O pasado decembro Galicia vivía dous asasinatos machistas en apenas dous días e, por este motivo, o derradeiro pleno do Parlamento dedicouse case monograficamente a abordar as medidas contra a violencia machista. Nesta liña, na quenda de preguntas daquela sesión o presidente da Xunta fora cuestionado ao respecto das medidas do seu Goberno para combater as agresións de xénero, ao que Feijóo retrucara coa esixencia de non ligar este labor coa política. "Estamos falando dunha lacra que convén combater, non politizar", proclamara entre protestas da bancada da esquerda. Apenas dous meses despois o xefe do Goberno galego vén de lanzar a mesma esixencia, estendéndoa desta volta a todos os asuntos ligados á igualdade entre mulleres e homes.
Este sábado o PP galego celebrou en Santiago a súa Xunta Directiva e pola proximidade do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, tornouna nunha "homenaxe ás mulleres", con tres mesas temáticas protagonizadas por diversos cargos do partido, de concellos e do Goberno galego que debullaron cadansúas propostas en materia de igualdade. Propostas, daquela, lanzadas dende o acto político. O evento foi inaugurado polo secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado, quen glosou o "respecto reverencial da sociedade galega" cara ás mulleres e foi clausurado polo presidente. E, xusto despois de ata catorce intervencións políticas, lanzou a súa apelación a non "politizar".
O PP, explicou o xefe do Goberno na súa intervención, aposta por "apoiar a aquelas mulleres que queren achegar as súas ideas para engrandecer a política galega", un ámbito no que "o PPdeG empre foi pioneiro", mantén. Así, Feijóo chama a "recordar" que "dúas das tres primeiras deputadas do Parlamento" galego e "a primeira conselleira" da historia da autonomía eran do PP -eran, en rigor, de Alianza Popular-. Pero "malia isto, non se deben politizar os problemas das mulleres, senón resolvelos". "En canto politizamos a igualdade estamos faltando ao respecto ás mulleres" e por iso cómpre abordar a "loita" pola igualdade deixando de lado a "ideoloxía".
O presidente coida que "non se deben politizar os problemas das mulleres, senón resolvelos", e advirte que ligalos á política sería unha "falta de respecto"
"O camiño cara á igualdade paviméntase con feitos, non con palabras", proclama o presidente, quen non obstante sustenta esta afirmación referíndose a decisións netamente políticas, tales como a creación do Programa Galego de Muller e Ciencia, a decisión de "persoarse en todos os asasinatos relacionados coa violencia machista" ou a concesión de axudas a "81 iniciativas empresariais lideradas por mulleres", ademais da "creación do bono coidado e o bono concilia" como medidas de "conciliación" que, coida, favorecen a "corresponsabilidade" e promoven que "cada muller poida escoller libremente o seu camiño" sen que lle impoñan o "pensamento único".
"Galicia -conclúe Feijóo- sempre tivo nome de muller" e o país "non se entendería sen a achega de moitas mulleres coas que aínda ten débedas pendentes". "Cremos nunha Galicia que viva en feminino e que viva en liberdade", podendo "escoller libremente como actuar, como vestir, como pensar", e para iso cómpre a "abolición de todos os estereotipos de xénero que aínda sobreviven", dixo nun acto no que, por estar ligado a políticas sobre as mulleres, o PP substituíu polo rosa a cor azul habitual do seu logotipo.