0 Gardados para despois

O BNG adapta a súa Executiva á escisión cos cargos electos no centro do debate

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Tras o estourido, a xestión da onda expansiva. A Executiva Nacional do BNG comeza este luns a tomar decisións para reordenar o cadro de mando da formación frontista tras a escisión do Encontro Irmandiño, comezando por facer efectiva a baixa no órgano directivo do Bloque dos tres membros do partido de Beiras que se incorporaran a el tras a XIII Asemblea Nacional. O propio Beiras, xunto con Martiño Noriega e María Casar xa non asistirán ao encontro. Segundo fontes do EI consultadas por Praza Pública, non o farán "a petición" da dirección da fronte.

Esa solicitude de "non escenificar" a creba na propia Executiva chegou, atendendo ás mesmas fontes, nunha xuntanza mantida na mañá deste luns entre o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, o candidato á Xunta, Francisco Jorquera, e o líder 'irmandiño'. Así as cousas, os membros do EI causarán baixa e, a priori, deberan ser substituídos polos seguintes integrantes da Candidatura para un novo proxecto común, refundación e rexeneración do BNG, formada polos irmandiños e Máis Galiza.

O feito de que EI e +G concorresen xuntas á Asemblea facilita a substitución que, en caso contrario abriría un escenario máis complexo á hora de repartir os postos da Executiva en base aos votos da Asemblea. Así as cousas, Beiras, Noriega e Casar deberán darlle o relevo aos seguintes tres representantes da corrente de Carlos Aymerich na lista, isto é: Xulia Guntín, Xurxo Rodríguez e María Méndez Piñeiro.

Alén da recomposición deste órgano interno, o debate que se prevé máis tenso é o relacionado ao futuro dos membros do Encontro Irmandiño que actualmente ostentan cargos institucionais, esencialmente nos concellos, electos polo BNG, unha cuestión tamén abordada no encontro de Vázquez e Jorquera con Beiras. Neste sentido, a postura defendida polos irmandiños será a acordada na súa asemblea do pasado domingo, segundo a cal a Coordinadora Nacional do partido queda "facultada" para "para xestionar co BNG a separación en avinza preservando a unidade de acción, tamén nos espazos da representación institucional, na medida que for posíbel". Trátase, din os 'irmandiños', de garantir a "estabilidade" dos gobernos locais.

Aseguran dende o EI que Vázquez e Jorquera quedaron en "estudar" a decisión a tomar nos municipios. Así e todo, semella difícil que esa convivencia se produza de forma automática, dado que os membros da Executiva que integraron a lista da Alternativa pola Unidade defenderán que, cando menos, os irmandiños pasen ao grupo mixto dos concellos, unha circunstancia que afectaría a, por exemplo, o propio Martiño Noriega, alcalde de Teo. A resposta chegará na tarde deste mesmo luns, nunha comparecencia de Guillerme Vázquez ante os medios.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.