Nova unanimidade a prol do traspaso da AP-9 entre receos polo veto do PP en Madrid

Inicio do debate da lei, coa intervención de Pontón © Parlamento de Galicia

De volta no punto de inicio. Practicamente un ano despois de que o Parlamento de Galicia aprobase por unanimidade a lei para, a partir dunha proposta do BNG, solicitar do Goberno de España a transferencia das competencias sobre a AP-9 a Galicia, a Cámara galega vén de adoptar, outra volta unanimemente, un acordo semellante. Desta volta o texto aprobado leva, de partida, a sinatura de todos os grupos e da súa redacción elimináronse os treitos aos que o gabinete de Mariano Rajoy se aferrou, a partir de cálculos erróneos, para vetar a súa tramitación nas Cortes Xerais. Ese bloqueo, precisamente, é o que pairou sobre o novo acordo galego mentres o PP di confiar en que non se repita pero, ao tempo, pide non "descualificar" aos seus compañeiros en Madrid se, ao cabo, volve suceder.

A diferenza fundamental a respecto do aprobado en 2016 é que a versión 'pulida' da lei explicita que aprobar o traspaso non suporá ningún "incremento dos créditos nin diminución dos ingresos" do Estado, salvando así o recurso ao artigo 134.6 da Constitución, e non fai referencia ningunha a un eventual traspaso, que a lei do pasado ano formulaba como hipótese. A unanimidade en torno a estes preceptos "ten a súa importacia", afirmou o voceiro do PP no debate, Martín Fernández, quen insta os grupos da esquerda a convencérense do "compromiso claro" do grupo que sustenta o Goberno con este asunto. "Senón, non se estaría tramitando".

Antón Sánchez (En Marea): "O PP garante a unidade de España, pero di unha cousa en Galicia e outra en Madrid"

Pero na oposición o apoio ao texto combínase co receo. "Estamos a debater de novo porque o PP español non tivo vontade política para aprobar a lei anterior" e bloqueouna "utilizando a manipulación e a mentira", reprochou Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea, quen censura que "malia contar co apoio do PP" galego "on temos garantido que o Goberno popular e os señores Rajoy e De la Serna vaian aprobar a tramitación desta lei". "O PP garante a unidade de España, pero di unha cousa en Galicia e non sabemos o que dirá en Madrid", ironiza, mentres En Marea apoia a transferencia en ambas cámaras e ademais, "avogamos polo rescate, porque cremos que sería un bo negocio".

Leiceaga (PSdeG) insta a Feijóo a "vencer a resistencia do grupo do PP no Congreso"

Como na anterior ocasión, a iniciativa tamén tivo o apoio do PSdeG. A Autoestrada do Atlántico, mantén Xoaquín Fernández Leiceaga, "pode xestionarse mellor" dende Galicia e o Goberno galego pode paliar as "deficiencias e insuficiencias" do vial, a comezar por "reducir" as peaxes mediante unha negociación na que, advirte, debería estar sobre a mesa "o imposto de sociedades a pagar" por Audasa, uns 500 millóns de euros ata a fin da concesión en 2048. Trátase, di, de lograr xestión directa para evitar paradoxos como que "a produción hortofrutíola do Bierzo chegue en mellores condicións á da Coruña que a do Rosal" porque "unha paga peaxe e a outra, non". A transferencia, advirte o socialista, é "posible politicamente, porque a maioría do Congreso xa se pronunciou", e por iso Alberto Núñez Feijóo debería abordar a "tarefa" de "vencer a resistencia do grupo do PP no Congreso", algo que o presidente da Xunta aclarou a semana pasada que non fará.

Pontón (BNG) lembra que o veto á lei galega estivo baseado en "falsidades e mentiras sublimes"

Segue existindo, daquela, o risco dun novo veto que para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non só foi "vergoñento e antidemocrático" por "desprezar" o aprobado en Galicia, senón tamén por "estar xustificado en falsidades e mentiras" como "que a AP-9 nos conecta con Portugal, cando sabemos que esa conexión se fai a través da A-55", ou como que "dá entrada aos principais portos e aeroportos", aínda que tampouco é certo. E canda elas, resalta, a "mentira sublime" do suposto custo do traspaso ao carón dun "método para calcular ao rescate que non é o que contempla a lei". Falar de "informe" é para Pontón, neste caso, "elevar" a "categoría" do documento co que Fomento nega á Xunta o que hai "moitos anos" que transferiu a "vascos e cataláns".

Fernández Prado (PP) insta a "non descualificar os deputados de Madrid" se volven bloquear a transferencia

Ante o risco de que o bloqueo siga onde está o popular Fernández Prado insta a fixarse só na "coherencia" do PPdeG, e non nas decisións do PP no seu conxunto. "O importante é manter esta postura unánime sobre a tramitación da lei", sinala o tamén concelleiro coruñés, porque supón defender "o interese de Galicia". "Pedimos que se respecten as decisións deste Parlamento", pero, advirte, tamén "debemos respectar as doutros parlamentos", en referencia ao bloqueo. "Os deputados españois defenden os intereses españois" e "ás veces non coinciden cos enfoques" da Cámara galega, pero "por iso non se pode descualificar aos deputados en Madrid". Segue o risco, así as cousas, de que o camiño da segunda lei remate no mesmo sitio que o da primeira.

Resultado da votación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.