O persoal do 112 irá á folga indefinida desde o vindeiro 15 de abril

Rueda e Villanueva, no novo centro de Emerxencias da Estrada © Xunta

O persoal do 112 irá á folga. O comité de empresa do Servizo de Atención a Emerxencias de Galicia anunciou a convocatoria dun paro indefinido que comezará o vindeiro sábado 15 de abril. Logo de meses mobilizándose para denunciar as consecuencias do traslado da súa sede de Compostela á Estrada, os traballadores decidiron ir máis aló ao non atenderse nin escoitarse as súas demandas. 

O persoal advirte que irá á folga ata que a Administración os reciba

"Vémonos na obriga de convocar esta folga, que será indefinida, até que a Administración teña a ben recibirnos”, advertiu a presidenta do comité de empresa e representante da CIG, Isabel Moares, durante a comparecencia que este xoves levaron a cabo os representantes dos traballadores, que no seu conxunto serán trasladados á nova sede da Estrada na noite do 18 ao 19 de abril. Iso é o que supoñen porque a única inforamación que teñen é a que aparece nos horarios, onde o persoal sae duplicado e cunha parte na capital galega e outra na localidade veciña. 

Pero non é a falta de información o único que critican. Moares advirte dos erros que segue a dar a plataforma informática que se porá en marcha ao cambiaren de ubicación ou a "deficiente e insuficiente formación" que recibiu o persoal para este novo programa. Nalgúns casos, din, non chegou nin a vinte horas. Tamén denuncian a ausencia dun plan de continxencias de producirse fallos na nova aplicación ou a ausencia dun plan de traslado que teña en conta "os custos que vai supor para traballadoras e traballadores ao desprazarse diariamente á Estrada". 

Os traballadores denuncian os erros da nova plataforma informática e os problemas que isto pode provocar na atención das emerxencias

En canto ao programa novo que utilizará o persoal ao chegar á Estrada, Óscar Valadares, do comité de empresa, advirte que en caso de fallos poderán "facelo manualmente" grazas á súau experiencia, pero iso non quitará que "se disparen os tempos de xestión e resposta e que os medios de atrasen en chegar ao punto". Tal e como levan tempo advertindo, todas estas eivas, ao producirse na xestións de emerxencias, "supoñen un problema grave". 

"Empezar a traballar sen controlar por completo a ferramenta coa que teremos que facelo tamén é un problema", insiste Valadares, que lembra que o catálogo de emerxencias e os diferentes protocolos "non se aprenden ás carreiras". Para o comité de empresa, é "irresponsable" facer un traslado en pouco máis dunha semana "nestas condicións" e lembra que era aínda peor tratar de facelo, como estaba previsto, o pasado 15 de marzo. 

Alén de todo isto, os traballadores insisten no "custo" do traslado que se "detrae directamente dos salarios". De feito, o persoal do 112 cre que é "especialmente grave" o silencio da Administración e da empresa sobre estes devanditos custos do cambio de localización da sede que afectará 300 familias. Provocará unha diminución dos seus ingresos, segundo os seus cálculos, dun 14% e nuns salarios que andan arredor dos 1.000 euros.

O persoal denuncia que o traslado provocará a diminución dun 14% nos ingresos dunhas 300 familias

“Non son os gastos de desprazamento dun día, senón os gastos de desprazamento de 365 días ao ano que afectarán a todo o persoal”, denuncia Valadares, quen subliñou que non se é unha perda de poder adquisitivo como a que se dá cando sobe o IPC e non se adaptan a este incremento os salarios. “Imos ter unha perda directa dos nosos ingresos, porque ademais do aumento do custo da vida e de manterse os nosos salarios conxelados desde hai seis anos, agora teremos que restar os gastos en gasoil para ir e vir todos os días aos nosos postos de traballo”.

Ante esta situación, o comité advirte que manterán a folga mentres a Xunta non sente a negociar. Segundo din, "foi quen creou o problema e é quen ten que solucionalo". Ademais, o vindeiro luns, o comité de folga e a empresa reuniranse para marcar uns servizos mínimos. De non chegar a un acordo, terá que fixalos a Administración. Con todo, e ao ser un servizo de emerxencias, estes adoitan ser do 100%, aínda que hai unha sentenza do TSXG que aclara que o funcionamento non é como o dun día normal.

"A Xunta foi quen creou o problema e é quen ten que solucionalo"

De ser así, o comité de empresa considera que repercutirá na atención das emerxencias. "Haberá chamadas en espera pero non operadores dabondo, polo que se acabarán atendendo, pero cun tempo de resposta máis alto", din os representantes dos traballadores, que lamentan os problemas que se poidan derivar dunha folga á que se viron "abocados diante da ausencia de diálogo". “Nós non buscamos os efectos negativos”, asegurou. "Non imos á folga porque non teñamos outra cousa que facer senón porque non nos deixaron outra opción. Se algo ocorre, a responsabilidade será da Administración”, concluíu.

Ademais, o novo Centro Integral de Atención ás Emerxencias da Estrada concentrará antes de fin de ano as centrais galegas de operacións do 112 e do 061, pero acabará por ser unha central de coordinación global das emerxencias en Galicia. No intento de integrar todos os servizos implicados na atención de emerxencias, tamén confluirán os servizos para este labor da Garda Civil e a Policía Nacional. 

Esta fusión da xestión do 061 coa dos servizos non sanitarios alertara o seu persoal, que se manifestara claramente en contra. No novo centro da Estrada a Xunta investiu uns 8 millóns de euros. 

O comité de empresa do 112 anuncia a folga indefinida © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.