Reféns dunha negociación a centos de quilómetros e de incerto futuro. Milleiros de persoas levan meses a agardar, tanto en Galicia como no resto do Estado, por unha cifra e unha data: o número de prazas que as diferentes Administracións Públicas convocarán nas súas ofertas de emprego público (OPE) e os prazos en que estes procesos selectivos se porán en marcha. No caso galego as cifras xa son coñecidas a grandes trazos, unhas mil prazas en educación e arredor de 1.600 en sanidade que non poden ser activadas ata que o Goberno de España aprobe as normas que rexen as OPE e as taxas de reposición, isto é, o número de baixas que poden ser cubertas. Estas regras apróbanse cos Orzamentos Xerais do Estado e o seu bloqueo, con especial incidencia na sanidade na educación, está a ser unha das principais ferramentas do Goberno de Rajoy para premer ao PSOE e instalo a aprobar as súas contas para 2017.
A convocatoria de oposicións nas autonomías depende dos Orzamentos do Estado; os sindicatos instan a buscar vías alternativas
A estratexia desenvolvida polos populares en Madrid no conxunto do Estado trasladouno a Galicia o presidente da Xunta sen que ningún dos dous gobernos teña en conta que os Orzamentos de 2016 están prorrogados e, daquela, tamén as normas da OPE dese ano. Primeiro fíxoo no Parlamento, onde trasladou a presión ao voceiro do PSdeG. Xoaquín Fernández Leiceaga propuxo ao Goberno formular un plan para "estabilizar" ata 2.500 prazas no Servizo Galego de Saúde e Alberto Núñez Feijóo asegurou que o seu Goberno está en condicións de convocar ata 1.600. "Pero ese pacto pasa por apoiar os orzamentos do Goberno de España", e se os socialistas non se suman á proposta económica de Rajoy, "ese pacto non se sostén".
Mentres a controversia se estende por todos os gobernos autonómicos -o andaluz, por exemplo, asegurou nos últimos días que convocará oposicións "si ou si"- o presidente afondou neste argumento este mesmo xoves tanto no que atinxe ao persoal sanitario como na educación, ámbito no que a Xunta vén anunciando unha convocatoria dun milleiro de prazas en 25 especialidades. Ese anuncio xa se realizou, di Feijóo, porque cómpre ter en marcha o proceso, a máis tardar, no mes de abril. Do contrario, o profesorado que lograse praza "non podería tomar posesión o curso seguinte", no mes de setembro.
A Xunta asegura que está en condicións de convocar 1.000 prazas en educación e case 2.000 en sanidade e Feijóo anticipa que, se non pode facelo, será culpa do PSOE
É neste punto no que traslada, como sucedera hai poucas semanas co AVE, a responsabilidade aos socialistas. "Levamos un ano falando do bloqueo e dos efectos que iso supón nas infraestruturas -o presidente mantén que o AVE a Madrid se demorou por esta causa, aínda que Adif seguiu tramitándoo co Goberno en funcións- e podemos entrar noutro, o das ofertas públicas de emprego". Unha vez que o PSOE "desbloqueou a existencia de Goberno", di sen mencionar explicitamente os socialistas, "o que non toca agora é bloquear a gobernabilidade de España". Se no mes de abril os orzamentos estatais non están en marcha e as oposición non puideron ser convocadas a "responsabilidade" non será do Executivo do PP, senón "de quen non deixan que haxa OPE".
Neste contexto, Feijóo pecha a porta á vía que, no ámbito do Estado, xa apuntan algunhas organizacións sindicais como a CSI-F. Que se os Orzamentos non son desbloqueados, Goberno e oposición artellen "un acordo parlamentario "impulsen a oferta de emprego público a través dun acordo parlamentario", xa que o persoal e a cidadanía á que atende "non poden ser reféns das negociacións" orzamentarias. Segundo Feijóo, "hai que aprobar a lei na súa totalidade, non imos aprobar só un artigo, esperemos que se vaia desbloqueando".
A CIG-Ensino lamenta que as oposicións sexan empregadas como "arma política" e advirten á Consellería de que "baixo ningún concepto aceptaremos pór en tea de xuízo a convocatoria"
No ámbito galego, no entanto, a representación do persoal insta a Xunta a non limitarse a agardar por un pacto en Madrid. Así o fai, por exemplo, a CIG-Ensino, central sindical que ve a oferta pública de emprego tornada en "arma política para aprobar os Orzamentos do Estado, sen considerar a incerteza, inseguridade e desconsideración á que se somete a opositores e opositoras". Neste contexto de interrogantes e ruxerruxes a organización sindical "púxose en contacto coa Consellería de Educación" e o departamento de Román Rodríguez, din, "nos transmitiu que continúan coa intención de convocar as oposicións", xa que "non teñen até agora ningunha comunicación do Ministerio" para suspendelas. "Baixo ningún concepto aceptaremos pór en tea de xuízo a convocatoria de oposicións en Galiza", advirte a CIG-Ensino.