Respondan como lle demandaron ao bipartito que respondese, senón veremos a súa verdadeira cara", retou o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, no transcurso do debate en pleno sobre os Orzamentos para 2017. Daquela, lembra, "esixían a comparecencia do señor Touriño" e atribuían os cortes de luz "á ineptitude" do presidente. Neste contexto, sinala, cabe preguntarse se ante os danos dos últimos días Feijóo "virá explicar a desfeita ao Parlamento" ou "serán incapaces e pasivos" ante as compañías e, nomeadamente, ante Fenosa, "que cobra entre 800 e 1.000 millóns de euros para o mantemento" da rede eléctrica e a creación de novas liñas.

"É lóxico que se produzan cortes, pero é un abuso que duren 48 ou 72 horas"

Tamén o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga aproveitou a súa quenda para, como xa fixera o deputado Juan Díaz Villoslada o pasado domingo, instar a Xunta a habilitar xa unha liña de axudas específica. "Moitos" dos danos, sinala, están "cubertos polo seguro" en vivendas e negocios, así como polas propias compañías eléctricas, pero "unha axuda pública para o que non está cuberto" sería "benvida" pola cidadanía afectada.

Pola banda do BNG a súa voceira, Ana Pontón, esixe tamén ao Goberno que non sexa "pasivo" ante os "abusos" de Fenosa. "É lóxico -admite a nacionalista- que durante un temporal se dean situacións de cortes de luz", pero "o que nos parece un abuso é que duren 48 ou 72 horas", o que ao seu xuízo amosa "que Fenosa descoida o mantemento" e non ten previsto un dispositivo especial que permita "que as avarías se solucionen en pouco tempo". "A Xunta -di o Bloque- debería habilitar unha liña de axudas inmediatas" e sancionar a compañía por "non manter as liñas en bo estado".

Unha torreta eléctrica na provincia de Lugo, derrubada polo temporal © Viesgo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.