O Consultivo asegura que elección 'a dedo' dos seus letrados non ten "relación" coa súa independencia

Acto de Feijóo con membros do Consello Consultivo en 2014 © Conchi Paz

Reacción política do pleno do Consello Consultivo. Apenas vinte e catro horas despois de que o pleno do Parlamento aprobase, dentro da lei de acompañamento dos Orzamentos de 2017, a norma que establece o nomeamento dos seus letrados a través do sistema de libre designación, unha operación que os propios letrados cualificaron de "patente ilegalidade", o organismo encargado de velar polo encaixe legal das decisións da Xunta saíu ao paso para asegurar que, ao contrario do afirmado por toda a oposición parlamentaria, o novo modelo non lle resta "independencia". Ademais, o pleno do Consultivo deu en aprobar unha declaración formal para defender a "exquisita corrección" do presidente da institución, José Luis Costa Pillado, ante as peticións de dimisión formuladas por En Marea e PSdeG.

Segundo o Consultivo nun comunicado remitido á prensa o secretario xeral da institución, José Ángel Oreiro, "puntualiza que a independencia do órgano reside unicamente nos conselleiros". "Polo tanto -indica- o proceso de adscrición dos letrados do Consello consultivo ao corpo xeral de letrados da Xunta, obxecto de debate parlamentario nestes días -en referencia á aprobación da reforma legal- non garda ningunha relación coa independencia da institución". Esta adscrición, segundo a nova lei, implica a elección pola vía da libre designación atendendo á "especial responsabilidade, confianza e cualificación profesional requirida".

Na súa nota, e sen mencionar á En Marea e PSdeG, o secretario xeral do Consultivo di considerar "preciso" diversas "cuestións en relación co funcionamento e organización" da institución, tales como que o presidente "foi elixido por unanimidade dos conselleiros electivos do pleno, limitándose a intervención do presidente da Xunta ao mero acto formal do nomeamento". Nesta liña, indica que a decisión despois tombada por un xulgado de Santiago, a "suspensión do abono do complemento de produtividade", non foi só do presidente, senón "adoptada por unanimidade dos membros do pleno".

O pleno do Consultivo responde ás peticións de dimisión formuladas dende En Marea e PSdeG cunha declaración sobre a "exquisita correción" do seu presidente

Ese ditame xudicial é un dos motivos que levou os socialistas e a En Marea a esixir a dimisión de Costa Pillado. O outro, a súa citación en calidade de investigado no marco da Operación Cóndor, tamén é rebatido sen mencionalo por parte do secretario xeral. "É preciso deixar constancia", indica, que o Consultivo non emitiu ningún ditame sobre a lei de medidas urxentes sobre as liñas de transporte, aprobada polo Parlamento o pasado ano, que a xuízo da oposición galega beneficiou especialmente a empresa Monbus, cuxo presidente, Raúl López, é investigado como presunto líder desa suposta rede corrupta.

É neste contexto no que o pleno do Consultivo, cos votos a prol dos conselleiros Ignacio de Loyola Aranguren, José Antonio Fernández Vázquez, Eduardo Antonio Sánchez e do ex-presidente da Xunta Fernando González Laxe, aprobou manifestar que Costa Pillado "cumpriu e cumpre con exquisita corrección as obrigas do seu cargo" e por iso "reiteran e renovan a súa plena confianza" como presidente, "puntualizando que todos os acordos adoptados polo pleno se adoptan por todso os integrantes deste órgano e non individualmente polo presidente". Este acordo tivo a abstención do propio Costa Pillado e o voto en contra do conselleiro electivo José Abelardo Blanco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.