A Deputación da Coruña asumirá o 45% do custo das obras de rehabilitación do parque do Pasatempo de Betanzos sempre que a Xunta asuma outro 45% e se sume a un convenio a tres, xunto ao Concello, para salvar este histórico xardín, que sofre unha continua degradación desde hai anos. As chuvias do pasado febreiro provocaron o derrubamento do muro dun estanque neste área, unha eiva máis que rebordou o vaso e que incidiu nas solicitudes de arranxo que desde hai meses impulsara a cidadanía a través da recollida de sinaturas.
Na xuntanza deste xoves, o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde betanceiro, Ramón García, pecharon o acordo para propor á Xunta “un convenio a tres bandas", no que Betanzos achegaría o 10% do custo das obras e Administración autonómica e Deputación o 45%, "a partes iguais, en dúas anualidades”.
Deputación e Concello propoñen un convenio a tres bandas no que administración provincial e autonómica achegarían o 90% dos fondos
Que o acordo saia adiante depende agora do que decida a Consellería de Cultura, que reclamou ao Concello de Betanzos que sexa el quen lidere a actuación e presente un proxecto. Este mesmo venres, o alcalde reunirase coa Dirección Xeral de Patrimonio para presentarlle o proxecto e a solicitude da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), logo de que o Executivo autonómico instase ao municipio a axilizar esa solicitude tras carecer a anterior dos informes técnicos correspondentes.
O proxecto de rehabilitación do Pasatempo suporía un investimento de 1,3 millóns
O acordo proposto supón tamén que o Concello de Betanzos sexa quen se encargue da redacción do proxecto técnico a partir do anteproxecto de rehabilitación que xa foi elaborado polo arquitecto Xan Casabella. O investimento sería duns 1,3 millóns de euros, mentres que os gastos de mantemento para o Pasatempo calcúlase nuns 100.000 euros anuais.
Con todo, Formoso lembra que, "aínda que a lexislación vixente establece claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta, a Deputación da Coruña está disposta a achegar o seu gran de area para salvar o Pasatempo e devolverlle a dignidade a un espazo de referencia”, sempre que a Administración autonómica se comprometa tamén co seu apoio económico. “É un esforzo que hai que facer”, indicou.
A Deputación lembra que a conservación do patrimonio cultural "é competencia da Xunta" pero di estar disposta a "achegar o seu gran de area"
"Esperamos que sexan receptivos na Xunta, posto que se trata dun tema importante para Betanzos”, engadiu o rexedor betanceiro, que explicou que o encontro coa directora xeral de Patrimonio xa fora solicitado en decembro.
O Pasatempo, erguido sobre unha superficie total dunhas 9 hectáreas, foi construído inicialmente en 1893 e rematado en 1914, a instancias do benfeitor e emigrante na Arxentina Juan García Naveira. Falecido o impulsor antes da Guerra Civil, o parque foise deteriorando e foi mesmo utilizado como campo de concentración para prisioneiros republicanos. Sufriu roubos, a construción dunha estrada polo medio e numerosos danos que estragaron varias pezas. En 1986, o Concello mercouno e levou a cabo obras de rehabilitacións durante anos, pero a degradación vén sendo constante desde hai uns anos debido ás dificultades para sufragar todos os arranxos necesarios. Ao desleixo institucional uniuse o vandalismo a través de pintadas, a vexetación que afecta muros e esculturas, a acumulación de lixo ou a oxidación en diferentes elementos.