A Audiencia tomba o intento de Baltar para afastar a xuíza que o investiga por acoso

Baltar, nun acto previo ás eleccións galegas de setembro © PP Ourense

Non hai caso. A Audiencia Provincial de Ourense vén de tombar o intento de José Manuel Baltar e mais do seu pai e antecesor nas presidencias da Deputación e do PP provincial, José Luis Baltar, para afastar a xuíza Eva Armesto na causa no que ambos son investigados -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencia e, no caso de Baltar fillo, tamén acoso sexual polo presunto ofrecemento dun emprego a cambio de sexo. Nun contundente auto ditado este xoves os xuíces da sección segunda da Audiencia ourensá desestima a recusación dos Baltar contra a xuíza e ademais condénaos a pagaren as costas o proceso.

O barón do PP e o seu pai e antecesor tentan dende hai tempo paralizar ou, cando menos, dilatar a investigación contra eles. Tras non lograr a nulidade do proceso nin a consideración dos presuntos delitos como prescritos ambos procuraron forzar a retirada da xuíza Armesto alegando que a tamén titular do xulgado de violencia de xénero manifesta "inimizade ou interese en contra" do presidente da Deputación ou do PP". As acusacións, segundo o avogado de José Manuel Baltar, son "inconsistentes" e teñen unha base "ideolóxica" que provocan que a xuíza non sexa "imparcial".

Estes argumentos, rexeitados tanto pola Fiscalía como pola acusación que exerce o partido Democracia Ourensana, chegaron á Audiencia e alí bateron coa oposición frontal dos maxistrados. O que os Baltar pretenden, di o auto, é "o afastamento da instrutora" para "substituír o seu imparcial criterio por outro que se axuste máis" aos seus "subxectivos intereses". Este propósito "supón a falla de todo rigor no recurso" e por estivo motivo debe ser rexeitado, explican.

"O que se pretende é o afastamento da instrutora coa finalidade de substituír o seu imparcial criterio por outro que se axuste máis aos subxectivos intereses" dos Baltar, di o auto da Audiencia

A recusación estivo dende a súa orixe "chamada ao fracaso", sinala o auto, porque os avogados "nin sequera especifican en que radica obxectiva ou subxectivamente" a suposta "parcialidade" da xuíza. Isto é, "en que consiste o seu especial interese, a súa amizade ou inimizade" ou a "cal das partes" atinxe. "Mal pode ser acreditada" a circunstancia alegada por Baltar pai e filla. As acusacións contra a xuíza Armesto son xenéricas e o que "cuestionan" non é a súa "imparcialidade", senón "as súas decisións xurisdiccionais" que, lembra o auto, se fosen "desacertadas" poderían ser "corrixidas" polas canles ordinarias.

Con esta decisión, contra a que non cabe recurso, a instrutora regresa a un caso do que se afastou mentres durou o trámite da recusación. Neste intervalo fíxose cargo del o titular do xulgado número 2 de Ourense, Luis Doval, se ben na práctica o asunto estivo parado. Daquela, a xuíza continuará a investigar para coñecer se, efectivamente, o ofrecemento de traballo a cambio de sexo a unha muller -tamén investigada na causa- por parte de José Manuel Baltar cando a Deputación aínda estaba presidida polo seu pai foi un acto constitutivo de delito.

Dende que este caso se puxo en marcha Baltar fillo foi reelixido como líder do PP de Ourense e durante a campaña das eleccións galegas compartiu numerosos actos con Alberto Núñez Feijóo e mais Mariano Rajoy. Previamente a dirección do PPdeG xa suxerira que unicamente esixiría responsabilidades políticas ao seu barón ourensán se chega a ser condenado.

Baltar, nun acto previo ás eleccións galegas de setembro © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.