O directivo de Adif investigado por homicidio e lesións en Angrois négase outra vez a declarar

Cortabitarte abandona os xulgados seguido por membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155 CC-BY-SA Praza Pública

Andres Cortabitarte, o director de Seguridade na Circulación de Adif ao que o xuíz instrutor da causa imputou, xunto co maquinista do tren, polos 80 mortos e 144 feridos do accidente de Angrois, négase a declarar. Cortabitarte estaba citado este martes no xulgado de Santiago, pero limitouse a acollerse ao seu dereito a non declarar argumentando que non o fará ata que a Audiencia Provincial da Coruña resolva o recurso que presentou contra a súa imputación.

O ex-xefe de Seguridade ao que o xuíz fai responsable de non evitar o accidente agardará a que a Audiencia resolva o recurso que presentou contra a súa imputación, a terceira que recibe

Cortabitarte foi imputado polo xuíz instrutor o pasado 10 de marzo nun auto no que di que era coñecedor da situación de risco que existía na curva de Angrois pero que “non consta que fixese ou ordenase medida ningunha destinada a avaliar e xestionar dito risco”. Cortabitarte chegou a autorizar que se desconectase a bordo dos trens Alvia o sistema de control constante da velocidade (ERTMS), co que non existía ningún sistema automático que evitase ou paliase o despiste que sufriu o maquinista, que non freou a tempo antes da curva. Hai dúas semanas, Cortabitarte recorreu esa imputación ante a Audiencia da Coruña argumentando que a responsabilidade de avaliar e corrixir ese risco era doutros departamentos de Fomento. Mentres non se resolva ese recurso, dixo este martes, non vai declarar.

Cortabitarte xa foi imputado e posteriormente desimputado pola Audiencia noutras dúas ocasións previas con outra vintena de altos cargos e técnicos de Adif. Nunha delas, chegou a comparecer ante o xuíz instrutor, igual que este martes, antes de que a Audiencia o desimputase a el e ao resto e, igual que hoxe, negáranse todos a declarar ata coñecer esa decisión. Porén, nesta ocasión varias resolucións da Audiencia previas á súa terceira imputación por parte do xuíz xa apuntaron como clave na investigación á figura de Cortabitarte, desta volta único cargo de Adif investigado.

Cortabitarte xa foi desimputado noutras dúas ocasións, pero desta volta a propia Audiencia, en resolucións previas, apuntara á súa figura como clave na investigación

Este xoves, ás portas dos xulgados de Santiago concentrouse un grupo de vítimas do accidente reclamando xustiza e, á saída de Cortabitarte, interpelárono sen éxito pedíndolle explicacións polo sinistro. Ao remate da comparecencia, Teresa Gómez Limón, portavoz da Plataforma de Vítimas, e Manuel Prieto, avogado do maquinista tamén imputado, Francisco José Garzón, compareceron xuntos ante os medios de comunicación. Os dous amosaron a súa confianza en que a Audiencia manteña a imputación e Cortabitarte declare á fin no xulgado case catro anos despois do sinistro.

Como director de Seguridade, Cortabitarte está tamén imputado por outro accidente ocorrido en Arévalo (Ávila) en 2010, no que un maquinista morreu cando o seu tren chocou por detrás contra outro logo de que fallase un semáforo no que Adif estaba a realizar probas. Cortabitarte deixou o departamento de Seguridade de Adif poucas semanas antes do accidente de Santiago, pero foi recolocado noutros cargos de libre designación da empresa pública, que o defendeu.

Membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155, concentrados ante os xulgados CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.