Os concellos tamén convocan referendos

Vista de Monterroso, onde o Concello organizou unha consulta sobre a data das festas © Concello de Monterroso

Nos últimos anos a reivindicación da celebración dun referendo de autodeterminación en Cataluña vén dominando parte da axenda informativa. Anteriormente, a celebración de consultas semellantes -ben de ámbito catalán, ben de ámbito local- tamén centrou a atención dos medios. Porén, concellos de toda España veñen celebrando consultas cidadás (sen a consideración legal de referendos) con relativa frecuencia dende a Transición, tanto de forma oficial (previa autorización do Goberno central) coma de xeito oficioso, e preguntando por cuestión ben diversas.

Este martes o Concello da Coruña fixo pública a súa intención de convocar unha consulta cidadá "sobre o futuro dos terreos do bordo litoral da cidade"

Este martes o Concello da Coruña fixo pública a súa intención de convocar unha consulta cidadá "sobre o futuro dos terreos do bordo litoral da cidade", é dicir, sobre o espazo ocupado polo Hotel Finisterre e o complexo da Solana e mais sobre os peiraos interiores de Batería, Calvo Sotelo e San Diego, que a Autoridade Portuaria quere privatizar para construír neles edificios de vivendas e centros comerciais. Xulio Ferreiro anunciou que vén de encargarlle ao departamento municipal de Asesoría Xurídica un informe sobre os pasos a seguir para poder levar a cabo unha consulta. “O informe que se obteña servirá para marcar a folla de ruta a seguir de cara a poder levar a cabo este proceso que se desenvolverá da man da cidadanía. A xente ten que poder decidir sobre o futuro da cidade, e sobre como é A Coruña que quere”, dixo.

A pasada semana, o Consello de Administración do Porto da Coruña acordou suspender de forma temporal a poxa dos terreos do hotel Finisterre e A Solana. En paralelo, o Concello está en negociacións con Puertos del Estado para "garantir que a titularidade e xestión" destes espazos "sexan públicas". “O noso obxectivo, como sempre manifestamos, é acadar unha solución global para a fachada atlántica da cidade que garanta a súa titularidade pública", engadiu Ferreiro.

 

O procedemento legal

As consultas municipais oficiais deben ser autorizadas polo Goberno central, previa aprobación por maioría absoluta no pleno e debe tratar sobre asuntos de competencia local 

O procedemento para a convocatoria de referendos municipais oficiais está regulado pola Lei de Bases de Réxime Local de 1985. No seu artigo 71 recolle que os alcaldes "previo acordo por maioría absoluta do Pleno e autorización do Goberno da Nación", poderán someter a consulta popular "aqueles asuntos da competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, con excepción dos relativos á Facenda Local". Este tipo de consultas non son vinculantes e a lei fixa claramente os seus requisitos (acordo do pleno e que se refiran a asuntos que sexan competencia municipal). Con todo, as autorizacións do Goberno central en ocasións poden adiarse ata dous anos e moitas veces a resposta é negativa, case sempre aludindo a que a pregunta en cuestión se refería a temas sobre os que a administración local non ten competencias. Porén, ás veces o rexeitamento atende a razóns máis subxectivas, dándose o caso de consultas idénticas permitidas nun lugar e prohibidas noutros.

Dende 1985 o Goberno central autorizou máis dunha trintena de consultas, rexeitando máis do dobre (68 ata 2014), como recolleu esta información publicada por El País a partir dun traballo de José Luis Martínez-Alonso Camps. Os referendos municipais estiveron referidos en varias ocasións á cuestións urbanísticas, como a posible consulta coruñesa. Así sucedeu en 1994 en Palamós (Girona), cando se lles preguntou aos veciños e veciñas sobre a autorización para construír nunha praia virxe; en 2005 en Leiza (Navarra) sobre a apertura dunha canteira; en 2009 en Viguera (La Rioja), sobre a privatización dun monte público para abrir unha mina; ou en 2005, cando Puerto del Rosario (Gran Canaria) preguntou sobre a posibilidade de ocupar espazos públicos da fronte marítimo da cidade.

Outras consultas autorizadas trataron sobre o sistema de xestión de residuos (en Usúrbil, Guipúscoa), sobre a modificación do nome para o concello, sobre a ubicación de mercados locais ou a data escollida para a súa celebración ou sobre o cambio do día das festas populares da vila.

Nos últimos meses varias cidades veñen iniciando, ademais, procesos participativos para a toma de decisións, que conclúen cunha votación popular

Nos últimos meses varias cidades veñen iniciando, ademais, procesos participativos para a toma de decisións, que conclúen cunha votación popular. En Madrid, por exemplo, máis de 212.000 persoas exerceron o voto na consulta convocada sobre a reforma da Gran Vía e a Praza de España. De igual xeito, en Zaragoza os seus veciños e veciñas votaron en decembro para decidir o trazado da nova liña de tranvía. E fóra das grandes urbes, seguen a realizarse referendos cidadáns sobre os temas máis diversos, coma o que setembro tivo lugar en Salt (Girona) para pronunciarse sobre a instalación dun Ikea na localidade.

 

Referendos en Galicia

O pasado ano Monterroso e Ribas de Sil celebraron outro tipo de consultas para decidir sobre o cambio na data ou o lugar de celebración das festas patronais

En Galicia, o Goberno central denegou no pasado a autorización para a realización de varias consultas municipais. Por exemplo, en 1987 Monforte de Lemos pediu celebrar unha votación popular para decidir a ubicación da nova Casa do Concello. De igual xeito, en 1988 Xinzo de Limia solicitou realizar un referendo sobre o proxecto de desvío da estrada N-525 ao seu paso pola vila. Ademais, en 1995 Pobra de Trives propuxo convocar unha consulta cidadá sobre a denominación do concello.

Máis recentemente, o pasado ano, Monterroso e Ribas de Sil celebraron outro tipo de consultas, para decidir sobre o cambio na data ou o lugar de celebración das festas patronais.

 

Vista aérea do porto da Coruña © Porto da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.