Sete quilómetros en 11 anos. Ese é o ritmo de construción do AVE a Lugo desde Ourense de confirmarse a apertura este ano do primeiro, e único, dos seus treitos, a denominada variante da Pobra de San Xiao, en Láncara, en obras desde 2007 pero que non se abrirá como alta velocidade senón como unha mellora da liña convencional. Así o vén de comunicar oficialmente Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria estatal. Porén, faino nun informe anual que en 2016 incumpriu, o que lle valeu un apercibimento da Comisión de Competencia.
A empresa pública inclúe a variante da Pobra de San Xiao no informe co que vén de comunicar as súas previsións de cada ano, documento que en 2016 incumpriu
En 2007, cando as obras do AVE galego avanzaban xa tanto no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo como na conexión coa Meseta, o Ministerio de Fomento decidiu atender as reclamacións de Lugo para non quedar descolgada da rede de alta velocidade e iniciar a construción dunha obra coa que pensaba matar dous paxaros dun tiro. A vía convencional entre Ourense e Lugo está salpicada de pasos a nivel que supoñen un risco para as numerosas poboacións que atravesa e á súa vez obrigan a reducir a velocidade dos trens, limitando a súa competitividade. Coa construción da variante da Pobra de San Xiao uns centos de metros cara ao oeste desa poboación evitaríanse varios deses pasos a nivel. Ademais, pensando nun futuro no que, segundo se prometía, todas as capitais de provincia contarían con AVE, o novo treito estaba deseñado xa con parámetros compatibles coa futura alta velocidade. Porén, nada diso pasou aínda.
A obra iniciouse en 2007 cun orzamento de 90 millóns de euros e un prazo de execución de 40 meses. Pero cando estaba a piques de rematarse, cos seus viadutos e túneles construídos e só pendentes de instalar as vías, os obreiros marcharon. Malia as reiteradas reclamacións para que se puxese en servizo un treito que por si mesmo xa melloraría a seguridade e as prestacións do ferrocarril, Adif non retomou os traballos nela ata o ano pasado.
O cartel da obra fala dela como “Nueva línea de alta velocidad Orense-Monforte-Lugo”. Porén, como o treito de 7 quilómetros non ten continuidade e é o único no que se realizou algún tipo de mellora nos cen quilómetros que separan Ourense de Lugo, cando a variante entre en servizo farao como unha parte renovada da liña convencional. De feito, das dúas seccións en que se dividiu a empresa pública Adif, a convencional e Adif Alta Velocidade, é a primeira a que xestionará o treito. É na súa Declaración de Rede 2017, o documento oficial no que cada ano comunica as características da súa rede, onde prevé a súa posta en servizo. Porén, o ano pasado Adif incumpriu ese documento, o que lle valeu un apercibimento por parte da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.
Ante a certeza de que o AVE a Lugo non avanza, Deputación e concellos veñen de asumir a proposta do Eixo Atlántico de realizar na liña convencional actual outras dúas melloras puntuais similares
Agora, con Lugo fóra dos plans máis inmediatos para a alta velocidade, a variante da Pobra de San Xiao serve de modelo para unha posible mellora a medio prazo da liña. Ante a certeza de que nin Fomento nin a Xunta construirán a curto prazo unha liña de AVE completa entre Ourense e Lugo, a Deputación e os principais concellos da provincia veñen de asumir a proposta do Eixo Atlántico de realizar na liña convencional actual outras dúas melloras puntuais como a da variante da Pobra de San Xiao. Con treitos novos similares en Rubián e Os Peares, unidos ao que Adif promete abrir este ano en Láncara, os trens poderían enlazar Ourense e Lugo nunha hora, uns 40 minutos menos do que tardan agora.