A Xunta di non saber se Ferroatlántica quere vender as centrais galegas malia que xa o anunciou

Factoría de Ferroatlántica en Cee © Greenpeace

Feijóo di non saber nada sobre a posible segregación da actividade de Ferroatlántica na Costa da Morte e da posible venda das centrais dos ríos Grande e Xallas. Pero ao mesmo tempo di coñecer algo, o que xa é un segredo a voces. "Como non hai noticias novas, nada podo concretar", respondeu primeiro no Parlamento á pregunta da deputada nacionalista Ana Pontón sobre unha posible autorización da Xunta á operación que pretende o grupo Villar Mir. "De acordo cos anuncios, a empresa di que quere investir 100 millóns en Galicia e para iso ten que vender activos", asegurou pouco despois. Sexa como for, o presidente da Xunta abriu a porta a "analizar" unha proposta da empresa, no caso de que a presente.

Feijóo di que "non hai noticias novas" pero recoñece que a empresa "quere investir 100 millóns e para iso ten que vender activos"

"Se hai algunha valoración ou compromiso novo, o primeiro que ten que facer o Goberno é avalialo", asegurou Feijóo, que aclara que Ferroatlántica nada lle transmitiu á Xunta polo que "o interese público segue unido ás concesións" e o Executivo "non podería autorizar ningunha segregación". "Verémolo cando concrete algo, pero non concretou nada", insistiu ante as preguntas de Pontón, que lle lembrou as declaracións do presidente da empresa asumindo as intencións ou a documentación aos reguladores bursátiles dos EUA que ratifica o pacto para a venda de todas as súas centrais en España a un grupo norteamericano.  

Ferroatlántica non ten o outro plan que non sexa vender as centrais e xa ten un acordo para facelo

Esta mesma semana, en declaracións á Radio Galega, o presidente de Ferroatlántica, Pedro Larrea, recoñeceu que a empresa non pensa noutra cousa que non sexa vender todos os seus activos hidroeléctricos na Península Ibérica, incluíndo os encoros dos ríos Grande e Xallas, que considera "non estratéxicos". Ademais, advertiu do "perigo" que corren as fábricas de Cee e Dumbría se a Xunta non permite ao grupo vender as centrais. 

Larrea negou contactos coa Xunta pero aclarou que "non vender as centrais suporía un deterioro progresivo das fábricas". E foi máis aló ao asegurar que, de non conseguir os cartos da venda, non se poderían acometer os investimentos previstos nas devanditas fábricas: 100 millóns de euros. 

Feijóo acusou a Ana Pontón de "incordiar" e "traer preocupacións á xente que non existen"

"Non creo que non saiba nada e que a empresa non tivese xa contactos coa Xunta para anunciar a venda", díxolle Pontón a Feijóo. "A empresa anuncia que vai vender un ben do que non é propietaria, que é dos galegos e galegas e que ten en concesión gratuíta desde 1956", lembroulle a deputada nacionalista, que lle recriminou que "non fale de venda ilegal" e si de que "o vai estudar". "Iso si que me preocupa", engadiu, tras pedir que o Goberno "lle diga á empresa que as centrais nin se venden nin se segregan porque é o que di a lei e o sentido común". 

Pero Feijóo respondeu tamén, recriminándolle a Pontón que lle impute a autorización dunha venda "porque é falso" e acusouna de "incordiar". "Non deben incordiar e traer preocupacións á xente cando esas preocupacións non existen", dixo, para a continuación advertir de que se Ferroatlántica "presenta un expediente", a Xunta "falará cos alcaldes e, por suposto, cos sindicatos".  Con todo, non se comprometeu a impedir a venda. 

Posteriormente, Ana Pontón pediu ao presidente do Parlamento que retirase a expresión "incordiar" do diario de sesións, pero Miguel Santalices non creu que "ofendese a ninguén". 

Feijóo insistiu en que, no caso de que a empresa presentase unha proposta, analizaríase baseándose "no cumprimento da lei, a garantía de interese público e o emprego". Ante iso, noutra pregunta ao conselleiro de Economía, o deputado de En Marea Pancho Casal esixiu que se vetase a venda das centrais. Francisco Conde lamentou que a oposición "poña en dúbida o que di o Goberno" e reiterou que a posición da Xunta "non mudou un só milímetro" e que "en ningún momento a empresa solicitou autorización para a venda das centrais". "Pronunciarémonos cando se presente algunha solicitude", dixo. 

"Villar Mir non vai presentar ningunha solicitude ata que teña coaccionada toda a comarca e os medios", retrucou Casal ante un conselleiro que acusou a En Marea e o BNG de "vivir nunha realidade distinta" e intentar "terxiversar".  

 

A concesión que só a Xunta pode modificar

O cadro de persoal de Ferroatlántica considera que se estas centrais son vendidas a grupos alleos á empresa, as dúas factorías de ferroaliaxe en Cee e Dumbría acabarán por deixar de ser competitivas e por pechar. A compañía dá traballo a unhas 400 persoas, unhas 284 con contrato indefinido e arredor dun cento máis eventuais, e o seu peche suporía tamén a perda de varios empregos indirectos.

O certo é que Xunta é quen pode modificar unha concesión que é súa e abrir a porta ao proceso de venda no caso de que acepte esa desagregación que non é a primeira vez que intenta a empresa.

Sentenzas do TSXG e do Supremo certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e enerxética- son unha soa actividade produtiva

De feito, hai sentenzas do TSXG e do Supremo que certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva e que foron ditaminadas tras os recursos presentados por Villar Mir. O grupo empresarial propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado.

Daquela, o Goberno de Fraga e coa aprobación do Parlamento condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías.

En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica.

Feijóo intervindo no pleno © Xunta
Pontón fala con traballadores de Ferroatlántica no Parlamento © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.