Na primavera de 2013 o Servizo Galego de Saúde adxudicaba á empresa Iberman S.A. un relevante contrato. O mantemento da maquinaria de electromedicina -como incubadoras, mesas cirúrxicas, electrocardiógrafos, equipos de endoscopia e raios X, dializadores e, en xeral, os equipamentos que non entran na área de alta tenoloxía, como os TAC ou os mamógrafos dixitais- deixaba de estar nas mans do persoal público para, por 25 millóns de euros -uns 3 menos do orzamento de licitación-, ser xestionado por esta compañía privada na práctica totalidade do Sergas agás no novo hospital de Vigo, cuxa fórmula público-privada abrangue tamén este servizo. Apenas catro meses despois da sinatura do contrato, en novembro dese ano, chegaban as primeiras denuncias de deficiencias, formuladas por persoal da sanidade pública a través da CIG-Saúde. Agora, catro anos despois, o Consello de Contas certifica eses defectos e a Xunta admite o seu erro pola vía dos feitos optando por non renovar a contratación tras o seu remate.
A alerta do persoal, reiterada en diversas ocasións nestes anos, era clara. A empresa, advertían, carecía de "solvencia" para afrontar este delicado traballo e iso levábaa a reiterados "incumprimentos" do contrato, provocando problemas que ían dende o adiamento de citas ata atrasos na reparación de equipos, con episodios como o "abandono" de dúas incubadoras nun corredor do hospital de Lugo á espera de seren amañadas ou un dializador que "ardeu" en Santiago por reparalo "con pezas doutros equipos que levaban tempo retirados", explicaba a CIG. A Xunta, censuraban, "desmantelara" un servizo que "funcionaba perfectamente" en aras dun suposto aforro e sen ter en conta a atención aos doentes nin as recomendacións do persoal.
O persoal denunciou dende o inicio do contrato as deficiencias que agora certifica Contas
Con este pano de fondo o Consello de Contas fiscalizou, dentro do seu plan de traballo de 2014, o conxunto dos servizos de mantemento do Sergas, incluído o da electromedicina. E as súas conclusións cadran, esencialmente, coas denuncias do persoal. Sanidade, explica o documento que vén de ser remitido ao Parlamento, tomou a decisión de privatizar este servizo "invocando motivos de homoxeneización e optimización", pero non elaborou "unha análise fundamentada" sobre a "conveniencia de unificar" os traballos que xa tiña externalizados nin sobre os motivos que facían recomendable "prescindir de recursos propios adecuados para xestionar de forma directa o servizo".
Entre os "incumprimentos" figuran atrasos na reparación de equipos, arranxos "incorrectos" ou "deixar de asumir reparacións sen causa xustificada"
Con este pano de fondo, as "deficiencias" chegaron practicamente dende o inicio, con "importantes discrepancias de criterio" sobre os equipos que entraban ou non no contrato e o "alcance das reparacións" que cumprían. A continuación, constata, Iberman S.A. incorreu en incumprimentos de todo tipo, dende "excesivos tempos de resolución e, nalgúns supostos, incorrecta reparación dos equipos" ata "deixar de asumir determinadas reparacións sen cauxa xustificada". Isto provocou, como denunciara o persoal, que os equipos afectados ficasen "inoperativos" ata que, finalmente, fose o propio Sergas quen "asumise" o arranxo.
A empresa era deficiente nas reparacións, pero tamén "existen queixas en boa parte dos centros a respecto da idoneidade dos equipos proporcionados" para substituír os avariados, "pola súa inadecuación para o uso que se pretende". Tampouco existe "constancia de que a empresa cumprise co compromiso de renovación tecnolóxica" asinado coa Xunta e, ademais, "a empresa contratada non efectúa con regularidade as revisións preventivas do equipamento electromédico que ten encomendadas, incorrendo nun importante nivel de incumprimento".
"Motivo suficiente" para rescindir o contrato
Contas non ve "evidencia" de que se "alcanzasen aforros significativos"
Estas e outras "deficiencias e incumprimentos na execución contractual" eran, para o Consello de Contas, "motivo suficiente para a resolución do contrato en todos os seus lotes", xa que Iberman S.A. "incumpre os termos ofertados que foron determinantes en orde á adxudicación do servizo". Máis aínda tendo en conta que, aínda que a Xunta prevía aforrar case 3 millóns de euros con esta operación, "non se obtivo evidencia de que se alcanzasen aforros significativos" con esta privatización.
Sanidade admite algunha das deficiencias pero explica que non prescindiu da empresa ata a fin do contrato pola "dificultade da resolución anticipada"
Pero Sanidade preferiu non cortar coa empresa ata a fin do contrato pola "dificultade da resolución anticipada", a cal faría "precisa" a "substitución dun prestador por outro outros", que non sería "nin doada nin rápida". Nas súas alegacións ao contundente informe de Contas a Consellería admite que este contrato "tivo uns inicios complicados, con discrepancias en termos do seu alcance tanto cuantitativo como cualitativo", se ben resta importancia ás deficiencias xerais denunciadas e indica que houbo "melloras" no servizo durante o desenvolvemento do contrato, ademais de salientar que a empresa "cumpriu" en ámbitos como a renovación tecnolóxica e noutros eidos, "a execución" non chegou a ser "óptima", pero acadou un "nivel aceptable". Así e todo, admite, o pasado outono tomou a decisión de non renovar o contrato con Iberman, S.A.