A xestora do PSdeG anuncia "neutralidade" na batalla polo liderado do PSOE

Pilar Cancela dirixe a xestora do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

"Total neutralidade". Iso é o que a xestora do PSdeG vai trasladarlle á xestora federal e aos equipos dos candidatos ás primarias do PSOE. A dirección provisional do partido en Galicia, en medio da división socialista, di así poñerse "a disposición dos aspirantes á secretaría xeral" -de todos eles- e garantir a súa presenza "en todos os actos nos que sexa requirida nestes meses" de campaña ata a celebración do congreso. 

A xestora anuncia que trasladará á dirección federal e aos candidatos ás primarias a súa "total neutralidade" no proceso

O anuncio da xestora chega aos poucos días de que recrúase a batalla interna no PSdeG, especialmente a través do cruzamento de declaracións entre Abel Caballero, alcalde de Vigo, e os dirixentes da formación. O rexedor vigués, que manifesta o seu claro apoio á posible opción de Susana Díaz para a secretaría xeral do PSOE, acusou hai pouco á presidenta da xestora, Pilar Cancela, e ao actual voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, de ser "nocivos" para o partido por "regalarlle a maioría absoluta a Feijóo" nos últimos comicios autonómicos.

O que fora candidato á Xunta o pasado mes de setembro, pola contra, insiste en desligarse de calquera corrente na batalla electoral interna socialista e insiste tamén na neutralidade que lle esixiría o seu cargo de voceiro na Cámara galega. 

Mentres Caballero explicita o seu apoio a Susana Díaz, en Ourense os críticos coa dirección provincial agrúpanse no seu apoio a Sánchez

Ademais, e case ao tempo desa última acusación de Caballero, destacados militantes socialistas en Ourense creaban unha plataforma de apoio a Pedro Sánchez na súa carreira á secretaría xeral, un colectivo onde, ademais, xúntanse tamén todos os críticos coa dirección provincial do PSdeG e onde unha posible vitoria do ex-secretario xeral nas primarias sería tamén o primeiro paso para derrocar os xestores do PSOE en Ourense. Entre os integrantes atópase Rocío de Frutos, deputada no Congreso e unha das que foi sancionada logo de manter a súa posición e votar 'non' á investidura de Mariano Rajoy malia a postura acordada polo grupo parlamentario. 

Mentres, o outro candidato confirmado, o ex-lehendakari Patxi López, busca aliados en Galicia para fortalecer a súa candidatura, a primeira das anunciadas e a que, tras o anuncio de Pedro Sánchez e a máis que probable aposta de Susana Díaz, pareceu quedar en peor posición. A presidenta da xestora, Pilar Cancela, evitou amosar as súas preferencias persoais pero si apostou por adiantar o calendario galego. 

Así, lembrou que as datas para a renovación en Galicia están ligadas ás federais, aínda por pechar pero co congreso fixado en xuño, polo que entende que "previsiblemente" o calendario galego "terá que ser despois do verán". "Non sería malo se se puidesen adiantar os calendarios das federacións mesmo antes do verán para poder axilizar despois os procesos que veñen", dixo, tras asegurar que a proposta xa lle foi comunicada a Madrid. 

Por outra banda, Cancela, tamén afirmou este luns que o partido pasa dun ano cunha actividade “eminentemente electoral” a outro con dous obxectivos principais: a coordinación co grupo parlamentario para facer un traballo de “oposición contundente” ante “unha realidade que xa é evidente tras os primeiros 100 días do novo mandato de Feijóo: o ninguneo a Galicia desde o goberno de España, que non atopa resposta do presidente da Xunta”. 

Ademais, a xestora tamén anunciou que se centrará na "actividade congresual e na renovación das estruturas de dirección, primeiro a nivel federal e posteriormente nacional". Para isto aprobou este luns inicialmente as contas de 2016 e o orzamento para 2017 e a presidenta anunciou que o partido ten pasado “dunha situación crítica á normalidade orzamentaria”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.