O 74% dos xefes de servizo da Xunta están nomeados 'a dedo', incumprindo un compromiso do PP

Cargos de libre designación por consellarías Dominio Público Praza Pública

En marzo de 2015 o PP comprometeuse no Parlamento a modificar a forma de contratación dos xefes e xefas de servizo e outros cargos intermedios da Administración da Xunta, nese momento nomeados maioritariamente por libre designación (a dedo, como se di popularmente). A través da nova Lei do Emprego Público, que entrou en vigor en maio dese ano, o Partido Popular prometía que estes postos (máis de 500) "pasarán a proverse por medio dun concurso específico con convocatoria pública".

O 74% do total destes postos, que deberían ser cubertos por concurso específico de méritos, son ocupados por libre designación, un sistema que a lei só permite para cargos de alto nivel

Porén, dous anos despois ese compromiso foi totalmente incumprido. Segundo datos que achega o sindicato CSIF, o 74% do total destes postos, que deberían ser cubertos por concurso específico de méritos, son ocupados por libre designación, un sistema que a lei só permite para cargos de alto nivel (vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais ou equivalentes e as secretarías de altos cargos). Dos 880 postos de traballo que son susceptibles de ser provistos por concurso específico de méritos, o Goberno galego só cumpre a súa propia lei en 225, mentres que os restantes 655 se elixiron por Libre Designación.

O CSIF mesmo achega unha táboa na que se detalla a localización destes 655 postos de libre designación, que unidos aos 369 postos de alto nivel da Xunta (que legalmente si se poden escoller de forma discrecional) suman un total de 1.024, nuns datos nos que queda fóra a administración do SERGAS. Esta cifra representa o 13% do total de persoal funcionario da administración xeral autonómica. Medio Rural (125), Vicepresidencia (116), Economía (84) e Educación e Cultura (97) son os departamentos con máis persoal contratado a dedo en contra do comprometido polo PP hai dous anos. Porén, a situación esténdese a todas as consellarías.

En 2015 o PP prometía que estes postos (máis de 500) "pasarán a proverse por medio dun concurso específico con convocatoria pública"

O sindicato denuncia que "existe unha falta de vontade real do Goberno galego de cambiar o sistema de provisión a pesar das súas promesas". Algo que, di, "se está vendo nas modificacións das RPTs (Relacións de Postos de Traballo), nas que a pesar de que se contempla a provisión dalgúns postos de traballo pasándoos de Libre Designación a Concurso Específico, na práctica queda sobre o papel xa que a Consellería de Facenda impide que se execute a pesar de que o mandato da lei é directo".

A central tamén critica a resolución aprobada por Facenda en febreiro de 2016 "unilateralmente e en contra das organizacións sindicais" que estableceu "unha blindaxe para que determinados postos de xefes de servizo se seguisen cubrindo por libre designación de acordo con criterios arbitrarios coma os de especial responsabilidade, especial deber de sixilo ou especial cualificación profesional". "Curiosamente, estes criterios foron os mesmos empregados no seu día polo goberno bipartito criticados duramente polo PP cando estaba na oposición", engade CSIF.

 

O que di a lei

O sindicato denuncia que "existe unha falta de vontade real do Goberno galego de cambiar o sistema de provisión a pesar das súas promesas"

O artigo 91 da lei especifica que "as xefaturas de servizo ou os postos de nivel equivalente proveranse por este sistema, agás aqueles que, polas súas especiais características, deban proverse polo sistema de libre designación, con convocatoria pública". No artigo 92 detállanes estas excepcións: "Soamente se poden prover polo procedemento de libre designación con convocatoria pública entre persoal funcionario de carreira as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais ou equivalentes, as secretarías de altos cargos e, excepcionalmente, aqueloutros postos de traballo de especial responsabilidade ou cualificación profesional que se determinen nas relacións de postos de traballo". Ademais, unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública (do 25 de febreiro de 2016) establece estas outras excepcións, para postos ou ocupacións moi concretas (xestión de información especialmente reservada, xestión de datos persoais, persoal encargado da inspección da administración da Xunta...).

 

Complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.