A Deputación de Lugo presenta un orzamento de 85 millóns e agarda unha aprobación rápida

Darío Campos e Mayra García, deputada de Economía da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Un orzamento con moitos menos sobresaltos que o anterior. O goberno da Deputación de Lugo culminou esta semana o regreso de Manuel Martínez como responsables de Vías e Obras e tamén como vicepresidente e, xusto a continuación, vén de activar o trámite dos orzamentos. O proxecto de contas, de case 85 millóns de euros, afronta o que, a priori, será un proceso con moitos menos atrancos que os de 2014 e Darío Campos agarda unha aprobación rápida que terá a súa primeira cita en pleno o vindeiro día 14.

Despois de que o orzamento do pasado ano non puidese ser desbloqueado ata finais de xuño -fora aprobado inicialmente en marzo- mediante un pacto co PP e Martínez, daquela non adscrito, desta volta Campos amósase notablemente máis optimista e, di, agarda que o proxecto poida saír adiante mesmo por unanimidade. O apoio do Bloque, que sería dabondo, buscarao tendo como principal arugmento a inclusión no orzamento dun Plan Único para o reparto de fondos entre concellos semellante ao que xa rexe na Coruña e Pontevedra. "Distribuiremos estes fondos con criterios totalmente obxectivos, como xa fixemos en 2016 con máis de 10 millóns", se ben desta volta a contía a repartir é o dobre.

"Serán os municipios os que decidan o destino dos fondos do plan único", explica Campos, a partir dun "mínimo" para servizos sociais e infraestruturas. "Os municipios poderán decidir en que invisten a parte restante" nun contexto no que, no montante global do orzamento, estas dúas áreas absorben algo máis da metade do total, 44,5 millóns. Así, subliña, no eido social a área de Benestar gaña 2,1 millóns a respecto do pasado ano ata chegar aos 6,3, dos que 370.000 van parar "ao funcionamento das residencias e centrso de día cuxas obras temos rematadas ou estamos a piques de rematar", centros de maiores para os que Campos reclama a colaboración da Xunta.

Campos di non desbotar a aprobación das contas por unanimidade no pleno extraordinario do vindeiro día 14

No fondo de infraestruturas case a metade dos 18,4 millóns previstos financiarán melloras de estradas e no restante dos "tres piares" do proxecto, emprego e economía, Campos subliña os 6 millóns de "políticas de fomento do emprego". Ademais, subliña, "a de Lugo seguirá sendo a única Deputación de Galicia que asuma os custos municipais" dos grupos de emerxencias e "cumprimos cos bombeiros da provincia e incrementamos en 330.000 euros" as súas partidas salariais "co obxectivo de equiparar os seus salarios aos dos bombeiros de Ourense. Defendo que polo mesmo traballo e responsabilidade, o xusto é o mesmo salario", resolve.

Neste contexto, o escenario máis favorable para o goberno provincial sería a aprobación inicial das contas o día 14 como paso previo á luz verde definitiva. En caso de que tanto o PP como o BNG se opuxesen, o feito de que o goberno do PSdeG conte de novo con Martínez permitiríalle, en última instancia, ligar as contas a unha cuestión de confianza con plenas garantías de que os orzamentos sairían aprobados, aínda que cun trámite máis longo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.