Dez concellos perden os seus rexistros da propiedade

O peche afecta a dez localidades, sobre todo das provincias de Ourense e Lugo Dominio Público Praza Pública

O pasado 4 de marzo o BOE publicaba o Real Decreto de modificación da demarcación de Rexistros da Propiedade, polo que se suprimen un total de dez oficinas en concellos galegos mediante a súa agrupación con outras oficinas situadas en localidades próximas. A medida afectou aos rexistros de Bande e Celanova (agrupados co de Allariz); Ribadavia (centralizado no Carballiño), A Pobra de Trives (no Barco de Valdeorras), Viana do Bolo (en Verín), Quiroga (en Monforte), Becerreá (en Sarria), A Fonsagrada (en Ribadeo), Ponte Caldelas (en Redondela) e Muros (en Corcubión). A mesma orde comunicaba a apertura de dúas novas oficinas nas cidades da Coruña e Pontevedra.

O Ministerio de Xustiza xustificou a medida, que se fará efectiva en xuño, na necesidade de adaptar a estrutura "á realidade da actividade do mercado inmobiliario, mercantil e de bens mobles actual", sinalando que as oficinas pechadas en Galicia presentaron entre 2009 e 2015 menos de mil documentos ao ano e que se atopan en situación de interinidade por ter ficado vacantes as súas prazas en dous ou máis concursos consecutivos.

Os alcaldes de Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Ribadavia, Bande e Muros denuncian o que entenden que é "un ataque ao rural"

En varias das localidades afectadas, os Concellos iniciaron nos últimos días negociacións e mobilizacións para evitar o peche dos rexistros. É o caso de Viana do Bolo, A Pobra de Trives, Ribadavia e Bande, onde os seus alcaldes denuncian o que entenden que é "un ataque ao rural". Nestas localidades, os plenos municipais debaterán mocións demandando o mantemento das oficinas, iniciando unha campaña na que queren involucrar os concellos próximos, que tamén se vén prexudicados pola medida e o obrigado desprazamento a outras comarcas para realizar estes trámites. O mesmo sucede en Muros e en varias localidades da súa contorna (Carnota, Outes ou Mazaricos), que tamén rexeitan a medida.

O peche afecta a dez localidades, sobre todo das provincias de Ourense e Lugo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.