0 Gardados para despois

O Consello Nacional do BNG propón unha nova dirección ampliada e reforzada con cargos electos

Redacción | @prazapublica

Unha executiva nacional que pasa de 15 a 19 persoas e un novo Consello Nacional reforzado con cargos electos e locais para, coas eleccións municipais de 2019 como obxectivo, amosar o traballo dos seus gobernos municipais como “escaparate” da capacidade do BNG para gobernar. Esas son algunhas das propostas do actual Consello Nacional do BNG de cara á asemblea que a formación celebrará a próxima fin de semana e na que xa están inscritas máis de 2.000 persoas.

A executiva nacional pasaría de 15 a 19 persoas e traballaría “coa vista posta nos comicios locais de 2019”

O Consello Nacional do BNG, máximo órgano de decisión entre asembleas, celebrou este sábado en Santiago a súa última reunión antes da XVI Asemblea Nacional da formación, que se celebrará o 25 e 26 de marzo na Coruña. No encontro, e tal e como prevén os seus estatutos, a dirección saínte presentou unha proposta de nova dirección, cunha lista de 50 persoas das que as 19 primeiras conformarían a nova executiva nacional, catro máis que a actual. Esta lista é a única candidatura presentada ata o momento para a asemblea da próxima fin de semana e o prazo de formalización de posibles alternativas remata este luns.

A lista feita pública este sábado está encabezada pola actual portavoz nacional e no Parlamento de Galicia, Ana Pontón; seguida polo tamén deputado autonómico Xosé Luis Rivas “Mini”; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e Eva Vilaverde, deputada provincial en Pontevedra. No listado, ademais de Vilaverde aparecen como novidades a respecto da executiva actual os nomes da portavoz do BNG en Bruxelas e próxima eurodeputada Ana Miranda, os deputados autonómicos Olalla Rodil e Luís Bará, e dos agora militantes pero cunha ampla traxectoria na formación Xavier Campos e Susana Camba. A lista ao Consello Nacional péchaa o anterior portavoz parlamentario da formación, Francisco Jorquera.

"Os gobernos locais son o escaparate da capacidade do Bloque para gobernar cun proxecto de país a favor da maioría social", di a formación nacionalista

A formación nacionalista asegura que chega á asemblea “tras un intenso debate iniciado hai un ano co lanzamento do Proceso Adiante e no que teñen participado máis de 2.000 persoas entre militantes e simpatizantes” que culminou cunhas teses políticas que “pasaron por un amplo debate na totalidade de comarcas do país e chegan Asemblea Nacional con consenso moi amplo das bases, sen que se tivesen formulado emendas a totalidade nin ningún voto particular aos textos”.

Segundo salientou o BNG, a lista presentada este sábado “conta cunha porcentaxe moi elevada de mulleres e de responsábeis municipais, xa que os gobernos locais son o escaparate da capacidade do Bloque para gobernar cun proxecto de país a favor da maioría social”. Tamén engade que “coa vista posta nos comicios locais de 2019, e tendo en conta que a seguinte asemblea nacional será en tres anos, a Estratexia Galiza Avanza tamén incluirá un plan de traballo específico para as sete grandes cidades”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.